Da UCI á Ilustración
A ordenación integral do territorio require o fomento de políticas cruzadas entre os concellos
Hai poucos días, nun foro sobre identidade, paisaxe e territorio ao que fun invitado polo Museo do Pobo Galego xunto con Marcial Gondar, Federico López Silvestre, Joan Nogué e Albino Prada, argumentaba que despois de vintecinco anos de primeiros auxilios para reanimar unha comunidade deixada da man de deus, chegou o momento de construír o país co pouso da ilustración; con cultura, para entendernos.
Do mesmo modo que, nestes anos, se encheu Galicia de equipamentos, dotacións e servizos culturais sen pensar na súa compatibilidade para formar unha rede, implantáronse quilómetros de infraestruturas que sen dúbida axudaron a conectarnos mellor, pero contraditoriamente contribuíron a espallar aínda máis a poboación a carón das vías de alta capacidade e da extensa rede de pistas de concentración parcelaria.
En Galicia non faltan os bos profesionais, maiores e novos, que proxectan moi ben
O desafío é desenvolver a ordenación mediante as directrices que non dan chegado
As coroas urbanas formadas en torno ás capitais polo crecemento dos municipios limítrofes derivaron en procesos de colmatación metropolitana, que seguen inzando ao abeiro duns plans xerais que recollen unhas expectativas de crecemento inverosímiles. Esta inflación da oferta inmobiliaria provoca unha tensión do solo e, polo que se ve, en vez de controlar os prezos incide nunha suba xeneralizada. Se mala era a escaseza de solo ou a incapacidade de xestionalo, malo é tamén o divorcio entre demografía e oferta de vivenda.
Agora, xa esparexidos, non nos cabe outra solución que reurbanizarnos, agruparnos, poñernos uns a carón dos outros para rendibilizar as infraestruturas, equipamentos e servizos de todo tipo -asistenciais, docentes, culturais- e optar por unha mobilidade máis equilibrada. Non se trata de encher con edificación toda a mancha do disperso, senón de racionalizar a nova programación de solo facéndoa máis contida e impedindo que continúe esta fuxida polos agros adiante. Agros que, por outro lado, non se van salvar converténdoos en cidade, senón a través da súa modernización con economías sustentables para o propio sector en primeiro lugar e, por conseguinte, para o país. O desafío é desenvolver a ordenación mediante as directrices territoriais tan esperadas e que non dan chegado.
É posible facer un planeamento con cultura paisaxística? Dito doutro xeito, é posible un negocio inmobiliario con outra cultura do territorio? A esta velocidade creo sinceramente que non. A présa en colonizar un terreo que non é considerado como patrimonio social impide, entre outras cousas, que o urbanismo e a arquitectura se integren nel, parecen indiferentes para calquera área, para calquera país, xa que se non se dispón de tempo e se procura o beneficio rápido é imposible analizar todas as variables que interveñen na reconversión do espazo. E resulta que os entes locais, sempre escasos de recursos económicos e humanos, dedican boa parte dos esforzos ao crecemento expansivo, sen parar moito a considerar a calidade dos espazos que se crean.
A autonomía non está só para construír infraestruturas e xestionar investimentos, senón tamén para articular o país e contribuír, a través da coordinación das políticas municipais, á súa construción culta. Unha visión progresista da autonomía será quen de superar os coidados intensivos dun país doente para acometer a súa promoción, o fomento de políticas cruzadas entre os concellos e a ordenación integral do territorio.
E do urbanismo á arquitectura. En Galicia non faltan os bos profesionais, maiores e novos, que proxectan moi ben. Para saír desta aparente tautoloxía temos que extrapolar as razóns políticas e socioculturais. As administracións públicas, en liñas xerais, levan feito un labor encomiable marcando unha pauta coa arquitectura oficial, da que hai interesantes exemplos repartidos por todo o territorio, pero a carón dela prolifera unha turboarquitectura maioritaria na que todo o empeño está posto na licenzabilidade, apenas ocos abertos nas fachadas ou, peor se cabe, ese neobarroquismo pretencioso tan frecuente nas grandes promocións residenciais como nas casas de campo.
O arquitecto mozo que chega con ganas de cumprir co seu oficio atópase cun mundo que esixe unha formación tecnolóxica microscópica onde é vital aproveitar cada centímetro cadrado e valora cada vez menos unha formación xeneralista. Pero a boa arquitectura é algo máis ca un deseño milimétrico conforme a normas. Deseñar e edificar con estética e racionalidade económica, tecnolóxica e construtiva implica a práctica dun diálogo entre as partes que dea ocasión para crear, inventar sobre o espazo existente o novo lugar onde habitar ou simplemente estar; ordenar con sentido común e imaxinación as actividades humanas que se van albergar neses edificios; construír con beleza tanto os espazos habitables como a relación do edificio co contexto urbano. Algunhas destas funcións están infravaloradas por unha sociedade na que os máis, angustiados polo pago da hipoteca, ven na compra dun piso antes plusvalías de solo que un fogar para vivir.
Arquitectura, urbanismo e territorio están máis unidos que nunca, e xa se deu un primeiro paso ao tomar conciencia e denunciar as desfeitas dunha práctica desmesurada. O segundo paso é recoñecer máis as boas prácticas para emprender unha nova tarefa cultural. Por iso convén poñer énfase naqueles que van abrindo camiño, as administracións que promoven a boa arquitectura institucional, o papel exemplar dalgúns concellos que apostan polo planeamento axeitado ou iniciativas coma o proxecto Terra, ideado polo Colexio de Arquitectos para sensibilizar o sector docente, alumnos e profesores. Tanto é así que os froitos empezan a darse e mesmo aparecen promotores que se comprometen decididamente coa calidade e, ademais, saénlles ben as contas.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.