_
_
_
_
NOTAS A RODAPÉ | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Por unha cultura lingüística pluralista

Nas nosas Notas a rodapé temos aludido reiteradamente á necesidade de que o Estado español asuma de xeito integral a súa realidade plurilingüe. O asunto ten moitas reviravoltas, así que hoxe comezaremos a tecer un fío que seguro terá continuidade no futuro. Moitas veces criticamos, con toda a razón, a política lingüística do Estado, pero ao meu parecer, con máis frecuencia da desexada tendemos a esquecer unha cuestión que é crucial: a cultura lingüística da cidadanía.

Un non sabe moi ben en que consiste nin como se conforma a cultura cidadá dun país, pero, ao par de incógnitas e dúbidas, tamén se poden apuntar algunhas certezas. Desde logo, o sistema educativo é un elemento fundamental para configurala, e tamén existe un tecido de institucións que contribúe a artellala. Por parte, non hai dúbida de que os medios de comunicación son decisivos para crear a opinión pública, e no proceso de deliberación que constitúe o nervio desta tamén se vai destilando e decantando a cultura cívica dun país.

O PLURALISMO LINGÜÍSTICO, ASUNTO DE TODOS

Pois ben, fóra dos discursos máis ou menos oficiosos que adoitan adornar algunhas conmemoracións solemnes, un dos máis serios déficits da cultura cívica da España democrática é, sen dúbida, a renuencia a aceptar como un valor positivo a diversidade lingüística do país, correlato da súa realidade multicultural e plurinacional. Non se pode negar que actitudes de rexeitamento do pluralismo remanecen de cando en vez nas periferias (e nalgúns sitios con forza, pero non é o caso de Galicia), e por tanto sería maniqueo consideralas patrimonio exclusivo do nacionalismo español. Pero é difícil negar que quen leva a palma é este, un nacionalismo inveterado, con fortes raigañas autoritarias, que pula por rexurdir con fasquía apenas retocada.

Parece que todo o máis ao que podemos aspirar é a que os nosos concidadáns da España castelán-falantes consideren que o problema do bilingüismo (non era unha riqueza?) sexa un asunto particular noso, pois coñécese que a eles tanto lles ten. E ás veces nin sequera iso: non se nos pode deixar arranxar a convivencia nas nosas comunidades, porque seica axiña nos dá a arroutada e poñémonos a perseguir o castelán (perdón, español). Así, o groso da opinión pública do centro, sobre a que repousa a conformación da cultura cívica da España monolingüe, oscila entre o desentendemento (que fagan o que queiran, pero non amolen) e a belixerancia: coitados castelán-falantes que viven en comunidades autónomas onde lles obrigan a aprender a lingua propia local!

PRESENZA DAS LINGUAS E CULTURAS NAS UNIVERSIDADES

Moitas veces teño comentado a miña experiencia persoal como profesor universitario de lingüística galega: teño dado cursos de doutoramento, seminarios e conferencias acerca de distintos puntos da miña especialidade nunha morea de universidades e foros científicos de Europa e América, desde Berlín a California, desde Buenos Aires a Oxford e desde Nova York a Anveres; non obstante, son contadas as ocasións que se me deron para falar do galego en universidades españolas. Non se trata dunha situación excepcional: moitos dos meus colegas poderían dicir o mesmo. Será que o galego interesa máis en Alemaña ou Brasil do que en Andalucía ou Castilla-La Mancha? Como se pode explicar que practicamente ninguha universidade española (fóra da propia Galicia, o País Vasco e Cataluña) ofreza aos seus estudantes de historia ou filoloxía a posibilidade de adquirir polo menos un verniz de historia, lingua ou literatura galega (ou catalá...)? Si, xa sabemos que nalgunhas a Xunta de Galicia mantén do seu (noso) peto cátedras e lectorados, pero isto non tiña que estar máis normalizado, e ao cargo dos orzamentos ou do Estado ou das respectivas Universidades?

Unha das escasísimas excepcións -limitada e recente, pero por iso mesmo máis meritoria- de esforzo dunha institución oficial española a prol do coñecemento das linguas periféricas no centro de España débese ao Instituto Cervantes (algo tería que ver nisto o flamante ministro de cultura). Pois ben, un colega que estivo ao cargo duns cursos de galego no Cervantes en Madrid, contábame que un dos comentarios máis oídos entre os alumnos deses cursos é que os das periferias xogamos con vantaxe, pois podemos presentarnos ás prazas de funcionarios en todo o Estado, porque sabemos o español, mentres que eles non poden presentarse a moitas das convocadas nas comunidades bilingües, pois para estas se esixe o coñecemento da lingua propia da autonomía.

POR QUE É TAN DIFÍCIL APRENDER O GALEGO EN ESPAÑA?

Polo visto, ás persoas que expresaban esa obxección custáballes un pouco entender dúas cousas bastante sinxelas: a primeira, que para sabermos dúas linguas (o galego e o castelán, poñamos por caso), os periféricos temos que aprendelas; a segunda, que a solución ao problema deles consiste precisamente en aprenderen o idioma do lugar ao que desexan concursar. Noutras palabras: que o monolingüismo é un luxo que non se deberan permitir, por máis que na cultura lingüística da España central estudar galego ou catalán sexa visto como unha especie de excentricidade, cando non como case (ou sen case) unha humillación, e sempre unha perda de tempo.

Que o sistema educativo da España central (nin sequera o universitario) non ofreza aos estudantes españois a posibilidade de adquirir nocións básicas de cultura, historia, literatura ou lingua galega, constitúe un dos factores de base máis pesantes da profunda ignorancia do español medio canto a eses puntos: a lingua e literatura galegas necesariamente teñen que parecerlle estrañas, cando non estranxeiras. Pero existe algo aínda máis grave: que esa ignorancia xeral se vaia toldando progresivamente de prexuízos, uns prexuízos que tornan extremamente refractaria (e doadamente manipulable) a cidadanía con respecto aos desafíos da convivencia na diversidade. Este é o combustible do que se alimenta a demagoxia, un andazo do que alguén se empeña en tirar réditos políticos a troca de dividir e enfrontar cidadáns e comunidades.

ACADEMIAS, ESTAMENTO INTELECTUAL E PREXUÍZOS

A cimentar os ditos prexuízos contribúen decisivamente determinadas institucións estatais ou para-estatais, coma as reais academias. O papel histórico (e actual) da Real Academia Española neste terreo non é precisamente exemplar, e xa nos gustaría que a relevante presenza na RAE de estudosos galegos do fuste de Guillermo Rojo e de Darío Villanueva servisen para sensibilizar a vetusta institución. Pero máis tristeiro aínda é o papel da Real Academia de la Historia, un baluarte da España tenebrosa que acaba de facer membro numerario a un señor arcebispo coñecido non polas súas ignotas investigacións coma polas súas sonadas arengas ultramontanas. E así poderiamos seguir, contando tamén fundacións privadas e outro tipo de entidades que dan corpo a un estamento intelectual que pouco ten contribuído á cultura democrática da diversidade e o respecto ás minorías. Para outra ocasión quedan os medios de comunicación, o axente máis poderoso na conformación do imaxinario colectivo das nosas sociedades. Saímos dun souto para meternos noutro.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_