Luces

Morre a escritora cubano galega Anisia Miranda

Na década dos 60, a escritora Anisia Miranda atinxiu a categoría de best-seller. Foi cunha biografía sobre a infancia de Ernesto Che Guevara publicada pola revista Zunzún, na Habana. "Fixéronse catro edicións de 250.000 exemplares, un millón en total", facía memoria en febreiro de 2008, na Feira do Libro da capital cubana. Anisia Miranda, nada en Ciego de Ávila (Cuba), en 1932, filla de emigrantes ourensáns, morreu onte en Gres, Vila Cruces, onde residía co seu home, o tamén escritor Xosé Neira Vilas.

Casados dende 1957, logo de se coñeceren en Buenos Aires, a mesma cidade na que contactaron cos exiliados e emigrantes galeguistas, Miranda entrou á literatura galega da man de Neira Vilas. Mesmo dende a Cuba revolucionaria -aló residiron entre 1961 e 1992-, o activismo literario da escritora desenvolveuse en galego. Pardela amiga, Cantarolas, Os contos de Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia son algúns dos seus títulos. Outra das súas ocupacións traduciuse en versións galegas de poemas de Walt Whitman ou José Martí. "Anisia interesouse por aquela cousa de Galicia logo de ler un artigo titulado El idioma prohibido", rememoraba Neira Vilas hai meses, "e contactar cos exiliados Seoane e Lorenzo Varela."

Pero antes dos anos en Galicia, o traballo coas letras de Anisia Miranda resultou intenso. Se co seu marido fundara a editorial Follas Novas na capital arxentina, xa na illa de Fidel Castro compartiu redacción con Alejo Carpentier na revista Pueblo y cultura e acadou a xefatura de redacción do semanario infantil Pionero. As publicacións periódicas Zunzún e Bijirita, especializadas en lectores infantís, contaron coa dirección e experiencia de Miranda. Precisamente un facsímile de Zunzún presentouse na Habana o ano pasado.

O enterro de Anisia Miranda, na intimidade por vontade familar, é hoxe en Gres.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS