Entrevista:MANUEL BRAGADO | Presidente da Asociación de Editores | Luces

"A forza do libro galego será a dos lectores"

É un entusiasta das tecnoloxías da comunicación que conserva todos os seus cadernos de anotacións de papel, e tamén unha desas persoas que ve na crise unha oportunidade. Desde o pasado xullo, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado (Vigo, 1959), é o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), cargo ao que accedeu tras unha elección unánime. Coa mente na Lei do Libro, a implantación da era dixital e a internacionalización, o voceiro do gremio editorial ten previsto desenvolver unha rolda de contactos institucionais para transmitir a diferentes estamentos da Administración as inquedanzas dun sector sometido ás pancadas da crise e inmerso na súa propia metamorfose.

Pregunta. A fotografía é unha suma de retrasos no pagamento das adquisicións de libros para as bibliotecas, redución das subvencións de Política Lingüística aínda están pendentes de resolución, menos materias no ensino en galego ao abeiro do decreto do plurilingüísmo e unha diminución nas vendas estimada entre o 10 e o 15% reflectida na caída das tiraxes ao redor do 20%. A crise é só económica?

"A crise do libro é moito máis que a económica: estamos en tránsito"
"Xa apenas existe a edición de autor baseada na libraría de fondo"
"O consenso sobre a lingua está roto e iso está no cerne de moitas dificultades"
"Hai un silencio escandaloso dos políticos sobre unha xeración perdida"

Resposta. Algúns factores son conxunturais e confío en que se solucionen de forma inmediata, como a adxudicación dos contratos para a compra bibliotecaria de novidades editoriais. Sendo unha cuestión técnica, non impide o desacougo dos socios porque as novidades deberían chegar o antes posíbel a ese foco de promoción que son as bibliotecas. Mais a crise é moito máis que económica. A edición está en tránsito do analóxico ao dixital. Estamos a vivilo coa mesma incerteza que un editor bretón, alemán, madrileño ou catalán. Coexistirán os soportes impresos e os electrónicos.

P. Hai outros factores...

R. Que teñen que ver cunha crise, máis española, do modelo de edición cultural baseado na edición de autor e na librería de fondo, que xa apenas existen e que herdamos da cultura francesa tras a Segunda Guerra Mundial. Temos que nos decatar de que aumentaron os índices de lectura, de que non se editan xéneros e nin sequera libros, senón títulos de venda masiva con apoio cinematográfico. Iso cambia o xeito de editar. E mesmo no mercado galego tamén aparecen eses éxitos, da man dalgunha saga policiaca ou d'A cociña de Larpeiros

[editado por Galaxia en 2009, anda pola súa 9ª edición].

P. A mudanza é positiva?

R. Non valoro o fenómeno nin positiva nin negativamente, só constato que algo está cambiando na historia do libro galego despois de máis 150 anos e coido que haberá libros que se deixarán de editar. Por riba, tamén está en crise o prestixio social do noso idioma; para sermos máis precisos, unha crise do modelo que foi consensuado no período da autonomía e que estabelecía unha acción positiva para a lingua galega nos diversos eidos da vida social, educativa, institucional... Había un acordo que ninguén ousaba poñer en cuestión sobre a defensa da lingua, da cultura ou da industria editorial propia porque era unha tarefa de país á que contribuiamos desde todos os sectores. Iso está no cerne de moitas das dificultades actuais.

P. A ruptura do consenso ten arranxo?

R. Creo aínda que é posíbel restauralo desde o último punto onde estivemos todos xuntos, parafrasando á Real Academia Galega. Tamén teremos que ver cales serán os efectos da fusión das caixas nas industrias culturais galegas. Alén da conveniencia de contarmos cun instrumento financeiro semipúblico, a fusión vai supoñer unha merma importante dos fondos da obra social e cultural das caixas na medida en que o propio regulamento do FROB estabelece que parte deses cartos serán para pagar intereses.

P. Daí ese chamamento, entoado desde a AGE, á corresponsabilidade da sociedade de lectores polo futuro do libro galego.

R. Cando, en 1989, Víctor Freixanes se fixo cargo de Edicións Xerais dixo confiar na forza dos lectores. Ese lema, nacido nun intre importante para a empresa, está hoxe máis vixente que nunca. A forza do libro galego será tamén a forza que os seus lectores queiran imprimirlle, por iso deberán ser o máis numerosos, entusiastas e xeracionalmente diversos posíbel. Por suposto, contando co apoio das administracións.

P. De que maneira deben contribuir as administracións?

R. A lectura ten que formar parte da axenda política porque é expresión de civilidade e un comportamente que favorece o benestar de todos. Creo que todas as administracións e institucións, principalmente a Xunta pero non unicamente, deberían fomentala e promovela, mesmo as empresas privadas, como acontece noutros países. Sobre todo, pensando no futuro, xa que a utilización dos medios electrónicos require de lectores máis críticos e mellor formados, capaces de xerarquizar a información.

P. Os cidadáns deben reaxir fronte a certo desleixo político?

R. O que vaia suceder co futuro da lingua e da cultura galegas, polos medios que sexan, só vai depender de nós: co que fagamos como consumidores de produtos culturais, polas opcións que adoptemos nas nosas opinións e no noso comportamento lingüístico ou co noso dereito lexítimo a expresarnos politicamente cando somos requeridos. Por importantes que sexan as accións políticas. Como estamos a comprobar no congreso, que se está a celebrar estes días en Compostela, do IBBY, os premios Andersen son sufragados por unha empresa privada coreana. Ademais de crear emprego no clúster do automóbil, Citröen podería colaborar no fomento da lectura, ou o grupo de empresas de Amancio Ortega... A política é importante, pero a mobilización social, a insubmisión lectora, é decisiva.

P. O curso escolar comeza con menos materias impartidas en galego, o que significa menos libros publicados nese idioma.

R. Despois de tantos esforzos, é triste que xa non editemos libros de texto de matemáticas ou de física en galego. Na facturación vaise notar o curso que vén e os seguintes, porque este ano, segundo o modelo de gratuidade do bipartito, co que por certo non coincidiamos, tampouco os iamos vender. Con seguridade non os ofertaremos os vindeiros, polo que esas perspectivas se reduciron. As leis están para ser cumpridas, mais preocúpame o celo co que a consellería observa o cumprimento do decreto do plurilingüismo en contraste co escaso interese por consumar outros marcos lexislativos educativos ideados durante 16 anos [de Manuel Fraga]. Hai menos entusiasmo para dar a coñecer as medidas do Goberno en contra do fracaso escolar, para aumentar os índices de competencia lectora ou para evitar que 300 investigadores das universidades galegas non perdan os seus postos de traballo o ano que vén e teñan que emigrar. O espeso silencio dos políticos sobre esta xeración perdida paréceme un dos escándalos máis grandes do noso tempo.

* Este artículo apareció en la edición impresa del viernes, 10 de septiembre de 2010.