Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Vinte anos despois do segundo nacemento do cinema galego

Vigo acolleu, en 1989, a estrea de 'Sempre Xonxa', 'Urxa' e 'Continental'

a historia do cinema en Galicia non existe a continuidade. Suxeito ás durezas do século XX, a súa prehistoria quedou fanada pola Guerra Civil. Só nos tempos serodios da ditadura comezou a certa reconstrución dunha imaxe en movemento autocentrada. Segundo o cineasta Xavier Villaverde, "antes daqueles días, houbo o equipo Lupa, o equipo Imaxe, Miguel Gato, Enrique Simón...". "Aqueles días" aos que se refire Villaverde transcorreron entre o 23 e o 26 de novembro de 1989 e acolleron, no Teatro Fraga de Vigo, a estrea simultánea de Sempre Xonxa, Urxa e Continental. "Reafirmabámonos no desexo e na posibilidade no desexo e na posibilidade de dispor dun cinema propio sazonado co irrenunciable ingrediente da lingua", escirbía o crítico Miguel Anxo Fernández, peza central da organización do evento.

Os tres filmes —de Chano Piñeiro (morto en 1995), Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, e Villaverde, respectivamente— pasaron aos manuais como o sinal que marca o cinema industrial e de aspiracións comerciais no país. "Presentar tres fitas foi un feito excepcional", fai memoria o director de Continental, "case parece unha ficción, visto dende hoxe". Á emoción de amosar en público unha obra, considera, sumábase facer parte dun acontecemento ideado para constituírse en historia.

"Aquilo foi espectacular e moi emotivo", resume Antón Louro, daquela subdirector xeral de Promoción Cultural e hoxe delegado do Goberno. Ás ordes do conselleiro de Cultura Alfredo Conde, entón no Partido Socialista, Louro encargouse do groso administrativo de Cinegalicia. "Miguel Anxo [Fernández] fixo un gran traballo e daba a impresión de que Galicia daba un paso adiante", opina.

Mais aquel paso adiante deu en miraxe. Polo menos esa sensación domina a memoria de Carlos Piñeiro, o cineasta que xuntou tres curtas para facturar Urxa, "a irmá pequena daquela tríade de películas". "Foi un día de moita ilusión. Máis alá do individual, para o audiovisual galego", conta, non sen certo agre no acento: "Pero pensabamos que as cousas ían ocorrer a máis velocidade, que en 20 anos teriamos un premio en Cannes, outro en Venecia...".

Fóra de Urxa, Continental e Sempre Xonxa manexaron orzamentos medio-altos para a época. E aínda que refugaban a categoría arte e ensaio, tampouco se adscribían á retórica da produción cinematográfica de masas. Continental propuña, en palabras de Xavier Villaverde, "unha estilización extrema do xénero negro" con Marisa Paredes e Eusebio Poncela "Moi ambiciosa", admite, "coa inconsciencia que che dá a mocidade". En Sempre Xonxa, o filme galego máis célebre e reposto un ano e outro na televisión pública, actuaban Roberto Vidal Bolaño e Uxía Blanco para defender unha narración de aire neorrealista sobre a ferida migratoria e o rural.

"Non é que Cinegalicia fose un fracaso", describe Piñeiro, "pero o cine galego orientouse cara a procura de mercado mediante a fichaxe de actores de resonancia estatal". Para o autor de Urxa, hoxe dedicado á docencia na Universidade de Vigo, "tentouse facer cinema español, sen ter en conta o valor da peculiaridade, sen buscar unha identidade propia". O discurso de Carlos Piñeiro arrímase á analoxía e certifica a necesidade de edificar parámetros propios: "A superprodución americana está aí, como a coca-cola; pero non temos que facer coca-cola, temos que facer albariño".

Antón Louro coincide na visión crítica, pero céntrase na cuestión gubernamental que comandou canda Fernández, Pepe Coira e Manuel González. "Había ideas, había ilusión e había ganas, o problema é que foi unha paréntese". Aquela Xunta tripartita —PSdeG, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego— durou apenas dous anos. "A xente que logo aterrou na consellaría non tiña ilusión, nin ideas, nin ganas; iso xerou frustración", conclúe. A análise é compartida por Miguel Anxo Fernández nun texto memorial de título Crónica das tres estreas: "Mágoa que o cabalo rematara rebentado, o orgullo esmagado polos que logo asomaron aos despachos".

Para Xavier Villaverde, o único dos tres cineastas que continuou activo na realización, Cinegalicia culminou o traballo dunha xeración e abriu o paso ao que se entende hoxe en día como "audiovisual galego". "Agora existe unha pequena industria, existe unha pequena produción", explica, "con todas as dificultades que se queira, pero calquera tempo presente é mellor". Logo de Continental, Villaverde rematou Fisterra: onde remata o mundo (1998), Trece badaladas (2002) e prepara a rodaxe d'O sexo dos anxos. Vén de presentar unha longa documental, Xitanos en Buenos Aires.

A épica de Sempre Xonxa, que se amplia ao proceso que desembocou no filme, integrouse no imaxinario popular galego como ningunha das outras dúas. Pero a Carlos Piñeiro, malia a súa posición disconforme, préstalle "falar do futuro". "O cinema galego debe fuxir dese pseudoestilo internacional que non existe en ningures", diagnostica, "e trazar filmes independetes, baratos, achegados ao cotián e con versión orixinal en galego".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 27 de noviembre de 2009