_
_
_
_
Reportaje:Luces

Sen complexos de segundóns

Helena de Carlos e Luís Rei gañan os premios da Crítica española con obras que condensan aspectos singulares da etapa actual da literatura galega

A pasada fin de semana falláronse en Huelva os Premios da Crítica Española correspondentes ao ano 2007, un galardón que a miúdo pasa un chisco desapercibido por decidirse case sempre alén de Galicia e por premiar obras en lingua galega, vasca, catalá e castelá: entre tanta variedade, os medios de comunicación adoitan adicarlle ás nosas unha atención menor (por dicilo un tanto eufemisticamente). Permitan logo que reclame, pasados xa uns días, un pouco de espazo mediático tanto para o acontecemento como para os libros galardoados.

Entre tanto rebumbio de certames, convocatorias, fallos, dictames e demais saraos, que importancia poden ter para a literatura galega uns premios que mesturan allos con cebolas, nun prebe no que parecemos condenados ao eterno papel de segundóns? Pois xustamente esa, a da mestura, a de sermos parte dese amoado que forman as literaturas do Estado español e no que somos moito máis ca un condimento: somos un ingrediente fundamental.

A literatura galega é un ingrediente fundamental no Estado español

O Premio da Crítica Española goza dunha longa tradición pois foi instituído en 1956 co obxectivo de recoñecer a calidade literaria con independencia dos intereses e das presións editoriais e comerciais. Instituiuse así como un recoñecemento honorífico (pois non ten dotación económica) outorgado por profesionais da crítica e estudosos da literatura que achegaban o seu coñecemento e parecían garantir esa tan anceiada independencia de criterio. En 1976, e co afán de facer visible a diversidade lingüística e cultural de España, a Asociación de Críticos, que fundara e organizaba o galardón, decidía premiar tamén as mellores obras de narrativa e poesía publicadas nas catro linguas co-oficiais do Estado, e facíao por medio dun sistema de ponentes; estes, representando as literaturas galega, catalá e vasca, defendían as obras seleccionadas nas súas literaturas perante un xurado formado por sorteo entre todos os membros da asociación.

Pois ben, este ano por vez primeira a escolla dos textos merecentes do galardón, no referido á literatura galega, tivo lugar tras un intenso e produtivo debate que a Sección de Crítica Galega celebrou no Museo do Pobo Galego (fique aquí constancia do noso agredecemento por cedernos as instalacións). Convocados formalmente os máis de 30 membros que arestora a constitúen, alí botamos a mañá dun sábado a falarmos, a argumentar e rebater, a deliberar e, finalmente, a votar para escollermos entre unha lista dunha ducia aproximada de finalistas para cada xénero constituída previamente polas suxerencias de todos. E fixémolo sentíndonos vencellados, máis alá dos diferentes puntos de vista que cada quen poida manter, tanto pola convicción de termos unha literatura de extraordinaria calidade como polo noso común afán de facela visible como ingrediente fundamental, mesmo imprescindible, do amoado ao que antes me referín.

Benvidos todos aqueles que, dende o rigor profesional, queiran sumarse a esta tarefa. Xa non son tempos de terlle medo á discusión, nin de numantinismos acomplexados, nin de falsos compadreos. A literatura galega ten unha crítica tan competente, especializada e independente como calquera outra, pero ten, sobre todo, un feixe de escritores e escritoras de obra tan notable que case se defende soa. Os premios xa non os dá ninguén: gáñanos as obras. E xurados e críticos, velaí estamos, a actuar pouco máis que como mediadores.

E que dicir logo das obras gañadoras? Nesta xeira fórono Vigo de Helena de Carlos (Galaxia) na sección de poesía e O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez (Xerais) na de narrativa. Moito se falou xa delas, e máis que se falará, mais eu quixera agora salientar só un aspecto que, na miña opinión, ambas comparten (máis alá da súa indubidable calidade intrínseca): o de proxectaren unha imaxe ben cabal dalgúns dos aspectos máis singulares que nesta etapa caracterizan a literatura galega. Se Helena de Carlos representa o progresivo protagonismo que entre nós están a acadar dende hai tempo as escritoras, o seu libro é un novo froito da inspiración que a nosa poesía atopou sempre nos espazos de nós. Volta a autora ás paisaxes que a viron medrar, e faino coa dose xusta de saudade como para non resultar paralisante.

Pola súa banda, na novela de Rei Núñez atopamos algo que xa ven sendo común na última narrativa galega, e que mesmo a singulariza como tal. Refírome á capacidade para procurar inspiración na historia dende unha perspectiva orixinal que pretende, máis que ficcionalizar aquela, historizar a ficción. Dito doutro xeito, crear unha sorte de historia poética, paralela e alternativa, que consegue ensanchar os límites do real e que deste xeito amplía o concepto de Historia máis alá do convencional isto é o que foi para crear un suxestivo xogo de espellos no que o emprírico e o imaxinado se confunden en sutil interacción.

Parabéns logo a Helena de Carlos e Luís Rei, pero parabéns tamén a todos os que estamos a cociñar este amoado, pois a literatura galega terá neles uns eficaces embaixadores.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_