_
_
_
_
Reportaje:Luces

A historia debaixo do mar

A extensión do litoral galego provocou, ao longo dos séculos, a acumulación dun gran patrimonio subacuático. A Xunta proxecta un centro de intepretación

"Todo patrimonio somerxido en calquera tipo de auga; mar, río ou lagos". A definición, improvisada polo director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, refírese ao obxecto de investigación da denominada arqueoloxía subacuática. A medio camiño entre o submarinismo e a historia antiga, en Galicia ocúpase, maiormente, do estudo de naufraxios. "Esa é a parte máis vistosa, máis evocadora, máis romántica, da nosa profesión", explica Miguel San Claudio, un dos escasos arqueólogos subacuáticos do país, "pero tamén realizamos moita obra portuaria". A Consellería de Cultura proxecta a construción, ao carón do Museo do Mar, en Vigo, dun centro de interpretación do "patrimonio subacuático", no que tamén se integran peiraos mergullados, edificios terrestres caídos nas augas ou pontes asolagadas.

"Coñécense os restos que están na plataforma continental"
"Galicia corta todas as rotas de navegación, iso explica os naufraxios"
"Non só se trata de buscar pecios, tamén hai moito de obra portuaria"
A frota de Padilla, afundida en Fisterra, é a que máis información ofrece

"A arqueoloxía subacuática comezou, en Galicia, nos anos 80". Fala Javier Luaces, arqueólogo freelance que se mergullou por primeira vez en cabo Silleiro hai 23 anos. "Procuramos uns canóns de bronce", relata, "que atopara un pescador submarino". Ao ano seguinte, Luaces participou nunha prospección da ría de Vigo. Entre 1989 e 1993, baixou aos restos da batalla de Rande, onde en 1702 a frota inglesa afundiu 25 buques procedentes de Veracruz e cargados co tesouro da Coroa española. "Trátase do xacemento subacuático máis emblemático, que deu lugar a lendas populares", afirma, "e que posúe un valor engadido: pola súa situación na ría, consérvase moito mellor ca se estivese en mar aberto". Mesmo o capitán Nemo arribou á contorna de Vigo na busca da prata dos mercantes españois.

"O naufraxio de Rande inscríbese no campo da posibilidade", opina Miguel San Claudio, propietario da empresa Archeonauta e autor de Tesouros asolagados, quen se refire a que "até agora, produciu máis historiografía ca arqueoloxía". O pecio de Rande sobreviviu, en palabras de San Claudio, a desfeitas como o polígono de bateas instalado na súa superficie. "É o naufraxio máis popular, e resultaría ben interesante pescudar nos barcos franceses de escolta [20 fragatas ao mando do vicealmirante Chateau-Renault] pero aínda non ofreceu resultados", recoñece. As augas toldadas do lugar impediron mesmo a obtención de imaxes.

Mais San Claudio, que chegou á profesión vía familiar -"meu avó e meu pai xa eran mergulladores"-, opta polo naufraxio da frota de Padilla en 1956. "25 barcos ao mando de Martín de Padilla foron a pique nunha gran treboada, na zona de Fisterra", apunta, "ese é o xacemento do que se tira máis información". O equipo arqueolóxico situou, polo momento, catro galeóns, todos a escasa distancia da liña de costa.

O escritor Hixinio Puentes, que traballa no eido histórico, asegura que "só se coñecen os restos que repousan na plataforma continental". Alén do Cantil, así chaman os mariñeiros a fronteira que separa a plataforma das grandes profundidades atlánticas, máis ou menos a 60 millas do litoral, "nin se sabe o que hai". Os dous exhaustivos volumes Os naufraxios na Galicia Norte recontan paquebotes naufragados na provincia marítima de Ferrol. "Suponse que o Santo Cristo de Maracaibo se atopa polas illas Cíes", di, afástase do ámbito dos seus libros, "e habería que vixialo, porque andan á caza del". O Maracaibo foi un dos paquebotes superviventes da batalla de Rande que, na escapada cara a Inglaterra, se extraviou na boca da ría de Vigo.

"Galicia é unha esquina no Atlántico pola que pasan todos os barcos que navegan cara ao sur", argúe Puentes. Un dos primeiros faros do noroeste, continúa, mandárono construír os ingleses a mediados do século XIX. "Estaban fartos de perder barcos nas nosas costas, e ergueron o faro en Prioriño Grande [no golfo Ártabro], e logo en Estaca de Bares e Fisterra", sinala.

Miguel San Claudio, a quen Puentes considera pioneiro na investigación de tesouros submarinos, coincide coas aprecicións do escritor. "Galicia corta todas as rotas marítimas, todas as liñas de navegación que unen o océano Atlántico co norte de Europa". E, para San Claudio, "falar do norte de Europa é falar dun 60% da historia da navegación". O arqueólogo enumera naves romanas, drakkar viquingos ou galeóns no perímetro marítimo de Galicia "que agardan a ser estudados no fondo do mar". "Porque practicamente todas as culturas ou civilizacións que sucaron os mares deixaron restos neste país", anota.

Hixinio Puentes, que asinou as novelas O bandido Casanova (1999) e Aguillóns de Ortegal (2005), lembra tamén o labor do mestre de Camelle José Baña Heim. "Fixo un traballo de campo impresionante durante os anos 60 de localización de barcos". O método Baña Heim baséabase en percorrer as aldeas da Costa da Morte, acompañado de alumnos, e recoller testemuños e lendas na boca da xente. Nas hemerotecas comprobaba a veracidade dos relatos paisanos. "Colleitou detalles moi substanciosos", certifica, e advirte: "Pero a lenda non serve para atopar nada; eu xunto naufraxios a partir de documentos históricos, que son moito máis recentes".

As dificultades do traballo de arqueoloxía submarina -e a súa curta idade: o primeiro mergullo de San Claudio foi en 1987, na Punta do Diñeiro de Fisterra, no galeón San Gerónimo- retrasaron o estudo dos "restos materiais da humanidade que agocha o mar". Hixinio Puentes láiase da tardanza: "Case todo o que se atopa a menos de 40 metros de profundidade xa o levaron". Os antigos chatarreiros do mar dinamitaban os pecios máis achegados á costa e revendían o material que aboiaba. O centro do Alcabre, en fase de anteproxecto, fará por sistematizar o coñecemento que, en terra firme, existe sobre o fondo do océano.

Submarinista con escafandro clásico, nunha fotografía de José Teira publicada no libro <i>Tesouros asolagados</i>, de Miguel San Claudio.
Submarinista con escafandro clásico, nunha fotografía de José Teira publicada no libro Tesouros asolagados, de Miguel San Claudio.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_