Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Tribuna:Luces

Literatura con denominación de orixe

"A literatura galega é perfectamente invisible fóra de Galicia". Concordo de cheo con esta afirmación de Xosé Luís Méndez Ferrín realizada nunha entrevista publicada hai meses nestas Luces, a pesar de que ao longo dos últimos quince anos se foi ampliando de forma significativa a nómina dos nosos narradores e narradoras que de forma estable e continuada ven traducidos os seus textos a diversas linguas (especialmente ao castelán e singularmente no eido da literatura infantil e xuvenil). Porén, como exemplifica a polémica suscitada tras o artigo da profesora Dolores Vilavedra nestas páxinas, a exportación dos nosos textos literarios e a visibilidade dos nosos autores alén do Padornelo centra o debate literario galego. En diversos foros profesionais teño expresado a miña convicción de este problema só será posible solucionalo se conseguimos dotarnos dunha estratexia de país, compartida por autores, editores, críticos e responsables de cultura do Goberno galego.

Para exportar textos con normalidade precisamos desmontar os tópicos

Cultura ten que deixar a táctica curtopracista escasamente eficaz

Para exportar textos con normalidade precisamos, primeiro, desmontar os tópicos que se manexan, tanto fóra coma dentro de Galicia sobre a nosa actividade (como a falsidade de constituír unha "literatura subvencionada de ínfima calidade" que a forza de ser repetida aquí e acolá, algún membro da Academia Galega asume acriticamente como certa), para, despois, proporcionar información veraz e suxestiva sobre a súa excelencia e diversidade. Como noutros sectores galegos con vontade exportadora (o caso do viño pode servirnos), se aspiramos a ser recoñecidos nas marxes do estreitísimo mercado literario da globalización, a literatura galega e o libro editado en Galicia precisan unha marca e unha denominación de orixe (D.O.) identificables, baseadas inequivocamente na súa calidade. Ademais, non o esquezamos, a exportación de textos é a única vía posible para a profesionalización dun escritor ou escritora en lingua galega. As cifras do mercado interior do libro en galego (mesmo as daqueles autores con maiores vendas) non abondan para permitila.

Quizais aí, na asunción realista das dimensións moi reducidas do mercado galego, resida boa parte do lexítimo e comprensible interese dos nosos autores e autoras por ser traducidos ao maior número de linguas posible, o que non supón contradición ningunha para que continúen pertencendo e engrosando o tronco dunha literatura nacional como a nosa. Para desfacer malentendidos sobre esta cuestión (aos que aludía a profesora Vilavedra no seu artigo), abondaría con acuñar un manual de boas prácticas entre autores e editores que facilitase a exportación, ao tempo que preservase a identidade da obra orixinal: compromiso de realizar a tradución dende o orixinal galego, asegurar a presenza na páxina de créditos do título orixinal, facilitar axuda aos tradutores, confeccionar paratextos en inglés...

Experiencias exitosas como a catalá ensinan que para desenvolver unha extratexia internacional no eido editorial, no caso noso sería esa Literatura galega con D.O., é imprescindible contar cunha institución pública que a xestione. Así o preveu a Lei do libro e a lectura (aprobada nesta lexislatura por unanimidade do Parlamento galego) coa creación do Instituto Galego Rosalía de Castro destinado a promover a lingua e literatura galega no mundo. Institución que, porén, os actuais responsables do Goberno galego, enleados na reorientación da Cidade da Cultura, non teñen intención ningunha de poñer en marcha nesta lexislatura. Fronte a esta incomprensible actitude, teño proposto con ánimo construtivo, seguindo o modelo de funcionamento do Ireland Literature Exchange (ILE), a creación inmediata dunha Oficina da Literatura Galega ou Oficina do Libro Galego no Exterior como organismo dependente da Consellaría de Cultura e Deporte, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e por todo o entramado asociativo do sector do libro (AGE, AELG, Pen Club, ATG, AILG).

Esta OLG ou OLGE, entre outras funcións, debería coordinar de forma permanente todas as actividades de promoción da literatura e do libro galego a realizar no exterior: sexa reforzando aos editores nas Feiras Internacionais do Libro; fose apoiando as actividades desenvolvidas polos diferentes lectorados e centros de estudos galegos das universidades; sexa elaborando información electrónica e impresa para enviar a editoras internacionais, axencias literarias, sherpas e tradutores; fose apoiando a presenza de autores e editores en eventos literarios internacionais (Festival de Poesía de Paratí, Congresos do Pen Club...); sexa apoiando a xestión das candidaturas de autores e autoras da nosa literatura a premios internacionais (Astrid Lindgren, Nobel ou Príncipe de Asturias das Letras); fose axudando a xestionar as axudas proporcionados pola Consellaría de Cultura á tradución de textos da literatura galega a outras linguas; sexa organizando ou apoiando a realización de encontros literarios internacionais en Galicia; fose promovendo as candidaturas de Galicia como cultura convidada dos eventos e feiras internacionais (Guadalaxara, Francfort, Líber, Salón do Libro de Barcelona), organizando aqueloutras onde xa estamos convidados (Brest 2008, Festival Intercéltico de Lorient 2009 ) ou acompañando coa nosa cultura literaria outras actividades de proxección internacional de Galicia (especialmente con motivo do Xacobeo 2010).

Propoño, en definitiva, abandonar a táctica curtopracista actual da Consellaría de Cultura (tan ben intencionada, como escasamente eficaz) destinada ao consumo político interno nesta lexislatura, e apostar, pola contra, por unha estratexia paciente de pase longo (canto menos a cinco anos). Só así poderemos aspirar a acuñar internacionalmente a marca Literatura Galega, asociándoa aos valores da excelencia e da calidade.

bretemas@gmail.com

Manuel Bragado é editor de Edicións Xerais de Galicia.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 21 de diciembre de 2007