O segredo da 'nova narrativa'
Críticos e compañeiros de xeración dialogan arredor da obra de Camilo Gonsar, o autor de 'Cara a Times Square'. Galaxia prepara a compilación dos seus contos
Unha parte esencial da modernidade literaria do país construíuse con galegos perplexos en Islandia, Madrid ou Nova York, filosofía ao servizo do relato e unha gran sincronía cos debates conceptuais da época. Saen, adoito paseando, lavapratos cosmopolitas, ingleses ultranacionalistas ou eternos paisanos. Podería ser unha redución comercial da obra de Camilo González Suárez-Llanos (Sarria, 1931), Camilo Gonsar na escrita. "É a vontade de facer literatura moderna en galego", sintetiza Xosé Luís Franco Grande. Ao tempo, unha das primeiras tentativas de tracexar un discurso sobre a identidade -tamén a galega- desde o pensamento.
Galaxia prevé lanzar en outubro a reedición conxunta dos relatos de Lonxe de nós e dentro (1961), con sete engádegas posteriores, e Arredor do non (1995). Despois han vir Desfeita (1983) e Cara a Times Square (1980). A recente reedición de Como calquera outro día (1962) e a visibilidade da súa última novela, A noite da aurora (2003), permitirán o acceso por xunto ao corpus literario do autor sarriano.
"Representa a vontade de facer literatura moderna en galego"
"Xogou un pouco a ser unha especie de escritor secreto, pero iso é parte da súa propia concepción da autoría", di o poeta e crítico Manuel Forcadela. Nin oculto nin maldito, afortunadamente, malia afastarse do ruído e das fotos. Tampouco é ese o seu papel dentro do que Varela Jácome chamou Nova Narrativa Galega (NNG), primeiro intento de renovación técnica e temática da literatura despois da guerra. Os primeiros en facelo foron Gonzalo Rodríguez Mourullo, Ferrín e Gonsar. "Había que demostrar que a literatura e o idioma podían ser parte do movemento da cultura nova", di Mourullo, iniciador da nova xeira en Nasce unha árbore (1954) e, sobre todo, Memorias de Tains (1956). "A obra de Camilo é fundamental para entendermos iso".
Tamén para Ferrín, que debuta como narrador ao pouco (Percival e outras historias, 1958). O ourensán remarca o talento de Gonsar para dar conta da época: "Ese tipo de personaxes peripatéticos que camiñan moito pero nunca se aclaran son propios de moitas novelas do século XX; non están tan idiotizados os personaxes de Camilo coma os de Camus, pero nos dous casos responden á actitude dunha xeración".
"Non era como agora, que a xente manda os fillos ao estranxeiro só a estudar", engade María Xosé Queizán. "Eu cheguei a París en 1961 e non o podía crer, pero todos marchamos cunha man diante e outra detrás". Gonsar igual, sequera ao principio. O tamén académico Franco Grande atribúelle anos "máis ou menos bohemios" -entre Sarria e Londres, onde traballou pola mantenta- antes de marchar a ensinar lingua e cultura españolas á Universidade de Syracuse, por intermedio do profesor Ramón Martínez López e de Ramón Piñeiro.
A independencia de Gonsar é tamén a da maioría dos escritores vencellados á NNG, lonxe de ser unha unidade xeracional. Joyce, Kafka, Faulkner, as sagas nórdicas ou o existencialismo francés armaban tópicas compartidas, pero Gonsar -que chegou a aprender noruegués para ler mellor a Knut Hamsun- ía un pouco por libre.
"Unha vez escoiteille a Baroja falar mal de todos os escritores franceses agás Julien Green, e pensei que sería interesante", di con certa rexouba. O nouveau roman, ensaiado nomeadamente por Ferrín (Arrabaldo do norte) ou a Queizán d'A orella no buraco, parécelle "moi pesado".
O propio Ferrín destaca o ton e a forma "únicas" dalgúns microrrelatos de Arredor do non (en xogo co Arredor de si de Otero), entre a narración, o retallo e a reflexión. A ironía ultrapasa, a un tempo, a claustrofobia de Madame Bovary, o "problema dos nacionalismos periféricos" (Autoentrevista) e as aventuras gástricas de Céline nos baños públicos de Nova York.
"Foi un intento por facer unha narrativa menos erudita e máis lexible", resume Gonsar, en referencia á novela fundacional de Otero. Loubado nada máis empezar polos novos, pero tamén por Risco e Del Riego, o autor recorda moita paralaxe entre Lugo e Madrid, onde acabou Filosofía por libre: "Comparando a mentalidade de Pimentel ou Celestino Fernández de la Vega con aquilo... Eu en Madrid nunca oín falar de Heidegger".
Marx, polbo e Ramón Piñeiro
"Cando xorde a nova narrativa estabamos por diante do que se facía na península", remarca o crítico Xesús González Gómez. "Aquí xogábase coa enunciación literaria mentres o moderno en España era El Jarama. Pero cando en Galicia empeza a haber núcleos marxistizantes, desaparece o interese por Faulkner e volve o nouveau roman".
Deixando a parte as traducións de Faulkner dispoñibles daquela, Ferrín apón que a nova narrativa "sería inconcebible sen o marxismo". "Outra cousa é o que o carrillismo español admire a Antonio Machado". "Por outra parte", segue, "de terse publicado en Francia, Cara a Times Square non sería outra cousa que nouveau roman".
A novela de Gonsar, que para Forcadela pecha o ciclo da nova narrativa galega -Camiño Noia cita aquí Cambio en tres (1969), de Carlos Casares- inclúe unha das secuencias máis célebres da literatura galega: "Deixei ese país ós vinteún anos e non tiven endexamais o menor desexo de retornar a el e de vivir con aquela clase de xente". É o que lle di O Belga ao Narrador cando este descobre -grazas á afección compartida polo polbo-, que o seu compañeiro descoñecido en Nova York non é estranxeiro belga, senón estranxeiro galego. Acto seguido, o Narrador guíndao ao mar. O Belga, que di cousas como "ningún mundo tería razón de ser", podería encarnar aquí (Franco Grande) unha "eiva colectiva", dacordo ao pecado orixinal e a salvación formuladas por Risco n' A Coutada.
Para Forcadela, este primeiro desenlace de Cara a Times Square, cunha gradación insólita da ambigüidade, "desfai os mitos dunha xeración". "Tanto apátrida tanto apátrida", bromea, "e ao final o que lle gustaba ao Belga era o polbo". Forcadela aproveita para refrescar a carta que lle dirixe Ramón Piñeiro a Cunqueiro en 1951, incluída na recente edición de Olladas no futuro. "Piñeiro anticipa o modelo de literatura que el quere, o realismo máxico, antes incluso de que se desenvolva. É o modelo que el recomenda a Cunqueiro, e que entra en crise cos autores da nova narrativa". Non era modelo único en Galaxia, pero "todo o contrario ao realismo máxico era antipiñeirista".
"Tiven discrepancias co galeguismo oficial", di Mourullo, agora un dos avogados penalistas máis cotizados de Madrid, para xustificar o seu abandono literario. "Non me entendín con Piñeiro".
A vontade política de Gonsar expresouse a través do seu proxecto ficcional. No seu ingreso na Real Academia, en 2002, criticaba a manía de "encher ocos" na literatura galega. Se para algo estamos dotados, dicía, é para "desenvolver unha literatura desde unha perspectiva plurinacional". Unha perspectiva moi contemporánea, a dicir de Xurxo Borrazás, que recoñece en Gonsar "algo distinto". "Normalizar temas, paisaxes e diálogos supón un cuestionamento implícito do que se entende como identidade galega, que se constrúe a través de visións múltiples. Máis aínda tendo en conta de onde se partía".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.