O rescate de Jenaro Marinhas
Unha mostra na Coruña recupera ao escritor, que viviu entre 1908 e 1999
Remata un ano de conmemoracións coa retrospectiva dun dos autores máis comprometidos de Galicia, Jenaro Marinhas del Valle. Naceu en 1908, como o seu amigo Urbano Lugrís, nunha Coruña de grande activismo galeguista. Na casa-museo Casares Quiroga da Coruña, o presidente da II República, a diana principal por mor do seu antiautonomismo, do semanario de crítica política que Marinhas fundou con Alfredo Canalejo en 1933, La Draga, exponse ata finais deste mes unha lembranza da vida dun home considerado "a memoria viva dun século de historia de Galicia". "E nom escarmento. E nom quero escarmentar", dicía un dos pioneiros da dramaturxia galega do século XX.
Integrante das Irmandades da Fala, membro fundador das Mocidades Galeguistas, participante na creación de Galaxia e da revista Grial xunto con Ánxel Fole, Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego e membro da Real Academia Galega durante 12 anos (1978-1990), coa que rompeu ao radicalizar a súa posición reintegracionista, Marinhas del Valle era, segundo Pilar García Negro, un lusista convencido firmemente de que "a lingua e a cultura galega teñen todo a gañaren na relación coa cultura e a lingua portuguesa". García Negro é unha das organizadoras desta homenaxe do Concello da Coruña que, logo de conferencias e representacións teatrais de obras senlleiras como A serpe (1952) ou O bosque (1977), remata agora con esta exposición.
Nos 80 renuncia á súa cadeira na Academia e abraza o reintegracionismo
Aínda queda moita obra sen editar, sobre todo poesía, dun autor que destruía os seus escritos a medida que enchía a gabeta do seu domicilio. O seu sobriño, o deputado do BNG Pablo González Mariñas, presentou o martes Amarga memoria, unha recompilación de poemas inéditos que o seu tío dedicou a amigos ou familiares mortos. Ten mesmo versos en francés, como Coeur supplicié, que se poden ver escritos de puño e letra nun pequeno caderno exposto na casa-museo Casares Quiroga.
Logo de compartir as bancadas do colexio coruñés de Don Laureano, un españolista de formación castrense, cos seus amigos Urbano Lugrís, Luís Seoane e Emilio Pita, Marinhas del Valle, que ao adoptar a ortografía portuguesa só conservou a orixe castelá do seu segundo apelido, publicou a súa primera obra en versos con apenas 19 anos, Quem serve esse é vil. Pero aínda que mudou os estudos, inacabados, de Filoloxía na Universidade de Santiago pola carreira de Empresariais para ser, dicía, un contable ou gardián de libros, deu nun dos escritores galegos máis importantes de teatro e poesía. É un "dos máis recatados pola vida", como asegurou Seoane nun artigo que lle dedicou en 1974. "Escribir era umha ginásia intelectual alheia a cualquer ambición artística ou literaria", aseguraba Marinhas, porque a esperanza de ser publicado era nula naqueles escuros anos franquistas.
A pequena exposición na Coruña salienta tamén, con fotos e escritos, a súa afección polas viaxes. Percorreu toda Europa, e se cadra por iso afirmaba que "a galeguidade (o sentir-se tal ou qual outro) nutre-se no raíz, a universalidade adequirese por contacto". Na década dos 80, ao carón de Ricardo Carvalho Calero, Marinhas apúntase "á rectificación da história de Galicia", como explica García Negro, e abraza o movimento reintegracionista que o fai non só renunciar a súa cadeira na Academia Galega, senón tamén deixar de publicar en Galaxia, ao estar en total desacordo coa liña culturalista do galeguismo que defendía a editorial. Pero o escritor e intelectual tamén participa, antes de falecer o 23 de decembro de 1999, do nacionalismo galego contempóraneo: foi candidato ao Senado en dúas ocasións nas listas do BNG, daquela liderado por Xosé Manuel Beiras.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.