Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
GROUCHOS | LUCES

Retorno á casa do espolio

Era unha casa que falaba. Iso é algo que os espoliadores ignoraban. Que as casas falan con cadanseu rumor. Que contan o que alí pasou. Mesmo os nenos, cando pasabamos da man da nai pola outra beirarrúa, camiño do Monte Alto, algo oiamos do rumor desa casa. Pablo Neruda, na Oda á casa abandonada, fala dunha pingueira que "soa con voz humana, como se alí estivera alguén chorando". Fala tamén dunha rata que roe. Se cadra ese era o rumor que saía da casa espoliada: unha mestura de auga que chora e couza que rila.

Panadeiras 12 vai ser liberada á fin o vindeiro 14 de abril. Ese día, no que se conmemora a proclamación da II República, abriranse as portas da Casa Museo Santiago Casares Quiroga. Alí estará Esther, a neta que viviu tanto tempo no exilio de México. Será un espazo da memoria familiar e colectiva. Panadeiras 12, no corazón urbano da Coruña, foi durante 70 anos o rostro arquitectónico dunha historia dramática.

Foi un dos homes máis calumniados da historia de Galicia e de España

A casa dos Casares, nos días posteriores ao golpe fascista do 36, foi sometida ao despoxo

A casa dos Casares, nos días posteriores ao golpe fascista de 1936, foi violada, sometida ao despoxo, a unha rapina sistemática, da que só se salvaron a penas as paredes e algúns cadáveres de ferro pesado como a caldeira da calefacción, a cociña bilbaína e a grande bañeira. O predio foi roubado (co eufemismo de confiscar) como un botín de guerra, mesmo co informe en contra dalgún xurídico militar. Ilustrísimos mangantes fixéronse tamén coas outras propiedades do líder republicano.

As casas, ás veces, convértense en prisións. Mais Panadeiras 12, a casa, foi ela a prisioneira. Tiña grandes ventás, nas que, non obstante, non exaltaba a luz. Se cadra tamén a levaran, a luz? Pois, si. No espolio marcharon con sacas de luz.

O templo da casa, e o lugar máis luminoso, era a biblioteca.

Marcharon cos libros. Uns foron queimados, outros roubados, e outros conducidos ao Pazo de Xustiza. Esta parte foi levada ao soto e aos calabozos. Libros prisioneiros. Mais tamén aí, na sede da Xustiza, houbo un segundo espolio, como demostran os inventarios. Un deles, o de 1955, dirixido ao delegado de Facenda da Coruña e onde figura como autor un misterioso El Inspector de Archivos, debería levar a sinatura de Franz Kafka: é unha auténtica denuncia, elíptica, na que mesmo se relata o comportamento bárbaro de quen era presidente da Audiencia en xullo de 1949, quen ordenara de novo a reclusión dos libros en condicións inmundas. Foi o noso Franz, chamémoslle así, quen colaborou na salvación de dous tesouros da biblioteca, dous incunábeis, agora custodiados no Arquivo do Reino de Galicia: Opera Firmiani Lactantii e Epistolae Plinii Caecilii Secundi. Suponse que a gran biblioteca albergou máis de dez mil libros. O fondo actual, coido que mil e pico superviventes, permanece agora na biblioteca pública que leva o nome de Miguel González Garcés. A desventura da biblioteca de Casares vén de ser investigada por Francisco Xabier Redondo Abal (autor dun interesante censo da resistencia do maquis: Botarse ao monte) e este novo informe dramático presentarase en abril, cando se reabran as portas de Panadeiras 12.

A primeira casa, con baixo e andar, erguerase en 1880. Unha casa normal, nada fachendosa. En 1922, máis ou menos na época en que nace María Casares, constrúese un segundo andar. "Esta peza é a que fai moi singular Panadeiras 12, sobre todo pola concepción da biblioteca, extraordinaria, e pola estratexia de luz no interior ao posibilitar dous patios cunha moi orixinal traslación da escaleira", explica Felipe Peña, o arquitecto que dirixiu a rehabilitación. Dicir Felipe Peña é falar de sutileza na arquitectura. Non pon a pouta na obra: fai posíbel a súa reexistencia. Desenvolve o mellor que alí había. E así ocorre con Panadeiras 12.

Do artístico mobiliario nobre da sala da biblioteca consérvase o artesonado do teito e había un anaco da marquetería do chan, o que permitiu a súa reconstrución. Esa marquetería é unha obra de arte de motivo xeométrico, con madeiras de catro cores diferentes, o negro do ébano, entre elas. Os andeis labrados e os armarios vidrados, un hábitat dos libros que merecía figurar nunha nova edición da Historia de la lectura, de Alberto Manguel, xa non están na casa nin volverán. Non se atopan lonxe, mais os actuais propietarios non quixeron desprenderse dese fogar marabilloso que Santiago Casares soñou para os seus libros. Houbo que reconstruílo. Un detalle que é de subliñar e as ferraxes das ventás, probablemente fundida en bronce, e con motivos ornamentais que recordan o máis atrevido art-deco ou o estilo secesion: pomos de sátiros alíferos como anxos.

Goethe escribiu que cando vía queimar un libro era como asistir a unha execución humana. Sabendo o que Casares quería os seus libros, é posíbel que se sentira morrer moitas veces. Trala expresión seria ou un temperamento de aparencia flegmática, había unha persoa moi sensíbel, alerta contra a indiferencia. Con ese tipo de humor intelixente que se labra na loita contra a dor. Fronte a imaxe de polo pera, hai que lembrar que dende a crianza pelexou contra a morte, contra a tise que matou de mozo ao seu irmán máis querido, Arturo. Santiago pasou en soidade longas tempadas no afastado sanatorio francés de Durtol, e dende aló as cartas do adolescente ao pai eran unha mestura de informe médico e humor surrealista. E sempre a falar de lecturas, de novos libros, de descubertas literarias e científicas. Non, non sería de estrañar que lle arderan as células canda os libros. E iso que estaba afeito a que o queimaran! Foi un dos homes máis calumniados da historia de Galicia e de España, e mira que é moita a competencia.

Por que foi tan odiado Santiago Casares Quiroga? Por que esa xenreira inexplicábel que levou a algúns a querer borralo do rexistro do nacemento, do libro dos humanos? Penso que é unha boa pregunta agora que a maledicencia e a produción de odio volven a ser unha profesión cualificada e que conta co plácet episcopal. Quizais o que máis odiaban nel os reaccionarios é que non fora un dos seus. Saber que nunca o sería. O home rico, que vestía de dandi, que tiña iate e auto descapotábel, casado cunha modista fermosa como unha Gloria (Swanson), era un humanista, que amaba máis o saber que os cartos, que se afastaba da vida social dos preeiros da ignorancia, a grosería e a violencia. O odio, a fabricación do inimigo, é unha compoñente nuclear do autoritarismo, e nel non soportaban a firmeza democrática, á lealdade á República. Nin tampouco o agarimo que lle tiña a xente do pobo: defendera como avogado os obreiros libertarios na dictadura de Primo de Rivera. E cando se puxo en marcha a maquinaria da nova dictadura, a que provocou o holocausto español en nome dunha santa cruzada, el encarnaba o Estado liberal, de Dereito, fronte ao Estado criminal.

Manuel Azaña, tan esixente, sempre falou del con aprezo e respecto. Comprometeu todo. Todo.

Panadeiras 12 era un fogar familiar, mais era tamén un símbolo. A esta casa chegou Casares un día levado polo aire. A ombreiros da xente, non pisou o chan dende a estación do tren. Viña de ser absolto no consello de guerra que lle fixeran en marzo de 1931, e xa se albiscaba a aurora republicana. Ese día, no balcón, a nena María Casares escoitou dos labios do pai unha confidencia que a vacinou para sempre contra todo populismo: "Hoxe nos tiran flores, nena; mañá, quen sabe?". María non quixo volver nunca a Galicia, á Coruña. Nunha conversa en París díxome con claridade a razón: non soportaría cruzarse con asasinos e espoliadores que endexamais foron xulgados. Ademais do apartamento parisino, tiña unha casa de campo en Alloue, en Charente, que hoxe é un espazo público, a Maison du Comédien. Ela amaba aquel lugar.

Chegou o tempo de que volva a luz tranquilamente a Panadeiras 12. E oxalá que algún día atopemos a escaleira secreta que leva á casa de Alloue.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 23 de marzo de 2007