_
_
_
_
Reportaje:ESPAZO CONSTRUIDO | LUCES

De que falamos cando falamos de arquitectura?

O deseño de edificios, lonxe do monumentalismo, avanza hoxe cara obras máis pequenas

Hai tres anos foi o debate sobre o feísmo. Agora fálase dos perigos da invasión da costa ou da utilidade de obras tan monumentais como a Cidade da Cultura. Cada día máis, a arquitectura ocupa o espazo público dun xeito que vai moito máis aló do meramente físico. Porque un país é hoxe, entre outras cousas, un deseño urbano.

A Cidade da Cultura é un dos máis grandes problemas a afrontar no futuro inmediato
Entre nós traballa un cada vez máis amplo número de magníficos deseñadores

Se aceptamos, como no seu momento propuxeron algúns dos grandes mestres do pasado século, que o concepto de arquitectura debe estenderse a todas aquelas modificacións feitas polo home sobre o seu contorno á busca dunhas mellores condicións de vida, falar da arquitectura implica, por suposto, falar do noso espazo cultural e da nosa capacidade para formalizalo nun momento de profunda crise territorial que, en Galicia, se move entre o caótico desenvolvemento dos grandes conxuntos urbanos e uns espazos rurais cada vez máis deturpados por todo tipo de intervencións arquitectónicas.

Desde esa perspectiva, a xustificación do dramático proceso de destrución da singular arquitectura do territorio polo que Galicia vén pasando ao longo do último medio século, parece lonxe de encontrarse nunha responsabilidade universal pechada coa acuñación dunha denominación tan desacertada como o tan traído e levado feísmo. Máis que a un feísmo de xeneralizable e vaga responsabilidade, a incumbencia da destrución paisaxística e, por suposto, arquitectónica vivida por Galicia nas últimas décadas haberá que atribuíla, esencialmente, a aqueles que fixeron do noso medio un reflexo da súa paupérrima cultura ou dos seus escuros intereses.

É esta a razón pola que se pretendemos contribuír ao desenvolvemento da nosa cultura, se aspiramos a apoiar a formación de novos creadores e investigadores e a dinamizar todo tipo de actividades ligadas ao ámbito cultural, a recuperar o protagonismo de actividades como unha arquitectura ata hoxe infravalorada pola nosa sociedade ... Todos aqueles que temos algún tipo de compromiso sobre a súa concreción deberemos asumir a necesidade de reflexionar sobre a nosa responsabilidade. E, entre todos, uns fundamentalmente: os seus autores, os arquitectos, e os responsables da definición do seu máis significativo capítulo, as nosas institucións.

Certo é que, entre nós, traballa hoxe un cada vez máis amplo número de magníficos deseñadores que repetidamente proporcionan novas mostras dunha renovadora actitude fronte á arquitectura, pero tamén o é que, as máis das veces, os nosos máis prometedores e frescos creadores van chocando contra os intereses do especulador de turno, a ignorancia e a grosería da maioría dos seus clientes, os ríxidos e irracionais muros construídos con normativas oficiais ... para, máis pronto ou máis tarde, ir desesperando das súas posibilidades para consolidarse.

Este é o motivo polo que ao formular unha primeira reflexión sobre o actual panorama da arquitectura galega, entenda que máis urxente que salientar a indiscutible calidade da obra dun ou outro creador ou falar dalgunha hipotética e con seguridade inexistente escola galega, poida resultar abordar o tema do futuro da nosa arquitectura a través dunha necesaria consideración sobre o posible papel que teñen que desempeñar nel as nosas institucións. Despois de todo, os distintos organismos con responsabilidades no campo da edificación xogan no noso progreso como comunidade cultural un fundamental papel a través da configuración do noso escenario vital, servindo como imprescindibles referentes para o desenvolvemento dunha mellor arquitectura no ámbito da iniciativa privada.

Calquera que siga o noso acontecer pode, facilmente, constatar a contribución que algunhas desas institucións - o Sergas, a Deputación da Coruña...- fixeron polo desenvolvemento da arquitectura. Non obstante, non nos debemos deixar enganar pola presenza dalgúns eloxiables, aínda que illados, resultados, sexa cal sexa o valor dos mesmos. Canda eles, é fácil observar unha chea de intervencións nas que a creación dos nosos espazos arquitectónicos está sendo abordada cunha total improvisación e desinterese pola súa posible calidade.

Por iso moitos arquitectos comprometidos coa nosa actividade entendemos que, lonxe de reducir o universo da arquitectura ao dun pequeno conxunto de grandes e monumentais proxectos -ás veces megalómanas e absurdas obras como unha Cidade da Cultura, hoxe convertida, pese ás lamentables e continuas declaracións dos nosos gobernantes e os seus valedores mediáticos, nun dos máis grandes problemas con que haberá de enfrontarse Galicia nun inmediato futuro-, as nosas distintas institucións deberían, neste novo tempo, avanzar na consecución dunha arquitectura pública definida desde unha perspectiva culta, austera, racional e respectuosa co medio.

O termo arquitectura non deberá, no futuro, identificarse con tal ou cal edificio representativo, senón tamén cunha pequena escola, unhas vivendas, unha gardería, un consultorio rural, unha parada de autobús ou unha pequena praza. Cada un destes fitos edificatorios constitúe un novo feito na transformación dese gran superobxecto espacial que é o noso territorio e unha inmediata referencia para as futuras intervencións no seu contorno, aínda que para unha boa parte da nosa Administración e para moitos dos arquitectos responsables da súa definición, non parezan, aínda hoxe, constituír moito máis que unha simple rutina construtiva.

Se realmente queremos facer fronte á progresiva deterioración da paisaxe na que vivimos, teremos que asumir que calquera proxecto institucional debería supoñer, desde unha perspectiva culta e responsable, un novo esforzo destinado a concretar unha intelixente arquitectura que rache coa nosa actual e infame rutina.

A arquitectura promovida polas nosas institucións, é dicir, a arquitectura construída pola colectividade e para a colectividade, propoñeríase así como unha manifestación cultural máis, contribuíndo a un lúcido desenvolvemento do noso medio desde uns novos valores éticos e un inédito entendemento da mesma como un instrumento de progreso; introducindo na nosa realidade uns novos conceptos sobre a organización arquitectónica do territorio para afrontar o desafío de planificar Galicia como unha unidade sobre a que definir uns obxectivos e unhas estratexias, e ilusionando ás novas xeracións de profesionais -destinadas a responsabilizarse do fundamental cambio cualitativo necesario para a definición da Galicia do futuro- coa posibilidade de realizar, co apoio do seu goberno, novos e imaxinativos proxectos...

Despois de todo, a administración pode e debe esixirse, sen problema ningún que o impida, dar a cada unha das súas intervencións construtivas un novo valor engadido: a súa transcendencia cultural. Para un pobo que quere transformar e mellorar o seu país, para un goberno de progreso, e tamén para o conxunto dos arquitectos galegos, este obxectivo debería, pois, erixirse nun esencial e apaixonante desafío.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_