_
_
_
_
Reportaje:Luces

O editor de todos

Especialistas na obra de Ánxel Casal reclaman unha mellor proxección da súa figura - Edítase a primeira recopilación do seu traballo editorial

Co gallo do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, o pasado 23 de abril, o Seminario de Estudos Galegos e o Consello da Cultura aproveitaron para presentar a primeira recompilación "case exhaustiva", en palabras de Ramón Villares, da obra editorial de Ánxel Casal (A Coruña, 1895-Santiago, 1936), o home que, en cita interposta de Castelao, "fixo máis por Galiza que todos nós".

Cunha tiraxe de 500 exemplares, Ánxel Casal, un editor para un país, coordinado por Alfonso Mato, inclúe unha pequena mostra da pluralidade da propaganda política impresa por Casal durante a República, traballo do que se encargou Lourdes Pérez González. E, sobre todo, as cubertas e o rexistro cronolóxico dos títulos editados e impresos nas editoriais Lar e Nós desde 1924 ata 1936. "Do que se puido atopar", lembra Mato. Desde A miña muller, de Wenceslao Fernández Flórez, a primeira novela da colección Lar, con Casal de administrador e Leandro Carré de director-propietario, ata a Escolma d'artigos nazonalistas de Antón Villar Ponte, con data de marzo de 1936.

"Fixo máis por Galiza que todos nós", dixo del Castelao
Ernesto Vázquez Souza critica as "homenaxes de cartón pedra"

Do seu irmán Ramón, ideólogo das Irmandades e tradutor dos Dous folk-dramas de W. B. Yeats, que tamén imprentou Casal, é o primeiro libro de Nós, Historia sintética de Galicia. Del tiráronse 500 exemplares, que se venderon na súa case totalidade aos mestres galegos, segundo escribe Ernesto Vázquez Souza, cuxa tese (Ánxel Casal. Textos e documentos e A fouce, o hórreo e o prelo, os dous volumes publicados en Do Castro) alicerza este catálogo. A filosofía do proxecto editorial de Casal, de familia humilde, é coñecida: "Pubricar todas aquelas obras que estando escritas na nosa fala contribuian de calquer xeito ao seu máis grande uso sin perder o tempo en disquisicións literarias inuteis. Nós pensa e así o praitica, que hoxe en galego hai que escribir de todo e para todos".

En 1934, a consecuencia dos retrasos na saída d'A Nosa Terra -o Partido Galeguista retiráralle a impresión do voceiro nacionalista, que foi levado a Pontevedra-, Casal chegou a anunciar o peche de Nós, afogado pola contabilidade, nunha entrevista concedida a El Pueblo Gallego: "Acabarei de editar a segunda edición de Cousas e suspendo a editorial. Dá pena, verdade? Algúns libros, como Contiños da terra, véndense moi ben, pero os máis van saíndo cunha lentitude que esgota todas as resistencias. Non podo máis". Porén, aínda tivo tempo de editar máis de trinta títulos, entre eles o Fra Vernero de Otero Pedrayo, e ser o alcalde republicano de Santiago ata o 20 de xullo de 1936. O seu corpo foi atopado un mes máis tarde, arrebolado nun foxo da estrada de Cacheiras. Co saqueo, venda e posible queima da editora Nós, onde naquela altura se ultimaban obras de Ánxel Fole, Luís Pimentel, Luís Seoane ou Xosé María Álvarez Blázquez, perdéronse, ademais dos clixés do primeiro deseño galego, o arquivo, a biblioteca e a correspondencia de Casal.

Non houbo ningunha conmemoración no centenario do nacemento de Ánxel Casal, en 1995. Dez anos máis tarde, Compostela, que vén de inaugurar a Biblioteca Ánxel Casal, consagroulle o 2005, con profusión de homenaxes e a exposición, comisariada por Henrique Acuña, Os artistas de Ánxel Casal. Arte e edición nunha Galicia entusiasmada, con obras descoñecidas de Díaz Baliño, Castelao ou Xurxo Lourenzo.

Para Alfonso Mato, que comezou a xestar o proxecto deste catálogo en 2003, "resulta difícil de entender por que o mundo do galeguismo e da cultura galega non lle dedicou a atención que merecía ao home que fixo posible a publicación dos nosos clásicos". Vázquez Souza, moi crítico co labor do Consello da Cultura, fala de "homenaxes de cartón pedra". "É o efecto da destrución do Instituto Galego de Información. Canto custa dixitalizar toda a produción do libro galego ata 1936? Un bolseiro podería facelo". O rescate da biografía de Casal, partícipe de todas as angueiras posibles entre a esquerda republicana e o galeguismo, sérvelle para proxectar unha crítica contra as políticas de resistencia cultural do galeguismo interior: "Entre Casal e Piñeiro

[primeiro director editorial de Galaxia] acontece a guerra civil, e gañou quen gañou. Sen ser o caso de Álvarez Blázquez, Galaxia recolle os postulados da dereita galeguista desde unha concepción elitista da cultura propia de Ortega". "E os que despois rachan con Galaxia", afirma, "toman o seu modelo anticolonial esquecendo a tradición republicana do galeguismo".

Na memoria de Isaac Díaz Pardo, que remarca a necesidade de "estudar mellor a oposición entre Castelao e o piñeirismo", está o neno que trasladaba a correspondencia do seu pai, Camilo Díaz Baliño, e Casal entre as rúas compostelás Hortas e Carretas. Tamén a última vez que o viu "arengando á xente que esperaba novas tras a sublevación, na Praza do Hospital". "Falou de ir axudar aos irmáns coruñeses e alá fomos en dous castromiles. Non había armas agás algunha escopeta, pero si algúns cartuchos de dinamita dos mineiros de Lousame. Eu levaba dous".

Para Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao, "estamos sendo inxustos". "Habería que pensar nun Día da Cultura Galega, porque uns puxeron a letra, pero a música ou os azuis do Estatuto de Autonomía non foron obra dos literatos". O libro divulgativo de Seixas engadirase en breve á obra de Souza ou de Francisco Fernández del Riego (Ánxel Casal e o libro galego, Do Castro, 1983).

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_