_
_
_
_
Reportaje:LUCES | VILAS CON LATEXO DE CULTURA

Onde as cousas pasan

Festivais e mostras artísticas medran fóra dos focos das grandes cidades

A Cultura (con C maiúscula) sucede tradicionalmente nas cidades. No que en Galicia se chama de forma un tanto prosopopeica as sete grandes cidades teñen lugar os actos que acadan os titulares das seccións de sociedade e/ou cultura e as contadas noticias que dan ocupado un sitio nos telediarios. De forma non menos tradicional, a cultura con P (de popular) circunscríbese tamén aos feitos culturais no mundo rural. No medio, ese territorio que algúns chaman semirural, outros semiurbano e para entendérmonos chamamos as vilas, canga co sambenito de ser o planeta do quero-e-non-podo, onde como moito hai salas de festa. Lugares con máis templos ca cines ou teatros. "O sitio con máis igrexas por católico cadrado", definía Allariz Marcial Suárez n'O acomodador, o seu libro de relatos centrado precisamente no cine da vila alaricana. No entanto, as convocatorias culturais máis estables, e mesmo os fenómenos máis novidosos, desde a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que a vindeira semana celebra a súa vixésima terceira edición, ao Festival de Cine de Cans, prodúcense neses entornos onde supostamente nunca pasa nada.

As programacións institucionais están derivando tamén cara á capilaridade territorial
Até a poesía ten a cita máis fiel en Salvaterra, dende 1980, no Festival do Condado

De feito, hai que retrotraerse até a traída e levada movida dos 80 para sinalar un fenómeno cultural clara e estritamente urbano en Galicia. Hoxe, non son nin sequera primordialmente cidadáns nin o graffiti, nin por suposto o hip hop. "O emerxente está nas vilas ou nas aldeas, a teor do volume de maquetas que recibimos. Na contorna de Soutomaior, por exemplo, hai 20 ou 30 conxuntos de todos tipo, e grupos como Noise Project saíron dun teleclub", asegura Xurxo Souto, director de programas da Radio Galega e conductor do magacín musical Aberto por reformas. "Seguimos instalados nese mito interesado do rural versus o urbano, pero hoxe calquera rapaz, estea onde estea, ten grazas a Internet, a mesma conexión co mundo ca un alumno dun colexio de pago da Coruña ou Vigo. E nas vilas hai menos problemas de ruído cos veciños, e pasan máis historias, quizais iso xustifica a súa tremenda axilidade en contraste coa reuma das cidades", analiza Souto.

No que se refire ás convocatorias para o público, indo por parroquias, no inestable mundo dos festivais de pop rock, os de Palas de Rei, o Cultura Quente de Caldas ou os que se organizan en Arzúa son dos que menos dependen do humor ou da dispoñibilidade financeira das institucións para celebrarse ano tras ano. No folk, Ortigueira é unha referencia continental, pero tamén se mantén, sen tanto bombo e moitísimo menos investimento, o de Pardiñas, en Guitiriz.

Referencias internacionais son tamén, aínda que en xéneros con altofalantes de menos potencia, o Festival de Títeres de Redondela, e o de Teatro Cómico de Cangas, que este ano contou cun dos cimos desta arte, Jango Edwards. E mentres algunhas cidades estragaron festivais de cine que, xa que non prestixio, polo menos tiñan constancia, en Tui consolídase o Play-Doc como certame de documentais, e collen pulo os de Noia, Vilagarcía, Ribadeo e a Factory de Oleiros, a maiores do clásico do Carballiño, ou do bum de Cans. "Nas cidades hai máis recursos e máis público, pero nos sitios pequenos conséguese máis implicación da sociedade. O interesante é facer actividades dirixidas á propia vila, pero que teña unha proxección fóra", comenta Moisés Álvarez, da Asociación Arela, a que puxo en marcha o festival de curtametraxes deste barrio rural do industrial Porriño.

Até a poesía, arte delicada que presumiblemente precisa desenvolverse en invernadoiros institucionais, ten a cita máis fiel en Salvaterra, no Festival de Poesía do Condado que organiza teimudamente a Sociedade Cultural do Condado, desde 1980 (quitado entre 1990 e 1995, por ter que enxugar un descuberto de millón e medio de pesetas que non lles financiou a Deputación). "Foramos a unha homenaxe que lle organizaran no García Barbón de Vigo ao homenaxeado das Letras Galegas o vindeiro ano, Álvarez Blázquez. Soamente había 22 persoas no público, e decidimos que había que pular a poesía, que era o parente pobre da literatura", recorda Manuel Soto, responsable cultural da Sociedade, a paradoxal reacción que orixinou o certame, que hoxe consta de tres días de moi variada programación. Soto, porén, lamenta a decadencia das asociacións, que asumiron a acción cultural desde o momento en que se ía podendo facer algo. "Agora os concellos coméronlles o terreo que antes era o seu". No entanto, corporacións que si asumen o reto de encher de actividades todo o ano, botan de menos as iniciativas das entidades. Dous programas estrela da programación cultural, o de Monforte, o Encontro de Embarcacións Tradicionais que xunta nas augas do río Cabe barcas procedentes de distintos ríos, e o III Seminario de Música Moderna e Improvisación, que xunta case un cento de instrumentistas de toda España, foron propostas de cadanseu colectivo, e os dous de fóra. "Non o debería dicir, pero a xente debería demandar máis", sinala a concelleira de Cultura, Alicia Cadarso.

"Hoxe as propostas son máis ben de grupos informais, en parte porque a nova lei de asociacións fai ríxido o seu funcionamento, e porque a xente adopta formatos menos burocráticos para acometer obxectivos concretos", matiza Alberto García, xestor cultural na comarca do Barbanza. García non pensa que o feito creativo se dea mellor en sociedades reducidas: "É un traballo máis próximo ao público, non máis doado pero si máis satisfactorio, porque ves os resultados, como a cultura incide na xente e deixa un pouso nela".

Non hai datos sobre esa satisfacción xerada pola programación cultural fóra dos ámbitos urbanos, pero o estudo do perfil do público dos espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios realizado polo IGAEM concluíu que o asistente prototipo era unha muller de entre 32 e 40 anos, con estudos universitarios e con emprego, e que "o máis normal é que resida en vilas de mediano tamaño", e tamén que "o grupo de espectadores de teatro en galego con maior frecuencia de asistencia sitúase nos concellos de mediano tamaño (entre 20.000 e 50.000 habitantes)".

As programacións institucionais están derivando tamén á capilaridade territorial. "Apostamos polos proxectos de ámbito comarcal, por compartir programación, que vertebren a creadores e a público", asegura Luís Bará, director xeral de Promoción Cultural, que estima que entre os espectáculos do IGAEM e programacións específicas como 4x4, Música ao vivo ou Vai de Camiño, este ano haberá preto dun milleiro de actos nun cento de concellos fóra dos sete grandes. Por outra parte, as dúas entidades financeiras españolas con máis investimento no que se chama "obra social" son galegas. Caixa Galicia é a primeira e Caixanova a segunda. "Desde hai dous anos asumimos saír das cidades, programar as nosas actividades fóra das sedes e incidir no que camamos zonas", indica Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia, que asegura que en 2006, a programación nas "zonas" acadou os 623.000 espectadores. Caixanova mantén programación estable en 110 concellos, máis de 2.500 actos o ano pasado.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_