_
_
_
_
XENTE DE AQUÍ | Ramón Cabanillas | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O fracaso dun éxito

A musa cívica é tan forte na literatura galega que mesmo creou autores como Ramón Cabanillas. Naceu da testa fendida da deusa da loita nacional como un designio, nunca puido escapar a esa fada que o marcou de nacemento. "Ya hemos encontrado al poeta, el gran poeta que nos llevaron el día que enterraron a Curros", así o presentou Basilio Álvarez. Porén, o súbito éxito de Cabanillas no seu tempo e a imaxe actualizada logo nos últimos anos do franquismo probabelmente fose un malentendido.

Cabanillas non tiña madeira de líder. Polo contrario, cada paso que deu na vida fíxoo tutelado ou pola man de alguén que turraba del. Como se aquel neno fillo de nai solteira, aínda que recoñecido polo pai, precisase dunha figura paterna. Herdou o lugar de Curros, o escritor civil e combativo, foi un pesadísimo herdo que cargou. Recibiu un público, cousa que a outros escritores lles leva tempo gañar libro e libro, mais foi reo dese público que demandaba poemas anticaciquís, republicanos e galeguistas. Está por demais que eses poemas seus son sentidos de todo corazón e, con todo, de seguro que el se sentía máis ben como un paxariño. O paxariño que se lle apareceu cando sendo novo no seu Cambados natal aínda non soñaba encetar unha obra poética e traduciu Preludi de Verdaguer: "(...) Ai, tenvos tanto / que contarlle á roseira o paxariño" e que se lle volveu aparecer en O paxaro de Armenteira. Un soñador activo, o mesmo impulso que o levaba a comprometerse na loita cívica esganaba ao paxariño. Nos anos que estudou no seminario compostelano gañou sona de bo lector e foi chamado para lerlle en voz alta os xornais ao cardenal. Así acabou sendo a súa sorte de escritor, a súa voz servindo aos demais. Como o paxariño a cantar para San Ero de Armenteira. E mais el tiña un don poético case natural, o latín estudado no seminario enfía os versos con gran sentido do metro e da imaxe e sobráballe sensibilidade. Viviu mergullado na vida social e sempre estrañando o vivir apartado nun convento: "No entanto, no scriptorium, do trafego arredados, / escribas silandeiros na táboa debruzados, / mergullados no enlevo dun litúrxico rito, / ó craror das fiestras abertas ó infinito (...)".

Cada paso que deu na vida fíxoo tutelado ou pola man de alguén
Ingresa na Real Academia Española a través dunha lei de Primo de Rivera

Por forza debeu de haber nel certa inmadurez que lle fixo camiñar tecendo cunha perna para aquí e outra para alí. Semella que a súa natureza foi a inocencia. Iso non quita que fose parrandeiro, foi expulsado do seminario con outros dous coma el. Tan lexítimo para el é un canto ao viño espadeiro como a saudade do lugar ou unha ensoñación artúrica.

De volta no seu Cambados, foi secretario dun notario e logo acollido pola familia Fraga que mandaba na vila: foi dez anos secretario municipal, protexido polos amos. Casa e comeza a ter fillos, anos de tabernas e coplas paveras. Porén, malia ter unha vida asegurada vai vendo que o camiño que ten por diante para progresar é a sumisión, comeza a roer nel unha incomodidade que o leva a editar xornais efémeros e sucesivos, El Umia e máis El Cometa, mostran un espírito inquedo. Cabanillas relaciónase xa co republicanismo e vai radicalizando as súas críticas ao caciquismo até que sinte que acora no país e decide probar sorte en Cuba, de alí pode ir a México ou a Nueva York. Fica en Cuba como comerciante e máis tarde administrador do Centro Galego, alí nace o escritor da man do gran Xosé Fontenla Leal, que será o instigador da Real Academia Galega. No ano 1910 publica o seu primeiro poema, Lonxe na revista Suevia. En Cuba, lonxe do afogo do país, expresa a súa rabia: "Hay que desengañarse, yo ya lo estoy, de que no nos queda más remedio que emplear la bomba redentora". Esa conciencia e mais ese ánimo fixo que ficase enfeitizado coa presencia e os tronos do abade Basilio Álvarez: "¡Ahora aullaremos, porque acuciados por el hambre no podemos ser más que lobos! ¡Lobos que pongan espanto a los capataces de la negrada! (...) ¡El día que me veáis claudicar, fusiladme por la espalda! ¡Viva Galicia redimida!". O patetismo do axitador agrarista acáelle ben ao rebelde que se expresa libre lonxe da terra, o seu himno para Acción Gallega: "¡Irmáns, irmáns galegos! / ¡Desde Ortegal ao Miño / a folla do fouciño / fagamos rebrillar!" "Antes de ser escravos, / ¡irmáns, irmáns galegos! / que corra o sangue a regos / desde a montaña ao mar". Estrofas como esas marcan o retrato dun poeta.

De volta na Terra volve traballar como secretario municipal en Mos, colabora con Acción Gallega e entra nas Irmandades da Fala pouco despois da súa fundación no ano 1916. Deixa a man de Basilio Álvarez, a quen seguirá admirando e co que seguirá a ter bo trato, e pasa a camiñar da man de Antonio Vilar Ponte. O entusiasmo, a visión e a capacidade organizativa deste animará a Cabanillas a escribir obras con máis ambición estética; para botar a andar un teatro nacional galego encárgalle dous textos teatrais, A man da Santiña e O Mariscal e por esta época escribe Na noite estrelecida, un poema artúrico que lle permite ensaiar na linguaxe poética. Nese entón é un militante máis das Irmandades, defende explicitamente o nacionalismo galego da Irmandade Nazonalista, a soberanía nacional, e o seu compromiso continúa até a fundación do Partido Galeguista e concorrer na súa candidatura a Cortes no ano 1931. Son anos frenéticos pois escribe a súa obra, participa nos traballos do galeguismo e ao tempo busca a vida sempre en equilibrios: é secretario dun político conservador, Leonardo Rodríguez, en Madrid; vive como un dandi no balneario de Mondariz protexido polo seu dono, Enrique Peinador; ingresa na Real Academia Española a través dunha lei do ditador Primo de Rivera, quen ao tempo que persegue o galeguismo político crea dúas prazas na RAE para a lingua vasca, catalana e galega. Equilibrios daquel "bohemio pulcro y distinguido", segundo Risco. Aceptar esa praza foille criticado e deixoulle unha fonda ferida. Uns anos máis tarde, en 1933, cun goberno da CEDA, a dereita radical, volve aceptar un posto remunerado nun Consello Nacional de Cultura e establécese en Madrid. A ferida xa non ten cura. En carta a Otero Pedrayo: "De maneira que ti podes ser profesor, Castelao pode ser empregado de Estadística, os demais o que se lle antolle, mais eu, que non teño onde caer morto, que teño sete fillos (...) non podo nin ser académico, nin podo ser dunha pobre xuntanza tan inocua, tan baleira e mal pagada (...) como o Consello da Cultura".

Cada paso andado vólvese máis tráxico, pois a sublevación militar contra a República cólleo en Madrid, fica no bando republicano doente de prostatismo e nunha posición ambigua, parece posicionarse claramente co goberno republicano e exílase a Valencia, volve colaborar cos republicanos galegos, entre eles con Castelao, e volve escribir poesía militante, "¡En pé, traballadores! / ¡Adiante os da milicia! / ¡Adiante os forxadores / dunha nova Galicia!". Porén, nos últimos anos fora renacendo nel un sentido relixioso e non partillaba as ideoloxías dominantes no territorio republicano. Iso, sumado á agudización da súa doenza, que lle fixo temer a morte, levouno á decisión de pasarse ao territorio nacional, onde tiña a familia quitado un fillo. A Guerra Civil fendeu vidas como se fosen porcelanas, a de Cabanillas tamén. "No comprenderás nunca, hasta el día, que ojalá nunca sufras, de dejarlo, lo mucho que se quiere a las piedras, los árboles, a los regatos, a los senderos. ¡Cómo han padecido mis ojos sin la visión de ese cielo! ¡Cómo ha sufrido mi oído sin los rumores de ese mar!". Cabanillas non podía aturar un exilio ou morrer lonxe.

Cun fillo falanxista e outro socialista a loitar en cada un seu bando, en Xuño de 1937 volta ao seu Cambados, "pobre, fidalgo e soñador". Alí seguira vivindo a súa muller a criar nos fillos. Alí convalece, vai facendo todos os ritos de humillación que esixen os fascistas e consegue a secretaría do Concello de Mos. É denunciado, investigado e de novo ten que redactar unha explicación exculpatoria dos pasos andados, da súa propia vida. O resto é derrota, necesidades, a longa miseria moral do franquismo. Reconstrúe os lazos personais e literarios cos galeguistas de Piñeiro, o exilio en Buenos Aires edita a súa obra completa e el edita en Bibliófilos Gallegos a Antífona da Cantiga. Tempadas no mosteiro de Samos que lle deron sosego espiritual, os dous últimos anos coa súa filla de volta en Cambados. O resto é cinza no Panteón de Galegos Ilustres.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_