Receitas varias para tempos de crise
A crise chega ás librerías, e non me refiro só aos efectos da crise económica, apreciables na ralentización da aparición de novidades ou na escaseza de título de xéneros pouco comerciais como os de poesía. Refírome á crise de valores que hai tempo padecemos, que o espellismo consumista nos impedía ver, e que agora se revela en toda a súa magnitude: non queda outra que recoñecelo, o rei vai espido.
E por se alguén non se decatara, chega a nós para proclamalo a voz lúcida, firme e, ao tempo, fondamente consoladora, de Amin Maalouf, a quen xa botabamos de menos en galego dende que o descubrimos grazas a Xerais no 2000 en A viaxe de Baldassare; por certo, unha novela que non perdeu un chisco de actualidade e que pode resultar iluminadora no inaprazabe debate do que deberían agromar fórmulas axeitadas para a convivencia entre oriente e occidente. Maalouf volta ao noso idioma co ensaio A deleiba do mundo. Sen ostentar de erudición, mais sen dúbida con moitas lecturas subxacentes, Maalouf fala dende a identificación co mundo árabe e co europeo, e dende a vontade de non renunciara ningún deles, e faino movéndose "entre a extrema inquietude e a esperanza", para dicir "que é tarde, mais non demasiado tarde" e que polo tanto o que cónpre predicar "non é a desesperanza, senón a urxencia". A urxencia de atopar o que Maalouf chama "un humanismo mobilizador" que nos permita poñerlle freo á regresión que se aveciña, unha tarefa á que todos os que estamos a vivir este estraño comezo de século estamos convocados.
En falando de poesía, reaparecen voces canónicas -Ramón Cabanillas, Luís Pimentel...- en antoloxías ou obras completas, unha aposta máis segura para as editoras pero que lle resta protagonismo ás voces máis novas. Á mesma liña canónica podemos adscribir Conversa, a antoloxía do cubano Roberto Fernández Retamar que traduciu Xosé Mª Álvarez Cáccamo e que abrangue case medio século de labor poético; ou os dous volumes da Poesía galega toda de Xosé C. Gómez Alfaro, publicada polo Pen Clube e Caixanova na cada vez máis imprescindible colección Arte de Trobar. Chega nestes días un feixe prometedor de novidades en Espiral Maior que leremos e comentaremos en xaneiro, con máis vagar, para aquecer na invernía co alento da poesía.
- SAÍR DO RECANTO
Somos moitas persoas as que pensamos que a cultura galega só poderá saír do recanto no que cada vez se atopa máis acurralada apostando por estratexias que lle permitan ser máis anovadora que aqueloutras coas que compite, que fagan que a cidadanía atope nela solucións orixinais para problemas novos: un destes problemas é, certamente, a superación da antinomia cultura científica/cultura humanista. A esa superación apuntan iniciativas como a versión galega do Tratado elemental de química de Lavoisier, en femosa edición ao coidado da Universidade de Santiago e a Fundación BBVA, e que aparece de xeito moi significativo na colección Clásicos do pensamento universal, a carón de obras de Séneca, Darwin, Freud, Newton ou Max Weber. Nun tempo coma este, na que a mestizaxe é case condición obrigada, o coñecemento ten que ser necesariamente promiscuo.
O diálogo entre cine e literatura, e un certo senso da oportunidade comercial, explican a moda do gótico e o terror fantástico: velaí A gorida do verme branco de Bram Stoker, ao que se lle debería reservar un sitio de honra nos andeis das nosas librerías por aquelo de ver se compite coa empalagosa saga Crepúsculo. Por certo, que a obra de Stoker está editada entre nós por unha pequena editorial, Urco, que posúe liñas específicas para terror, fantasía e ciencia-ficción, e que importou xa ao noso idioma obras de Washington Irving, Wilde, Jack London ou Poe. A recente aparición dos dous primeiros volumes dos Contos completos de Poe pode ser unha boa ocasión para achegar os máis novos a un clásico que nunca decepciona.
- APOSTA POLA NARRATIVA
A narrativa adoita ser o xénero máis socorrido á hora de agasallar un libro, e aí é onde os editores están a concentrar os seus esforzos, sobre todo nestas datas. Rencontros e estreas fornecen un abano amplo de opcións para todos os gustos.
Diego Ameixeiras amosa en Dime algo sucio que segue a madurar como narrador, versátil sen deixar de ser el mesmo. Cunha trama menos efectista do que viña adoitando, aínda que sen renunciar á intriga, Ameixeiras achégase ás dificultades do amor adolescente, á soidade do desamor, á particular forma de non-ser que implica a marxinalidade, ás distintas formas de exercer e padecer a violencia... no marco dunha cidade embelecida pola súa prosa e pola súa capacidade para crear imaxes contundentes. Todo isto, en cebn capítulos de non máis de tres páxinas, nin de menos de dúas, que marcan o ritmo dunha lectura á que non se permite a voracidade da precipitación. Voces como a de Ameixeiras confirman que a renovación xeracional da nosa narrativa está asegurada.
Pola contra, Suso de Toro fálanos en Sete palabras dende o alén, sobre todo dende ese alén xeracional do home que se atopa na metade do camiño e que, antes de seguir adiante, precisa facer unha pausa e mirar atrás, ordenar o seu pasado para que non se lle esboroe ese futuro que pasou a vida tentando construír. Sete palabras é un chamamento á reconciliación con nós mesmos, un convite a escoitar as voces que ecoan no noso interior, esas que o balbordo cotiá non nos permite escoitar e que explican o que somos. Avanza o escritor na liña espiritual das súas mellores obras cun título de fortes reminiscencias relixiosas: lembremos que na cultura xudeocristiana as sete palabras son as que Cristo pronunciou na cruz, aquel dramático "perdóaos porque non saben o que fan". Pero Suso de Toro dalle unha revirivolta final ao significado de tan epilogais verbas para convertela no colofón da vida dun home resumida ao cabo tamén en sete palabras: "e el, que era tan boa persoa". Hai tempo que o escritor viña anunciando unha obra sobre as súas orixes familiares, que parecía apuntar máis cara ao memorialístico biografico, e sobre a que pairaba o risco de verse finalmente reducida a unha guía de viaxes. Pero Sete palabras, sendo todo iso, é moito máis: unha ficción moi ben ensarillada, na que non sabemos moi ben canto hai de realidade e canto de invención pero tampouco importa, un convite á catarse, un esconxuro, un chamamento á procura incondicional da verdade. Superouse a si mesmo o escritor nunha obra que sinala un antes e un despois na súa andaina literaria (e, sospeito, tamén vital).
- REVÁLIDA E ESTREA
Volta Xabier Quiroga ao formato longo no que tan cómodo semella atoparse con O Cabo do Mundo, unha novela na que pon de manifesto unha vez máis a súa capacidade para crear, a partir da realidade, espazos literarios inquietantes e poderosos, nos que o ser humano semella un xoguete das forzas da natureza. Unha vez máis, a memoria da guerra e da represión interferindo na procura da propia identidade. Mais na miña opinión Quiroga pérdese nesta ocasión por un exceso de ambición literaria que lle leva a cruzar dúas tramas, a da anagnórese do protagonista e a da súa enfermidade terminal, que rematan por solaparse, por facerse sombra unha a outra e, polo mesmo, por anular a potencialidade dramática de ambas, que tamén se ve perxudicada pola inverosemellanza de certos aspectos da trama, sobre todo contra o final (a súpeta intervención de Reina na trama, o rapto do vello no hospital...) e que lle dan á resolución un certo aire de arbitrariedade que nos deixa un resaibo de desencanto ao remate da lectura.
Das estreas, salientar a de Begoña Caamaño en Circe ou o pracer do azul, onde relata a historia posible de Penélope e Circe. Fronte ao protagonismo que a mitoloxía lle concedeu sempre a Ulises, a escritora focaliza o seu relato nas dúas mulleres que van tecendo unha amizade epistolar, nunha sororidade que fai agromar o mellor de si mesmas. Ao cabo, nin Penélope era unha coitada, nin Circe unha lurpia, e se a primeira remata por negarse a seguir sendo víctima da dominación masculina,a segunda é quen de converter a súa illa de Eea nun refuxio onde as mulleres podían ser elas mesmas. As dúas, Penélope e Circe, teimando por mudar a historia que outros escribiron por elas. Velaí o que semella ser o obxectivo da autora que, nunha prosa exquisita, sae máis que airosa dun desafío asexado polo risco do pastiche.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.