O galego vai devagar
O idioma de Galicia ten más presenza oficial que nunca pero perde falantes entre os mozos
Como lle vai ó galego (ó idioma) é posiblemente a cuestión primus inter pares das grandes preguntas que nos facemos sobre nós mesmos. Como nas outras (¿somos unha sociedade conservadora ou innovadora?, ¿unha nación ou que?) non hai moita máis resposta que "depende". O idioma propio de Galicia acadou un estatus oficial que nunca tal se viu desde o rei Afonso o Sabio, e as cifras do seu uso non son demasiado malas, superiores desde logo ás das outras linguas cooficiais. O malo é, como aseguran os sociólogos, que o interesante das enquisas, máis que a foto fixa que revelan, é a tendencia que marcan. É a tendencia é á baixa. Como comentara ou escribira Xosé Luís Barreiro a pouco de ser apeado da política, cando el casou, as invitacións e a misa eran en castelán e os asistentes falaban galego. Nas vodas de agora, as invitacións e cerimonia están en galego, pero a xente fala castelán.
Malia as estatísticas de falantes, a maioría dos galegos amosa unha alta estima polo idioma
Os datos que outro Barreiro, Xosé Ramón, presidente da Real Academia Galega (RAG), deu na súa intervención no III Congreso Internacional de la Lengua Española celebrado na cidade arxentina de Rosario apuntan a que o 62,4% da poboación recoñece que o galego é a súa lingua materna, fronte ó 26% que ten o castelán e un 11% que tiveron tanto unha como a outra. O 97% asegura entender galego, o 86,4% considéranse capaces de falalo, o 45% ten interese por lelo e o 70% fala só ou preferentemente galego. El mesmo aportou o lado escuro: entre os 16 e 25 anos, o 53,4% dos entrevistados recoñece que a súa lingua preferente é a castelá. "Empeza a resentirse a reprodución do galego na xuventude, que é o vehículo normal e habitual de reprodución na sociedade", aseguraba no seu discurso.
Xa as primeiras campañas a prol da normalización (Fálalle galego) pretendían incidir nese aspecto, e noutro concomitante: a contextos iguais, as mulleres son máis proclives ó castelán. A transmisión de pais a fillos, e sobre de todo de nais a fillos non está a funcionar, e desde logo non con efectos duradeiros. Segundo o proxecto Galbreus (un estudio sobre a situación do galego, vasco e bretón no que colaborou en 2001 o Instituto Monte Carrasco de Cangas, con enquisas a 1.000 estudiantes de 3º e 4º de ESO e Bacharelato) cos avós fala galego o 40% dos rapaces (31% en español), cos pais o 22% (46%) e cos irmáns o 20% (65%). Fóra da casa usaban só o castelán o 68% e só galego o 12%. As razóns debúllaas descarnadamente o informe O galego segundo a mocidade, elaborado pola RAG en 2004 con mozos de 19 a 21 anos: falar galego (e peor aínda falar castelán con acento galego) é de pailarocos, ou en ámbitos urbanos, de nacionalistas. Pasar de falar galego a castelán está mellor visto ( "é para ter máis éxito social") que ó contrario ( "é por destacar ou diferenciarse dos demais"). E todo é peor cando as galegofalantes son mulleres.
Hai que aclarar que os investigadores conseguiron tais descargas de sinceridade -polo demais de propias da idade- substituíndo o frío e impersoal cuestionario por grupos de discusión. Quizais así este estudio, realizado polo secretario de RAG Manuel González coa axuda, entre outros, de Håkan Casares, non se contradiga de todo co que realizaron Henrique Monteagudo e Anxo Lorenzo este verán pasado para o Consello da Cultura. A sociedade galega e o idioma compara os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, de 1992, coa enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2003. O dato máis positivo é que o idioma comeza a recuperarse entre a mocidade, ou polo menos, fréase a tendencia á perda de falantes. Os outros datos non o son tanto. As cifras da esperanza residen en que os monolingües en galego entre os 26 e 35 anos son o 29,4%, entre 16 e 25 son o 27% e nos menores de 16, o 28%. As que se poderían cualificar de curiosas constatan a suba das porcentaxes de monolingües: en castelán pasan do 10,6% ó 18,5%; e en galego, do 38,7% ó 44,4%. As declaradamente negativas son as que confirman a caída constante do galego nas cidades. En Vigo, só o 24,5% da poboación fala máis galego ca castelán, e o 47% é monolingue en castelán. Na Coruña e Ferrol, esas porcentaxes coinciden no 29,1% e no 40,9%. Pola contra, en Ourense o 57,6% fala máis galego ca español.
Con independencia de que idioma se use habitualmente, hai sensacións que non recollen os informes. A realidade é que hoxe, a lingua de primeira relación nas cidades -ou nos sectores urbanos das cidades- é o castelán. Os usos sociais impoñen que, fóra de contextos como o laboral, dous galegofalantes que non se coñezan usen o español ata que algún sinal lles revele mutuamente a súa condición lingüística. A complicidade que xurde nalgúns casos revela tamén un certo estado de clandestinidade. Ata agora non hai sentencias que confirmen que houbo despedimentos por motivos idiomáticos, pero non son estraños os casos de traballadores cara ó público que entre eles falan galego, pero nunca cos clientes.
Esta situación contrasta co feito da estima e recoñecemento, polo menos en grado medio alto, segundo coinciden todos os estudios, que ten o idioma propio de Galicia entre a poboación (ou polo menos en toda, quitado os mozos de 20 anos que traballaron con grupos de discusión). O galego parece ter a mesma consideración que o sexo na moral cristiá: algo que hai que respectar, pero non practicar, ou practicar soamente en determinadas circunstancias. Quizais ese respecto distante veña determinado pola súa súbita conversión de lingua B na práctica a teórico idioma A gracias ó seu uso meramente litúrxico pola clase política. No horizonte, está o paradoxo dun idioma protagonista dunha producción literatura e musical de gran éxito e calidade.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.