_
_
_
_
Entrevista:Xosé Ramón Barreiro | Presidente da Real Academia Galega | Luces

"Faría falla un líder na Igrexa que falase galego"

Ó comezo da entrevista, o presidente da RAG amosa a súa cara máis adusta. Négase a respostar ós primeiros intentos de pregunta, esixe que se apague a gravadora e mesmo fai ademán de rematar a conversa antes de que empece. Pero Barreiro (Santa Uxía de Ribeira, 1936) vaise metamorfoseando, e cando remata a conversa ata confesa, mentras se despide na porta do ascensor, que el nunca dá as "grazas": "Nós non impoñemos nada a ninguén. Cadaquén que fale como lle pareza... Hai tres anos que cambiou a norma, e eu sigo dicindo gracias como toda a vida, ainda que o de grazas sexa algo que está moi documentado, que ten moita base porque xa existía mesmo nas cantigas".

Pregunta. Xubilouse da Universidade, aínda que segue a dar algunhas clases, e agora lle preparan un libro como homenaxe.

"Estamos nun dos mellores momentos da literatura galega. Hai calidade"
"O galego esmorece e a súa evolución non pode depender da política"

Resposta. Non me pregunte por iso. Diso non quero falar. É unha cuestión de pudor.

P. Pois lle pregunto pola campaña electoral, e polos debates televisivos dos pasados días. Qué político gañou na asignatura de galego?

R. Iso tampouco o vou contestar. Apague ese aparato, por favor.

P. A ver se lle gusta ésta: a xente cánsase dos cambios na norma. Os galegofalantes de sempre non a asumen, sobre todo no rural. E os que estudaron a lingua hai 20 ou 30 anos, as primeiras xeracións de escolares que tiveron a asignatura no colexio, tiran a toalla.

R. Cando eu estudiei o bacharelato, en castelán case todas as vogais tiñan que ir acentuadas. Logo desapareceron, e non pasou nada. Pois en galego ten que ser o mesmo. O cambio de normativa foi moi consensuado. Constituíronse varias comisións, e estiveron traballando un ano. Hai pouco, un rapaz envioume un mail dicíndome que, por culpa miña baixáralle a media, el que sempre levara boas notas en galego. Hai algunhas cousas que o pobo non asume, ou asume con dificultade. Pero co pouco galego que utilizades en EL PAÍS non imos avanzar moito.

P. Hai outros medios que só o usan cando a Xunta lles paga. Igual que moitos empresarios. De camiño á Real Academia, ó longo do porto da Coruña, todos os valados publicitarios están en castelán.

R. A Xunta, a pesar de que levamos dous anos e medio co novo Goberno, tomou pouco interese nestas cousas. O mesmo que os concellos. E así nos vai.

P. Que cidade galega fala mellor e máis en galego?

R. Ourense e Lugo.

P. E cando se falará en toda Galicia o mesmo galego, uniformado pola norma?

R. Nunca. Tampouco en Colombia se fala o mesmo castelán que aquí. A cuestión non é esa. Non importa que os da costa teñan gheada e os do interior non mentres exista unha unidade estrutural. O problema está en que somos unha sociedade con un pouco de complexo, e a xente, cando lles fala alguén que consideran unha autoridade, contesta en castelán. Que rapaces se namoran en galego? No amor pásase automáticamente á outra lingua. É falta de autoestima.

P. Tampouco se morre en galego. As esquelas, as lápidas, os libros de firmas e a maioría dos letreiros dos tanatorios están en castelán. É por respeto á morte?

R. É que a Igrexa, dende a súa liturxia, tampouco utiliza o galego. Non hai un líder hoxe na Igrexa, un bispo que lidere a liturxia en galego. E faría falla.

P. Hai unha cadeira vacante na Academia...

R. Si, a do bispo Araúxo.

P. E tamén estaba aí José Gómez, o bispo de Lugo recén falecido, que tamén era galeguista.

R. Si, e era amigo meu. Pero isto tampouco cambiou nada. En Galicia falta un líder espiritual que fale galego.

P. Será que os líderes pensan que a sua autoridade se afortala en castelán.

R. Se as máximas autoridades, os poderosos, falasen en galego, estarían dando exemplo de que non é así.

P. Torrente Ballester, poucos meses antes de morrer, dicía que a grande novela en galego estaba aínda por vir.

R. Non hai moitos idiomas que teñan un Quixote, pero grandes novelas xa as temos. Novelas que falan da realidade galega.

P. Cal sería a súa favorita?

R. Na Academia hai grandes escritores que teñen novelas e non me interesa contestar. Pero en Galicia temos autores que se traducen a moitas linguas, como Rivas, que é un fenómeno.

P. Precisamente, Torrente dicía que era Rivas o responsable de facer esa grande novela.

R. Bueno, xa a fixo. Evidentemente, a súa última novela é a mellor das súas. Manolo Rivas é o escritor que mellor sintoniza coas demandas da sociedade. Pero temos boa poesía, bo ensaio... Por iso non concordo con Franco Grande cando di que a literatura galega non progresou. Estamos nun dos mellores momentos. Hai calidade.

P. E o profesor Barreiro, doutor en Historia e en Dereito Canónico, qué anda a escribir agora que ten máis tempo libre?

R. Estou traballando en varios libros. O primeiro, a biografía de Murguía, xa o teño rematado. Estou tamén corrixindo as probas dun artigo amplo sobre o léxico ideolóxico-político da primeira prensa galega. E aproveitando que estamos no centenario, traballo nun libro sobre a Guerra da Independencia en Galicia. Houbo un grupo, unha secta que foi calumniada, vilipendiada en Galicia como traidora: os afrancesados. E en realidade eles aspiraban a unha España e unha Galicia distinta. Éste é un capítulo da nosa historia que está esquecido. Aínda que se falamos de esquecidos... Tamén estou preparando ós poucos un libro sobre os que eu chamo os incómodos sociais. Éses moitos tolos sublimes que tivo este país, que foron uns incomprendidos porque se adiantaron ó tempo que viviron.

P. Entón non serían tan tolos.

R. Eran xenios. Como aquel que dicía "neste país non se resolve o problema da Xustiza mentres a bayeta que limpa os sillóns non sexa de coiro de xuiz".

P. Quen foi?

R. Antonio Benito Fandiño, ¡Grandioso!

P. Co rumbo que leva, o galego será unha lingua morta?

R. O galego é unha hemorraxia continua. A lingua está esmorecendo e na súa evolución non pode depender da política. Pero eu estou en desacordo con que se utilicen medidas represivas. Unha cousa é incentivar e outra perseguir. É un feito que o galego se está perdendo. E non é tanto cuestión de leis como de formas. Hoxe, cando máis se impón o galego nos centros escolares, máis alumnos falan castelán. Na clase falan galego, pero no patio pasan automáticamente ó castelán.

P. Se cadra o galego entraríalles mellor pola vía do lecer.

R. Aínda estaba o PP no Goberno cando se elaborara un plan de medidas para facer que o galego funcionase a todos os niveis. Isto aprobárono todos os grupos, pero hoxe aínda non se aplicou. Afortunadamente, en Vigo xa non, pero na Coruña, no campo de fútbol de Riazor todos os indicativos e marcadores están en castelán. E sería ben sinxelo cambialos. Son catro cousas. E a xente o agradecería: en Vigo non opuxo resistencia ningunha. Se se canta a Rianxeira cando se mete un gol, é natural que se dean en galego os avisos.

P. Seica o galego se reserva para a troula e, pola banda oposta, para o cabreo, para a reivindicación. Un "non" protesta con máis contundencia que un "no".

R. E que os sindicatos falan galego. A voz discrepante en galego é moi importante. Pero eu penso que esa voz en galego tiña que ser tamén, xa o dixen antes, para o acto do amor. Cando un se namora, cando baila...

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_