Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

María Ruído analiza as políticas da memoria en 'Plan Rosebud'

"Por que tanto balbordo por unha lei de mínimos?", di María Ruido (Ourense, 1967), a propósito da Lei da Memoria. As catro horas que dura o proxecto videográfico Plan Rosebud, onte e hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago, apelan de partida á zorra do Citizen Kane: o pasado non vivido é un pasado que se furta, pero pode estar gravado.

Tras dous anos de rodaxe, ducias de entrevistas e investigación en filmotecas e arquivos (da BBC á TVG, de fondos privados ao Imperial World Museum), a artista ourensá, en Barcelona desde o 2000, partiu a peza en dúas. A xénese do proxecto, estreada onte, é un traballo comparativo entre políticas de memoria entre Galicia, España e o resto de Europa. No seu ensaio en formato documental non hai tese. "Non é un documental historiográfico, non contamos a guerra nin a posguerra. Relátase o presente dos lugares da guerra e da memoria, como se cousificou a memoria e se construíron espazos turísticos".

Grande parte da película transcorre entre Londres -Gran Bretaña conserva 5 de máis de 300 campos de prisioneiros- e Galicia. De San Simón e o estatismo funerario de Normandía ao Valle de los Caídos, onde se entrevistou con xente da Fundación Franco. Aquí empézase a intercalar a reflexión sobre a imaxe,

Ao final hai dúbidas: "Nós partiamos da base de que as políticas da memoria nun estado coma o inglés, cun pasado democrático desenvolvido, serían extremadamente distintas ás do español, pero non o son tanto. Ao final, toda políticade memoria é unha política institucional". O que se lle foi ripando á cultura popular ocupa a reflexión da segunda parte que hoxe se proxecta no CGAC. "Tratamos de poñer en relación o traballo dos movementos sociais coas narrativas mediáticas habituais da Transición. Por iso quixemos evitar, na medida do posible, que saíra a narración dos políticos".

Por entre os exemplos escollidos de cine militante, ningún relato hexemónico. Do lugués Carlos Varela, fundador en 1976 da sociedade Nós, Cinematográfica Galega, a Cecilia Bartolomé -autora nos 69 da censurada Margarita y el lobo-, o cine de clase catalá ou as inglesas Nightcleaners. Imaxes de conflitos á marxe do consenso mediático. "As políticas da memoria son recordo e esquecemento", di Ruido. "E ten que haber escollas máis heteroxéneas".

O seminario Documentalidades, dirixido por Ruido, inclúe tamén a presentación dun libro sobre políticas da memoria e mesas redondas con especialistas como Teresa Vilarós, Carme Molinero ou expertos do thatcherismo como Frigga Haug.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 12 de diciembre de 2008