Entre escépticos e emocionados
14 persoeiros explican a súa relación co himno, dende os que louvan o escaso ardor guerreiro das estrofas aos que se declaran indiferentes
Nunha celebración oficial, nun encontro cultural, nunha manifestación, nun acto político, nunha reunión familiar. En todos eles adoita soar un poema de Pondal recitado ao compás marcado por Veiga. Un himno, un orgullo, un protocolo, unha canción popular, segundo quen o sinta. Catorce representantes da cultura galega explican que significa para eles.
A resposta que tira o himno de diversas figuras do país apela, en moitas ocasións, ao sentimento, pero hai quen prefire acudir á defensa do legal. É o caso de Xosé Manuel Beiras, catedrático de Economía, que sostén que a cuestión "non é de opinión" senón "de se se respecta ou non a Lei de Símbolos e a consideración de Galiza na Constitución como nacionalidade histórica". Beiras pregúntase que pasaría "con franquistas e golpistas" se en vez do noso se cuestionase a "bandeira española ou a Marcha Real".
Como símbolo galego, hai quen se refire ao himno como tal, esquecendo a base poética escrita por Eduardo Pondal. Celia Torres, directora de promoción de Edicións Xerais, defíneo como "un símbolo necesario para manifestar a unidade, a alegría ou a coraxe de todos. Que escoitariamos no vindeiro partido da Selección Galega de fútbol? Que soaría cando volva Ferrín de recoller o premio Nobel? Que cantariamos se milleiros de galegos e galegas tivésemos que nos xuntar de novo no Obradoiro para defender a dignidade do noso país?", pregúntase.
Para Francisco Rodríguez, catedrático de Literatura e deputado do BNG no Congreso, supón "a manifestación musical" dun pobo "con vontade nacional". Defende que "non é un himno marcial nin agresivo; a letra é poética, ao mellor de máis, e tamén esperanzadora", e "representa un dos alicerces emocionais e cognitivos sobre nós mesmos. Vén moi ben coñecelo e cantalo, a calquera idade. Fainos moita falla o canto colectivo e se ten algún sentido de acción para mellorar, estupendo. Desde logo, non estamos sobrados destas prácticas, máis ben orfos e desamparados".
Ás connotacións políticas tampouco escapa Pedro Arias, profesor na Facultade de Económicas de Santiago e articulista, quen afirma que para quen aprendeu o himno na dictadura, como fixo el, "apena velo hoxe asociado á imposición e adoutrinamento na idade da inocencia. Unha banalidade do novo poder que pretende inverter a tortilla da historia". Arias, ao igual que Rodríguez, refírese á polémica sobre se se debe ensinar nas galescolas o himno aos rapaces de ata tres anos: "As paixóns da identidade teñen que fraguarse na liberdade, nos anos de madurez e desde a vontade de integración colectiva", argumenta.
Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e presidente da Real Academia Galega, destaca que o himno "non naceu dunha decisión política senón da feliz concorrencia dunha demanda social, a decisiva intervención da Galicia emigrante, a letra do mellor poeta de Galicia, Pondal, e a música dun gran mestre como Veiga". Deféndeo porque "durante case cen anos funcionou como un símbolo da galeguidade". "Asumido polo pobo, xa podemos dicir que é coautor do mesmo modificando, á súa maneira, como sucedeu con outras cancións populares, a letra inicial. O himno debe ser considerado só como a expresión dun sentimento nacional e, por iso, non é doado facer unha interpretación literal da letra".
Fuxir de himnos fachendosos "despois de décadas de imposición de himnos patrios", pide o escritor e xornalista Antón Lopo, que define o símbolo galego como "enigmático, ondulante, existencial". "Gústame cando cantan o himno de Pondal e Veiga nas festas, nas reunións familiares, cando xurde espontaneamente -como unha metralla térmica- ou cando o abanean os ebrios nas romerías e aínda me sorprende a timidez do himno nos actos políticos, nos mítins; ese candor co que o cantan mesmo os activistas radicais", sostén. "Ten as características das grandes achegas románticas, como o himno da Internacional ten a poderosa fascinación do colectivo".
Lazo de unión e protección dun colectivo é a visión da coordinadora de Danza Escénica Galega, Branca Novo: "É terra, non paisaxe, é a emoción que nos ergue no colectivo; o libre canto, a dimensión mítica e o soño poético resistente que nos garda como lingua-pobo".
Entendido como a unión da música e da poesía nun, desde a Orquestra de Cámara Galega o seu director, Roxelio Groba, destaca que "o contido musical non subliña a semántica concreta dos versos". "Semella", engade "que o autor mindoniense adoptou unha actitude compositiva máis constructivista, máis clasicista que romántica, que reflicte unha mesurada predisposición de sólido celme nacionalista, pero proclive a mitigar o énfase. Cando Pondal interroga, Veiga amósase solemne e rexeita a intensidade épica dun himno como o francés, para compartir a relixiosidade luterana que caracteriza aos himnos de certos países europeos. Da parte poética e das súas cualidades só caben louvanzas ". Grova reafirma o papel do himno: "Hai unha pasaxe que adquire unha apaixoante actualidade: 'os tempos son chegados'. Si. Os tempos son chegados de que a nazón de Breogán adquira a lexitimidade estatutaria que aos galegos nos permita cantar ceibe e intensamente as verbas da primeira cantata galega".
Do lado da letra -e da súa oscuridade para a comprensión- sitúase a artista viguesa Carme Nogueira, que lembra que a aprendeu de pequena e sempre a relacionou cunha imaxe concreta: "A personificación da natureza, as árbores falando, o lugar como movemento, unha idea de natureza coa que aínda agora me sinto identificada". Nembargantes, ela non acababa de comprender a segunda parte do himno, a parte "dos fillos de Breogán" que define como "uns personaxes alleos que chegaban doutro lugar". "Aínda agora sigo sendo máis ben árbore", reafírmase.
"Do himno gústame que se xestase ao outro lado do Atlántico, auspiciado por colectivos de paisanos á marxe dun Estado culpable do atraso que os condenara á emigración", expresa o escritor e xefe do Servizo de Cultura da TVG, Luís Rei Núñez . "Tamén me gusta que o poema de Pondal irrompese case de rebote, con grallas e polisémico. E gústame que Veiga o arroupase cunha música tan difícil de cantar, e o que máis me gusta é que, malia nacer para a entelequia dunha Galicia só ensoñada, lograse sobrevivir ás prohibicións das ditaduras". Como desexo de futuro para o himno, Rei Núñez agarda que "sobreviva aos que o cantan co puño en alto e, sobre todo, aos que preferirían impoñernos o do Real Madrid".
O xornalista e escritor Arturo Lezcano defende a inocencia do símbolo galego: "O noso himno non é guerreiro, non é xenófobo, non é etnocéntrico". E, orgulloso del, sostén que "é, se cadra, o de máis bela letra do mundo, quizais porque o grande bardo non cantou para un himno. Un himno que nin sequera berra explicitamente Galiza. O himno da nazón de Breogán, que han partillar todos os bos e xenerosos".
Para Damián Villalaín, editor e xornalista, en "asuntos hímnicos" prefire a Marsellesa, a Internacional e o Himno á Alegría ao galego, todos eles "cantos paneuropeos de liberdade e de xustiza" a pesar de que lle ten "cariño" ao galego. "Gústame o seu pintoresquismo ossiánico e septentrional e disgústame a parte vitimista", explica. Sábeo enteiro, pero só o canta "en ocasións de solidariedade comunal, nunca como exaltación patriótica. No himno español valoro o que outros deploran: que non ten letra".
Pero símbolos e himnos, en xeral, non suscitan simpatía onde queira que vaian. A escritora Anxos Sumai non cre en "estados nin nos símbolos que os resumen e os identifican, nin no cerimonial que fai bicar bandeiras, reverenciar escudos e exaltar un himno, pero si me interesan a paixón, a loita e os soños que lles deron forma". Afirma que cantar un himno pode significar "unha forma de rebelión, un enfrontamento ás imposicións alleas -sexan patrióticas ou persoais- e unha reivindicación da identidade", pero cando non hai "algo detrás" e se institucionalizan "perden sentido". Confesa, nembargantes, que en certas ocasións non pode evitar "unha certa emoción" ao escoitalo, quizais "porque Veiga e Pondal elaboraron un caldo mítico no que podemos recoñecer algo de nós, algo común", pero non é unha emoción distinta, sostén, a que lle provocan "temas como The Wall ou Honky tonk women, ou mesmo a Marsellesa na película Casablanca".
A tamén escritora e directora da Galería Sargadelos na Coruña, Yolanda Castaño, que se define como amante dos "poemas, sen donos nin bandeiras", di que non lle van os himnos. "Ningún. É algo persoal. Sen acritude, sen saña. Por fermoso que sexa, mesmo con letra de poema. Non me pon. Nin sequera o da miña terra que é a terra que adoro. Non creo que un país se ame con máis forza por cantalo". Prefire cantar "calquera outra cousa. Algo de Marful, ou mesmo o Miudiño. Tamén son cultura galega", argumenta.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.