_
_
_
_
_
Entrevista:ROBERTO CORDOVANI | Director e empresario teatral | Luces

"O teatro precisa dunha campaña de popularización"

Pasaron xa dous anos desque Roberto Cordovani e o seu socio Eisenhower Moreno emprenderan unha nova aventura teatral en Galicia a bordo dunha nave chamada Teatro Arte Livre con peirao base en Vigo. Mais Cordovani leva dúas décadas constituíndo unha presenza habitual nesta escena, na que recalou convidado polo desaparecido Teatro Luís Seoane da Coruña. Unha identificación tal coa súa terra de adopción que os actores e empresarios de orixe brasileira levaron a pasada fin de semana a representación galega ao Festival de Teatro do Algarve.

Pregunta. Cantas veces escoitou vostede que lle chamaran tolo por abrir un teatro nos tempos que corren?

Resposta. Moitas veces nos chamaron tolos! Cando Eisenhower Moreno, o meu socio, e mais eu entregamos o proxeto ao Igape [Instituto Galego de Promoción Económica] estaba claro que non tiñamos os 300.000 euros que precisabamos para crearmos un teatro. Estiveramos buscando apoios até que acadamos a subvención, un 40% a fondo perdido. Aprobáronolo e déronnos un prazo de sete meses para desenvolver aquel esquema. Fixémolo en corenta e dous días! Tivémolo todo moi claro desde o principio. Eles aconsellábannos que nos trasladasemos a Lugo ou a Ourense, porque alí a axuda podería ascender ata o 80% e non quixemos.

"Vigo é unha cidade cosmopolita, mais con público que debe ser formado"
"Prefiro os clásicos porque non hai que pagar tantos dereitos de autor"
"O teatro é un espazo físico onde ensaiar a vida, un laboratorio"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

P. Preferiron Vigo.

R. Onde tiñamos pensado. Vigo é unha cidade cosmopolita, aínda que resta moito público que precisa ser formado. Por outra parte é unha cidade grande e a súa situación de proximidade con Portugal ía facilitar unha meirande afluencia de persoas... Tal vez a tolemia maior foi non aceptarmos marchar a outros lugares onde poderiamos gañar máis cartos!

P. Coñece ben a zona.

R. Vivo en Mondariz, pero non é só iso. Ter un teatro é un soño, no fondo, sobre todo se es dono da túa propia compañía. Traballar en Galicia é bo, pero os teatros que hai non abondan para tantas compañías como existen. As temporadas adoitan representar vinte ou trinta funcións e con ese número de espectáculos non se recupera o diñeiro investido.

P. Con todo, non é pouco ousado artellar temporadas de mes e medio con catro funcións semanais, como fan vostedes.

R. Na nosa política de programación o boca a boca é decisivo. E as mulleres, que representan o 80% dos nosos espectadores. A muller é máis dinámica e libre ao tomar decisións. Ás veces fago eu a taquilla, porque me gusta ver ao público que vén á sala. O que percibo é que cando a muller chega xa determinou o que vai ver, ela é quen busca a mellor localidade.

P. Resiste o tirón a mesma obra durante ese tempo?

R. Todos os empresarios teatrais andamos sempre á procura de novas posibilidades para motivar aos espectadores a entraren no teatro. O 80% do aforo está completo nas vésperas de festivos, o venres é o peor día, mesmo os xoves funcionan mellor, e o sábado volve subir. O domingo é o día da terceira idade. Cando facía referencia a que o público precisa ser formado pensaba sobre todo nos adolescentes. Moitos están ociosos ou metidos nos cibercafés e teñen preguiza para ler. Esa é a parte do público que estamos empeñados en conquistar. Temos un proxecto en marcha arredor das confidencias da mocidade para atraelos. Tamén queremos levar os espectáculos ao cárcere e traballar cos presos. Penso que Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart sería unha obra moi axeitada para iso. O teatro precisa unha campaña de popularización. Polas rúas de Londres respírase teatro, hai carteis, postos de venda... Aquí nin che deixan facer unha sinalización como a dos hoteis. Os carteis na rúa están prohibidos... Iso mingua as posibilidades de divulgación. Imaxina como é que os nosos permisos de apertura, tendo todo listo, demoráronse mes e medio!

P. Cales son as cifras de asistencia á sala?

R. Este ano os índices superaron aos do pasado. No tempo que a sala leva aberta superamos o medio milleiro de funcións. Iso abrangue os espectáculos propios como as cesións de sala, as funcións dentro da Rede do IGAEM [Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais] e as montaxes para nenos. Pasaron unhas 8.000 persoas, e iso que en agosto o teatro pecha e en decembro viaxamos á Arxentina para estrear Aurora en Bos Aires. Cando preguntamos á xente cómo tiveron noticia de nós o frecuente é que nos digan que alguén lles recomendou o espectáculo ou que o escoitaron anunciado na radio.

P. Cales son os seus plans á volta do Algarve?

R. A primeiros de abril repoñemos Evita, Eva Perón durante un mes, a obra que representamos en Portugal, despois a sala acollerá máis funcións da Rede, en xuño haberá varias actuacións musicais e estrearemos A volta do parafuso, de Henry James. É unha estrea porque só estivemos en Vigo con esta obra, catro funcións no Teatro Ensalle, en 2004. Alí, xusto, ocorréusenos abrir o noso teatro.

P. Semella que ten preferencia polos clásicos.

R. Porque son de dominio público. Ás veces hai que pagar tanto polos dereitos de autor que non compensa estrear un contemporáneo. Acabei recreando o mito de Greta Garbo porque quería falar da ambigüidade sexual que se retrataba en Memorias de Adriano. Ademais, personaxes como Eva Perón ou Dorian Grey son atraentes. Atopo máis interesantes estas personaxes, como Orlando, que supoñen un reto de documentación. Na obra que estamos preparando, Doutor Jeckyll e Mister Hyde entre Eisenhower e mais eu interpretamos 25 personaxes. Haberá video, efectos de desdobramento, choiva e acrobacias! Con todo, sigo pensando que o centro dunha produción teatral é o traballo do actor, teño reticencias cando queda detrás dunha plástica puramente tecnolóxica.

P. Será unha estrea.

R. Está prevista para despois do verán. En xullo poñeremos en escena As bruxas de Salem, unha adaptación da Compañía Arte Livre que desenvolverán os alumnos do curso de teatro que empezou en setembro. Eles actúan, producen, promocionan...

P. Que tal se manexan?

R. Son súper aplicados. Ao principio, apuntáronse máis das 15 prazas que ofertabamos. Os 17, 5 homes e 12 mulleres, que continuaron forman un bo grupo de persoas con procedencias diversas. Uns veñen da música, outros da danza, hai quen tiña certa formación teatral e quen carecía dela. O curso que vén tamén terán que encargarse de adaptar eles mesmos ou escribir a obra que representarán ao final do período lectivo.

P. Aló enriba, vostede é unha forza da natureza.

R. Levo a intensidade case até o límite da loucura pero non sufro ningunha neurose! As neuróticas son as personaxes que eu máis adoro. Iso si, cando terminou, acabou para min. O teatro é un espazo físico onde ensaiar a vida, outras posibilidades de ser e do ser, un laboratorio en permanente estado de ebulición.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_