_
_
_
_
Entrevista:VARI CARAMÉS | Fotógrafo | Luces

"Prefiro falar dende a sinceridade antes que dende a orixinalidade"

As fotografías de Vari Caramés (Ferrol, 1953) son inconfundibles pola presenza de obxectos ou persoas que semellan diluirse ante a cámara. Fronte á pompa que rodea en moitas ocasións ao mundo da arte contemporánea Vari é, antes que nada, un tipo normal que nunca tivo pretensións de formar parte do star system e que se sinte feliz facendo o traballo que máis lle gosta. Aínda que vive dende que tiña dez anos na Coruña considerase un "ferrolñés" porque nacer en Ferrol "imprime carácter". O sentido do humor que lle acompaña sempre levoulle recentemente a exercer de comisario nunha exposición titulada Nada que ver. As súas últimas obras poden verse agora na galería SCQ de Santiago, onde reivindica a capacidade de soñar que caracteriza ao mundo dos nenos.

"Hai moito conto e demasiados 'fantasmas' no mundo da arte"
"Levo moitos anos nisto pero non penso en ser rico ou famoso"
"O día que deixemos de soñar e de sermos nenos estaremos perdidos"

Pregunta. Resulta apropiado dicir que o fotógrafo é sempre un artista?

Resposta. O fotógrafo pode ser un artista pero eu penso que é moi certa a frase de Picasso de que hai moitos pintores e poucos artistas. De tódolos xeitos para min iso non ten demasiada importancia, o importante é o que se transmite. No meu traballo están presentes a pintura e a fotografía porque pinto o que non se pode fotografiar. Móvome no límite entre ámbalas dúas e penso que a ambigüedade sempre é interesante. En todo caso, o importante non é tanto o medio coma a mensaxe.

P. Pese a que a fotografía cada vez ten máis presenza nas pezas de moitos artistas actuais algúns aínda a ven coma unha disciplina menor. A que se debe ese paradoxo?

R. Eu sempre me considerei un pouco outsider, para min a fotografía sempre foi un pasatempo, un hobby. Son un fotógrafo amateur, entendido no sentido de amador, e trato de transmitir historias, soños, pensamentos, irrealidades.... O espectador é moi importante e hai que tratar de convertelo en cómplice. Creo que a arte contemporánea peca de excesiva severidade porque no fondo a arte sempre é metáfora e iso consiste en ver as cousas dende un punto de vista diferente.

P. Non hai moito conto neste mundo da arte contemporánea?

R. Hai moito conto e demasiados fantasmas. Se voasen todos estaríamos sempre na sombra. O azar inflúe moito á hora de triunfar pero eu non penso moito no éxito porque eu disfruto co meu traballo, nunca pensei en facerme rico nin famoso. Son feliz co que fago. Hai artistas excesivamente valorados pero no fondo todos facemos xoguetes e o público ten a posibilidade de elixir o que máis lle gosta. A min a palabra orixinal só me convence cando ten un significado determinado, prefiro falar dende a sinceridade antes que dende a orixinalidade.

P. Nas súas obras mistura fotografía e pintura. Que hai nelas de cada unha destas disciplinas?

R. A realidade resultame recalcitrante e por iso nas miñas obras utilizo imaxes que semellan diluídas. Teño unha especie de alerxia á realidade tal e como é. Dentro da imaxe ten que haber algo diferente e perturbador E unha aposta intuitiva e visceral perante o mundo real. Non podemos perder a infancia, o día que deixemos de soñar e de sermos nenos estaremos perdidos. Por qué non podemos corrixir a realidade? Como se di agora a min góstame deconstruir as imaxes.

P. Que artistas lle influiron ou lle gostan?

R. Interésame moito o cine e a poesía. Gostanme as películas que se fan con moito talento e pouco presuposto, coma as que fai Jim Jarmush. Entre os artistas plásticos podería citar moitos pero algúns que me gostan son Bacon, Balthus, Picasso, e entre os galegos xente coma Maruja Mallo ou Lugrís.

P. A fotografía mudou moito coa chegada da tecnoloxía dixital. Non se perdeu algo de maxia ao respecto da fotografía tradicional?

R. O que pasou é que houbo un tsunami dixital porque hai un gran interese comercial en vender tecnoloxía deste tipo. O outro día fun mercar uns rollos de película e a dependenta dixo que debía de ser un coleccionista. O mundo dixital é una ferramenta marabillosa pero hai que saber utilizala. Haiche moito virtuoso da tecnoloxía mais onde está a maxia e a poesía? As fotos fanse cos ollos e co corazón e a tecnoloxía é tan só unha ferramenta para rematar a faena.

P. Houbo melloras no panorama da arte en Galicia nestes últimos anos?

R. Vexo o panorama un pouco turbio. Hai xente nova que fai un traballo interesante pero hai que darlles tempo. Creo que hai demasiada présa por descubrir novos talentos porque a arte necesita madureza e tempo. Calquer persoa pode ter un proxecto interesante, non importa a idade. Hai artistas que saen da facultade e xa semella que son figuras pero ao ano seguinte xa están queimados. Fálase moito do concepto pero, coma dicía Valle Inclán, o máis dificil é pintar un xitano cun burro. Eu levo moitos anos nisto pero non penso en ser rico ou famoso. Quero ser feliz e se de vez en cando me pagan entón xa é un luxo!

P. Que se debe facer para apoiar aos artistas novos?

R. Eu estou en contacto con algúns artistas xóvenes e trato de apoialos pero isto é una carreira de longo percorrido, non se trata de chegar e encher. O mundo da creación é moi duro e aprender a ver leva toda a vida. Hai que vivir, tropezar, erguerse, caer... Temos que axudar e dar cariño aos xoves pero, ao mesmo tempo, hai que deixalos medrar e que aprendan a equivocarse. O que sae da facultade non ten o carné de artista.

P. É máis fácil agora traballar dende Galicia sen emigrar coma ocorreu noutras épocas?

R. Fálase moito dos artistas da diáspora pero eu creo que temos máis mérito os que quedamos aquí. A min góstame iso de trunfar na casa porque supón un reto. Semella que os que teñen máis mérito son os que están fóra e para min é xustamento ao revés. Non é fácil que te recoñezan aquí porque funciona aquelo de que ninguén é profeta na súa terra. De tódolos xeitos, hoxe é todo máis fácil porque hai máis infraestructuras, máis museos, etcétera. En todo caso, eu non me queixo, so informo, eu son feliz co que fago. Podería dedicarme a facer bodas e bautizos e ter un Mercedes pero iso non me interesa. A fotografía é coma ir de pesca, o importante non é tanto pescar senón pasar o día no río.

P. Que trata de transmitir coa exposición que presenta agora na galería SCQ de Santiago?

R. É un pequeno homenaxe á infancia. Trato de meterme na nebulosa e na abstracción do mundo infantil e chámase Recreo porque invito ao público a visitar máis ese parque infantil no que todos somos felices. De ahí que unha cita de Mario Benedetti ("Seguiré algunas horas siendo niño") sexa a que encabece o catálogo. A miña forma de traballar e poñer tellas unha sobre outra para ao final ter un tellado. Neste traballo veño pensando hai moito tempo e, mentres tanto, vou facendo fotos e procurando a esencia das historias. Ao final chegas a un puzzle onde as pezas van encaixando e ocupan o seu lugar natural. O que persigo é que o espectador disfrute e soñe.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_