Saturno e nós
En Milagre en Milán, de 1950, os protagonistas, veciños nun barrio de chabolas (autoconstrución, diría agora a perversa retranca do eufemismo), estenden a man non á procura de esmolas senón dunha raiola, do agasallo do sol. O valor que ten unha loaira, un estrelampo, no inverno coural! Iso foi o neorrealismo italiano. Unha sucesión de marabillosos, gozosos e perturbadores estrelampos no longo inverno da Europa de posguerra e que alongou o seu ronsel un pouco máis acó no calendario para quecer a nosa infancia de cines sen calefacción.
Milagre en Milán. Milagre en Italia. Milagre nas pantallas do mundo. Feixes de luz que viñeron abanear a historia do cinema, a relación entre a realidade e a cámara, entre o pobo e os artistas. Vittorio De Sica tivo que traballar toda a vida para pagar as débedas desa inesquecíbel triloxía que, xunto co Miracolo a Milano, completan Ladrón de bicicletas e Umberto D. Si, De Sica tivo que pagar aquel atrevemento. Así que talvez non é moi aquelado falar de milagre, non fago en repetirme. Xa vexo ao señor De Sica ollarme en fite á saída do cine Monelos:
Neorrealismo: "A simultaneidade, ou case, entre a ilusión e a desilusión"
-Miracolo? Fa un cazzo di freddo!
Mais se utilizo ese recurso de chave de cerralleiro é porque, visto dende hoxe, co devalar do cinema e da sociedade italiana, mergullada no que Umberto Eco chama a "neotelevisión", non podo deixar de contemplar como un feitizo o que supuxo o neorrealismo. Talvez a mellor época dun cinema local universal. Cando vexo Roma città aperta, cando vexo Mamma Roma, cando vexo L'Estrada, cando vexo La terra trema, cando vexo Accattone, sinto o impulso de abrir a fiestra na noite e berrar na noite un brinde a contratempo: "Viva Anna Magnani! Viva Franco Citti! Viva a nai que os pariu con tanto i! Rossellini, Vittorio, Visconti, Fellini, Zavattini, Pasolini, Risi... Monicelli! Ai quen pillara dous ou tres is!
Non. Si. Non foi un milagre casual. A alquimia transgresora do neorrealismo consistiu na mestura da sabedoría que viña da tradición da Comedia da Arte e a ollada comprometida e desmitificadora dunha nova conciencia social. O resultado, case sempre, un auténtico bo ovo duro. Esa era a esixencia do esixente Gombrowicz para unha obra das que hai ver ou ler.
-Marchando un ovo duro!
Pois iso foi o neorrealismo italiano. A vangarda cultural de Europa durante quince anos, polo menos. Unha factoría de ovos duros. Un cinema que abría os ollos á denuncia mais tamén ao gozo. Que facía rir e chorar. Por exemplo, do cinema de Federico Fellini hai unha anotación da estudosa Jacqueline Risset que a min me parece tremendamente suxestiva: "A simultaneidade, ou case simultaneidade, entre a ilusión e a desilusión". Por iso vemos tan próximo o neorrealismo. Esa simultaneidade é nosa. Iso miden as verdadeiras pexas e medidas do noso tempo. Parade un momento: Quen non sente esa simultaneidade? Trátase de algo diferente, máis profundo, que este estrondo de crise de sube baixa e mete saca.
Mais volvamos á idea da milagre. De como unha vangarda emerxe con semellante forza nun país en reconstrución. Moitos dos principais protagonistas do neorrealismo desapareceron. Un dos que aínda vive é Mario Monicelli. Ten máis de noventa anos, aínda anda activo, vai ser homenaxeado agora no Festival de Cine de Donostia. Oír o que di Mario Monicelli, director e guionista de ducias de obras de calidade, supón achegarse doutro xeito a ese modelo do neorrealismo que tanto nos podería inspirar.
Miguel Mora preguntoulle de onde saían tantas historias e Mario Monicelli fainos visualizar a milagre: "Moitas eran reais, outras saían dos libros, de contos que se oían, de historias antigas. O peixe estaba en todas partes: sucesos, tertulias... Inventouse todo: o cine negro, o spaguetti-western, as series mitolóxicas... Eramos mil persoas en total, sempre estabamos xuntos, íamos aos mesmos cafés e restaurantes, e alí cambiabamos ideas e pareceres. Había imaxinación e ganas de facer cousas. O país era pequeno e había que inventar moito".
Ocorre ás veces. A xente fala do seu, mais ti escoitas e descobres que están a falar de ti. Unha corrente vai polo espiñazo. Falan do seu pais, falan do teu.
Había imaxinación e ganas de facer cousas.
Dende que lin, escoitei, a Monicelli non se me van as súas lúcidas frases. Repítense como un leixaprén causal, necesario. Tan necesario para este tempo de centrifugadora, no que a maquinaria pesada non distingue os tecidos humanos dos inhumanos. Tan necesario para este tempo onde a competencia despraza ao compartir. Onde a polémica cultural se confunde co canibalismo. Onde os Saturnos arroutan de tanto comer fillos.
E Mario Monicelli, aos 93 anos, retrata aos berlusconis, que son máis dos que parecen, tamén no eido cultural: "A xente volveuse individualista e comezou a pensar en imporse ao veciño (...) A cultura rural foi básica no neorrealismo. Viñamos de aí, tiñamos a humanidade do campesiño. Os personaxes de Sordi eran terríbeis, prepotentes, listos para cometer calquera baixeza con tal de medrar, escuros. Nós contabamos iso e os italianos rían pensando que non ía con eles. Perdeuse esa cultura, perdeuse a visión do outro como un compañeiro e non como un adversario".
Galicia entrou no século cun movemento cívico, ecolóxico e cultural dunha creatividade insólita, non experimentada antes. A xente da cultura, como nunca antes, en intensidade e número, sentiu que era tempo de compartir e non de competir. Persoas que non se falaban, ou que se trataban como invisíbeis, de súpeto apareceron entrelazando vontades, partillando espazos, intercambiando ideas. Rindo xuntos. Facendo algúns "bos ovos duros". Saturno parecía xubilado, farto. E ademais, os fillos non se deixaban comer.
Non é por poñerme saudoso. Será que hoxe fun ao dentista. E que onte lin un estupendo artigo titulado O síndrome de Saturno, de Xosé Manuel G. Trigo (El Correo Gallego, 17.9.08). Mais non puiden evitar a ollada neorrealista sobre Galicia, a simultaneidade de ilusión e desilusión. Esa sensación de que as reflexións de Monicelli teñen moito de ver connosco. Para ben e para mal.
A milagre cultural en Galicia é posibel, agora que xa sabemos como son as milagres: partillar moitas soidades. Poñer a traballar en rede eses milleiros de persoas que teñen por patria a imaxinación e o humor. Que poden facer de Galicia un modelo, mesmo para rirmos todos dos insaciábeis Saturnos que aínda se moven, xa desorientados, no que Albert Camus chamou "a época da mala fe".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.