Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:LUCES

'Contra Maquilero' sae antes en Cuba

A versión castelá do último libro de Ferrín presentarase en La Habana tras ser rexeitado en España

Contra Maquieiro, o retorno poético de Ferrín despois de Estirpe, saíu en Xerais hai dous anos. Contra Maquilero, a versión en castelán, sairá en Cuba en febreiro do ano que vén, coincidindo coa Feira Internacional do Libro da Habana, na que Galiza será país invitado. A primeira serie do libro parte da Guerra da Independencia de Cuba e invirte poéticamente o fragor dos grandes acontecementos bélicos. O maquieiro, ou muiñeiro, vencella outra vez Galiza e La Habana, onde Fontenla Leal e Curros impulsaron en 1905 a creación da Sociedade Protectora da Real Academia Gallega.

"Eu sabía da tradución de Eloísa Otero e Manuel Outeiriño, e comenteille a Iroel Sánchez (director do Instituto Cubano del Libro) que era unha boa oportunidade para publicalo", comenta o lugués Constantino Bértolo, director de Caballo de Troya, o selo máis arriscado de Random House Mondadori en España. "É a primeira vez que un libro de poesía galega aparece antes en Cuba que na xeografía estatal, sequera despois da morte da Franco", di Bértolo.

"O destino dos escritores en lingua galega non é ter éxito noutras linguas"

Ferrín non está entre as referencias literarias galegas máis minorizadas en castelán. No ámbito do posible. Debate publicou Amor de Artur en 1985, tres anos despois da versión galega, sen esgotar a primeira edición. Bretaña, Esmeraldina (1987), reeditada por primera vez a comezos do verán, foi traducida por Xavier Rodríguez Baixeras case simultáneamente, por teima de Luís Mariño, daquela responsable de Xerais. Nos 90, cunha distancia tamén respectable respecto ao libro galego, Hiperión publicou Con pólvora y magnolias, apareceu Crónica de Nós nunha pequena editorial aragonesa e o público español albiscou as primeiras escolmas de contos.

Precisamente Hiperión, a editorial fundada por Jesús Munárriz a finais dos 70, rexeitou a publicación de Contra Maquieiro. Para o poeta Manuel Outeiriño, que levou ao francés varios capítulos de Amor de Artur, que unha editorial rexeite un orixinal "non é noticia ningunha". Munárriz editou recentemente varios tomos coa versión bilingüe dos lieders de Schubert.

"As editoriais arriscan pouco", resume Bértolo, "quizais DVD e Bartleby... Pero o importante é que os libros sigan o seu curso". Bértolo aínda editou hai un ano Trece por docena, unha antoloxía de autores periféricos onde formaban, por parte galega, Xurxo Borrazás, Santiago Jaureguízar e Xabier López. Que as apostas por un campo literario emerxente, ou polos "conflitos na literatura", como di Bértolo, non sexan unha parte central da industria do libro é "o normal", aínda que o caso concreto ofrece algunhas outras variables tradicionais.

"As relacións entre a literatura central española e as periféricas normalizáronse pola vía do políticamente correcto, pero non no mundo editorial, onde seguen funcionando os nomes referenciais por literatura, coma nun sistema de cotas", di Bértolo. "Engadamos a iso que as revistas literarias de referencia xa non chegan, e que vivimos no mundo do Qué leer". Convén o editor que a inflación de títulos en Galiza é "perigosa", mais, segundo di, o nivel da poesía galega é "moi alto".

Para Ferrín, que quixo facer en Contra Maquieiro "unha especie de salmodia do século XX", o destino dos escritores que escriben en lingua galega "non é ter éxito noutras linguas", agás excepcións (menciona a Rivas). "O escritor galego é rigorosamente invisible fóra de Galicia", di. A ocultación, ou a inclusión nun sistema literario de referencia, parte ás veces do propio autor. "Que na versión italiana d'As Crónicas do Sochantre poña que a versión en castelán veu primeiro non é culpa do tradutor de Cunqueiro", bromea.

Contra Maquilero sairá en febreiro na editorial Arte y Literatura de La Habana, que xa reeditou o ano pasado Flores rojas para Miguel Servet, a vella novela de Alfonso Sastre. "Tamén Cabanillas publicou No desterro en Cuba", di Ferrín.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 5 de octubre de 2007