Arte en tempo de cambios
Queda claro un concepto na relación de novos artistas que actualmente traballan en Galicia, aquel que sucede na conexión co seu contexto e a estrutura cultural. Unha época presente de trazos esperanzadores, de cambios, moitos case silenciosos, que están a provocar un protagonismo da arte dentro da engranaxe da cultura galega, todo, coas eivas habituais, que afectan a todos os campos da creación. Sen nengunha dúbida, estamos asistindo ao asentamento dunha nova xeración de artistas, que se diferencian dos postulados dos 80 e conforman, aínda en construción, unha das etapas máis activas da nosa historia recente.
Non podemos esquecer que Galicia viviu -e aínda vive- un achegamento fraccionado ao ritmo das infraestruturas culturais do ámbito peninsular. A esperanza da Transición, do Estatuto e a reactivación dos anos seguintes provocou unha certa satisfacción, por intres enganosa, nos anos 90. Unha normalidade que dispuxo unha paisaxe de novas posibilidades con estruturas nas que traballar e formarse; unha realidade facéndose, que nos serve de base seminal da actualidade. Serán e son anos nos que se asina o apoio aos novos autores, respondendo á necesidade de crear unha etiqueta de novidade, por outro lado sempre necesaria para pousar chanzos na evolución das artes visuais. Asistimos, deste xeito, a unha sorte de segundo elo/escala da inicial innovación dos 90, cunha advertida visibilidade de numerosos nomes e cruzamentos colectivos. Nesa paisaxe seguimos atopando os artistas implicados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e, de xeito paralelo, na nova xeración de centros de arte ou na expansión das fundacións. A mesma que convive cun novo grupo de historiadores, críticos e comisarios, incluso con poucas pero recoñecibles revistas de arte e portais culturais. Pero tamén son autores que advirten as carencias, que contrastan e se recoñecen realizadores ou produtores comprometidos.
O novo artista bebe directamente dese contexto inmediato, do mesmo xeito que adopta con normalidade os novos medios e trasládase entre disciplinas sen medo a etiquetas. Integran certames de arte ou son seleccionados nun plano expositivo en proxectos que recoñecen as súas traxectorias: desde as propostas de Novos camiñantes, Plugged unplugged ou Trompe-la-memòire, as iniciativas a longo prazo de Miradas virxes, Malas artes, Procesalia, IFI ou Latitudes até a aínda activa Alterarte. Nesta vertente destaca o caso paradigmático de Urbanitas, colectiva celebrada no MARCO, que serviu de barómetro de fusión dos diversos elos xeracionais. E cales serían os nomes que ilustran esta realidade cruzada? Partimos do recoñecemento dun conxunto de autores que se presentan a mediados dos 90, ampliándose no presente nunha nómina de difícil resumo: desde as iniciais propostas de Carme Nogueira ou Almudena Fernández pasando pola evolución de Álvaro Negro, Rubén Ramos Balsa, Rubén Santiago, Chiu Longina, Antía Moure ou Mauro Trastoy, entre moitos outros. Uns nomes que ofrecen discursos equiparados ao pulso peninsular e europeo.
Son autores nunha realidade de cambio, que coincidíu coa esperanzada alternativa política, a todos os niveis, do 2005, e coa chegada de novos profesionais á dirección de centros de arte. Nomes e relatos dun presente en construción; unha realidade que debe pasar polo diálogo entre todos os axentes, o aumento de estruturas en áreas como a produción e a documentación da actividade actual ou a imperante creación dun centro de recursos; que se traduce en propostas como Alg-a.org, Escoitar.org, no Espazo Anexo, no esforzo dalgunhas galerías, no premio Auditorio de Galicia ou nas bases documentais de artistas realizadas desde a Deputación de Pontevedra ou o Proxecto Edición. Mensaxe: demandar e seguir atentos, os artistas xa o están neste tempo de cambios.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.