Letras baixo o sol
Para os que devecemos por ler, o verán é sempre un tempo de rencontro cos libros. Por variar, as vacacións poden ser unha boa ocasión para achegármonos a eses xéneros, autores ou temas menos coñecidos e para transgredirmos as fronteiras que ao longo do ano nos impomos como lectores.
Se cadra este é tamén un momento axeitado para sabermos que len os nosos fillos e gañarnos o seu respecto á hora de opinar facéndoo co criterio que só dá a experiencia lectora. Quizais así poderemos entender mellor a súa actitude perante os libros. Non desbotemos os seus consellos, seguro que nos seus andeis hai cousas de interese e, ao revés, busquemos ese punto de encontro que poden ser algúns clásicos. Xerais redita O can dos Baskerville de Arthur Conan Doyle e O escaravello de ouro e outros contos de Poe, e en Galaxia temos ao dispor a edición completa de Oliver Twist de Dickens. Para os máis pequenos, e para os adultos que queren manter intacta a curiosidade, recoméndolles Así comezou todo. 34 historias para descubrir o mundo (Xerais), unha versión laica da orixe do universo que non exclúe a Deus nin o demo, e que os fai canxar co big bang. Todo, narrado a catro mans por Jürg Schubiger e Franz Hohler con tanta sensibilidade e humor que convidan a recuncar.
A poesía pode ficar para días morriñentos, pois é amante esixente e reclama atención exclusiva. Pero sempre hai esas tardes de verán nas que a metereoloxía nos serve de adaxe para ficarmos na casa, e entón, que mellor compaña ca dunha voz poética! A paisaxe e o espazo foron sempre motivo de inspiración na literatura galega, aínda que nas últimas décadas perderan un certo protagonismo que están a recuperar de xeito anovado, nesta xeira grazas a César Antonio Molina e Anxo Angueira. O primeiro, en Eume (Galaxia), cunha singular combinación de clasicismo e orientalismo na que ecoan harmonicamente os haikús e os filósofos gregos. Angueira pulsa a lira da neoépica que tan ben manexa en Fóra do sagrado (Xerais), un poemario cuxo título glosa a cantiga de Martin Codax para reivindicar as marxes dunha cidade -Vigo- de vocación heterodoxa.
Hai un tema que sempre esperta interese e que viña reclamando tratamento literario dende hai tempo, sobre todo dende que o éxito nos escenarios de Bicos con lingua revelou que a xente quere que se fale con desenfado do idioma. Falar do galego, e facelo con humor, pode servirnos de catarse colectiva para desafogar frustracións acumuladas. Mentres o milagre non se produce e seguimos a agardar a chegada dese Mesías que sería un goberno realmente comprometido co noso idioma, podemos emocionarnos e divertirnos coa Comedia bífida (Xerais) de Manuel Núñez Singala e cos relatos de Made in Galiza (Galaxia) de Séchu Sende. A primeira, unha farsa na que o galego é sometido a xuízo e á que me atrevo a vaticinarlle tanto éxito como á primeira obra do seu autor, O achado do castro. Pola súa banda, Séchu Sende volta á narrativa cunha colección de fábulas que nos fan abalar entre a emoción, o lirismo, o humor e a reflexión crítica, co idioma como protagonista.
Para os incondicionais da narrativa regresa Marina Mayoral con Case perfecto (Xerais), unha novela na que os seus temas habituais (as relacións familiares, a parella, a maternidade...) se encadran nunha trama cuase policial, cunha historia eficazmente dosificada grazas ao formato epistolar, no que a autora xa se ten amosado como unha experta.
En canto ao ensaio, pode ser un deses xéneros a redescubrir este verán: para curarmos a resaca electoral e botar leña argumental ao debate do voto emigrante, o xornalista Anxo Lugilde convídanos en O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española (Galaxia) a realizar un percorrido histórico por unha cuestión que segue a ser determinante da política galega. E para públicos diversos, Eidos do xornalismo (Galaxia) de Carlos G. Reigosa: información, ética, literatura e tecnoloxía, mesturados nun cóctel singular. Reigosa reparecerá nos vindeiros meses, nese territorio incerto no que ás veces agroman as lecturas máis seductoras, xa que Xerais anuncia dous libros de conversas, un co xornalista e outro con Darío Xohán Cabana. Sorprende que non se lle teña tirado máis proveito en Galicia a este tipo de obras, se cadra porque moitas das que coñecemos adoecen dun exceso de haxiografía. Nunha liña semellante de ambigüidade xenérica están os epistolarios, pois neles -coma no porco- aprovéitase todo: un chisco de rexoubeo por aquí, unhas pingas de crónica social por acolá, unhas migallas de confesionalismo para ligar o amoado, todo salferido cunhas cantas referencias históricas. Pois ben, os dous volumes recén publicados por Galaxia das cartas que Otero Pedrayo lle escribiu a súa nai ao longo de medio século dan para todo iso e para moito máis: de certo que para emocionarnos e para asombrarnos, de novo, coa prosa de Don Ramón.
Cinco opcións para todos
Derradeiras converas co capitán kraft
(Galaxia)
Oriana Méndez
Poesía de autoría feminina diferente. Mesturando conciencia histórica e ficción futurista cunha abraiante solidez rítmica, o primeiro libro desta moza autora abre para nós, entre poema e poema, un espazo para constatar a desolación pero tamén unha fenda de esperanza.
Boas noites
(Xerais)
Paula Carballeira
Galardoada co I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, esta desternillante peza sobre o estrés infantil debería ser de lectura obrigatoria para pais e fillos. Fermosamente ilustrada e editada, o que non é moi habitual cando falamos de teatro, e menos de teatro para a rapazada.
Arte e parte
(Galaxia)
Xurxo
Borrazás
Incisivo pero sen diletancias, profundo pero sen alardes, serio pero non trascendente. Un libro estimulante como poucos,
que fai da provocación un desafío á precariedade hipócrita dos pactos que
nos permiten sobrevivir neste promiscuo espazo literario galego.
Adeus india, adeus
(Sotelo Blanco)
Xosé Manuel
Villanueva
A reedición desta novela do 2000 supón unha boa ocasión para que volten a ela, ou para que as descubran, aqueles que gostan das historias de longo alento. Crónica xeracional que foi un dos textos pioneiros da literatura galega en explorar as posibilidades ficcionais das culturas non europeas.
L'affiche rouge
(Xerais)
Mario
Regueira
Novela da iniciación sentimental dunha xeración aplastada
pola lousa do fracaso que lle encambaron
os seus predecesores. Resolta estruturalmente cunha soltura
que para si quixeran moitos narradores experimentados, L'affiche rouge enfróntanos co
noso antonte
e coa incerteza
do mañá cunha dose mínima de saudade.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.