A imposíbel revolución industrial
O 2 de febreiro haberá dous séculos que unha turba de campesiños asasinou en Ribadeo ao marqués de Sargadelos, acusado de "afrancesado"
Cando o xeneral inglés Worster entraba en Ribadeo, ao mando de 7.000 homes, para proclamar rei a Fernando VII, Antonio Raimundo Ibáñez fuxía pola saída da vila cara a Foz. Aquel 2 de febreiro de 1809, o marqués de Sargadelos escapaba, a un tempo, da acusación de afrancesado e dos campesiños encirrados pola Igrexa e a fidalguía. Pero a multitude atrapouno. O mito de Ibáñez arrinca no asañamento co seu corpo e na posibilidade frustrada que representou a súa figura. Entre a lenda e a chave histórica, o creador dos primeiros altos fornos civís da Península Ibérica segue a provocar interpretacións diversas.
"O marqués é un produto industrial galego, burgués, de vida moi axitada, que se fixo rico partindo de nada", resume Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e presidente da Real Academia Galega, "alguén que soñou grandes cousas pero que veu antes de tempo". A anticipación de Raimundo Ibáñez materializouse no complexo industrial de Sargadelos, no actual concello de Cervo. Case tres centenares de traballadores empregaba o marqués nas fundicións da Mariña, no que o propio Barreiro cualifica de "protoindustrialización". "A morte tronzou o desenvolvemento da súa empresa", corrobora o catedrática de Historia Moderna Pegerto Saavedra, quen sinala "a grande iniciativa e determinación de Ibáñez para levar adiante os seus proxectos".
Ibáñez construíu os primeiros altos fornos de uso civil da Península
Fóra de técnicos e algúns asalariados, trataba os veciños en réxime 'servil'
O marqués de Sargadelos comezara as súas actividades comerciais en Ribadeo. "Tratábase dun centro mercantil pequeno pero importante", describe Saavedra. Nado nunha aldea de Santalla de Oscos -"territorio asturiano, culturalmente galego", segundo o profesor- en 1749, Antonio Raimundo Ibáñez trasladárase 19 anos despois á vila estremeira, hoxe lucense. O liño, viños e augardentes, o bacallao ou os potes de Burdeos conformaron, naquel tempo, as mercadorías nas que se especializou Ibáñez.
Pero Pegerto Saavedra, que redactou unha ampla biografía do marqués para o libro colectivo Empresarios de Galicia, preocúpase trazar unha contextualización exacta do ocaso do século XVIII. "O seu proxecto non aparece nun páramo", explica, "senón nunha zona
[o norte e a montaña da actual provincia de Lugo] de traballo do ferro". As ferrerías constituían o estadio preindustrial das fundicións de altos fornos nunha Galicia na que "non todo eran os que vivían de rendas e os campesiños; existía unha certa burguesía". Saavedra lembra o paradoxo dun país "con máis industria en 1800 ca en 1870". Así as cousas, o capital do burgués compostelán José de Andrés García foi o pulo definitivo, Real Cédula mediante, para a instalación da siderúrxica de Sargadelos, en 1791.
"Ibáñez foi un ilustrado no senso máis estrito", apón o novelista Alfredo Conde, autor da única ficción co marqués como protagonista: Azul cobalto. Historia posible do marqués de Sargadelos (2002). Conde refírese a "un home de empresa, innovador, progresista, que mesmo construía vivendas para os traballadores; o seu asasinato foi o asasinato da revolución industrial dos altos fornos". O Ibáñez que manexou o escritor non se corresponde con aquel "ao que maltrataba a igrexa, que o alcumaba de tirano e explotador de traballadores". "Os estados de unanimidade prodúcenme tembleque", asegura, "e documenteime para concluír que era todo menos un tirano". Para Isaac Díaz Pardo, que a canda o pintor Luís Seoane recolleu o nome de Sargadelos en 1963 e reinstituíu a célebre fábrica de cerámica, "era un home que tiña unha cultura superior á do momento".
Adóitase citar un dos títulos da biblioteca de Ibáñez, An Inquiry into the Nature and Causes of the Wealth of Nations, é dicir, o clásico económico de Adam Smith A riqueza das nacións (1776), como proba da ilustración do marqués. "Intelectualmente estaba moi preparado", di o presidente da Academia, "un erudito e un ilustrado, atrapado pola Guerra de Independencia". Baixo a acusación de afrancesado, -"algo afrancesado era, por fortuna para el", ironiza Barreiro Fernández-, Antonio Raimundo Ibáñez sufriu, segundo o historiador, a persecución de sectores reaccionarios da sociedade: "O modelo de sociedade da igrexa matou a un home que procuraba outro modelo diferente".
Pegerto Saavedra, no entanto, matiza a "mitificación" de Ibáñez e problematiza a súa adscrición ao nacente liberalismo. "Os procedementos que utilizaba Ibáñez para recrutar forza de traballo non resultaban exactamente 'liberais". Fóra dos técnicos siderúrxicos e dalgún persoal asalariado, os veciños carrexaban carbón e leña para os fornos en réxime "servil". "Era unha revolución industrial entre comiñas", afirma. Segundo a súa versión, o marqués de Sargadelos beneficiábase das tácticas mercantís do incipiente capitalismo pero custáballe aceptar os progresos que supuñan para os traballadores. "Ademais, malia a que existe ese mito de capitán da industria illado, o único certo é que o de Sargadelos constitúe o primeiro complexo industrial do país", relata, antes de impugnar a "equivalencia política que se fai ás veces" entre o Sargadelos do século XVIII e o actual. Antonio Raimundo Ibáñez non produciu cerámica no complexo industrial de Cervo até 1803. Polo camiño ficaron os proxectos de fabricar cristal ou téxtiles.
As dificultades da súa andaina conflúen no motín de 1798, cando 5.000 persoas tentaron axustizalo. "Foi a primeira folga revolucionaria da historia", considera Alfredo Conde, inflamada "polos mesmos poderes fácticos que logo acaban con el". Isaac Díaz Pardo, que iniciou a recuperación da memoria de Ibáñez dende Ediciós do Castro -o primeiro volume recompilou os escritos do pintor Felipe Bello Piñeiro-, fala de "envexa" dos señores do lugar. "Non podía ser un afrancesado porque, entre outras cousas, fabricaba munición para o exército español e para a resistencia guerrilleira contra os franceses", argumenta Díaz Pardo.
Xosé Ramón Barreiro alude á "monetarización" da economía que se enfrontaba á versión ancien régime das forzas vivas. E Pegerto Saavedra fala da "modificación conflitiva" do modo de vida tradicional que levaban canda si as instalacións siderúrxicas de Ibáñez. "E no barullo daquel dous de febreiro, houbo quen aproveitou para axustar contas", conclúe.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.