_
_
_
_
Reportaje:LUCES

O ADN da arte galega

Unha exposición sobre as influencias na plástica reaviva o debate da identidade

O eterno debate sobre a existencia dunha arte galega cuns sinais de identidade propios volta a xurdir de cando en vez, e unha mostra -que aínda está aberta ao público nestes días na Fundación Luis Seoane da Coruña- serviu para que a cuestión agromara de novo. A opinión maioritaria entre críticos e artistas é que nestes tempos non resulta doado falar da existencia dunha arte galega con características propias, como tampouco pode afirmarse que exista unha arte española ou europea. Máis alá das ideas políticas de cadaquen, os artistas galegos semellan asumir que nestes tempos da globalización non ten sentido falar dunha arte ligada ao concepto identitario. Outra cousa é discutir se a arte galega existiu como tal nalgún momento do século XX.

"A principios do século XX para ser alguén no mundo tiñas que ter un estilo"
"Existe unha arte que se fai en Galicia e feita por galegos....non sei se se trata da arte galega"
"O mellor da arte que se fai hoxe segue a ser a que se expresa en galego"

A exposición Do primitivo na arte galega ata Luis Seoane. Procesos de creación artística e de identidade nacional fai un percorrido polos principais fitos da arte galega da primeira metade do século XX e analiza especialmente a presencia do primitivismo como un medio de conseguir unha plástica cunhas características propias e orixinais que ata daquela non existía. Había un dobre obxectivo: por unha banda tratábase de crear unha escola de arte propia, e por outra facer que a creación se convertera nun feito diferencial para conformala identidade galega. Como consecuencia disto a arte abandonará toda referencia urbana, e a temática predominante serán os estereotipos da cultura rural: as labores agrícolas, os costumes, a relixiosidade, a superstición... A muller pasa a xogar un papel fundamental como encarnación da raza e como susténtante do ciclo vital.

Na mostra podemos atopar como o primitivismo non só marcou a tendencia na primeira metade do século XX nos artistas galegos, senón que a súa influenza prolongouse máis alá e mesmo algúns dos artistas que marcharon cara ao exilio despois da Guerra Civil resucitaron os estereotipos rurais na súa obra, aínda que xa mesturados con outras influenzas, como é o caso do propio Luís Seoane. Ademais, nos cadros presentes na exposición pódense ver tamén outras influenzas recollidas polos artistas galegos de principios de século, como a dos prerrafaelistas, os simbolistas e mesmo da arte xaponesa, rastro evidente nas obras de Castelao e Lugrís.

Xosé Manuel Vázquez, comisario da exposición e profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago, sinala que se pode falar da existencia dunha escola de arte galega a principios do século XX. "Naquel momento para ser alguén no mundo tiñas que ter un estilo propi,o e pintores da xeración do 1875 como Francisco Lloréns e Álvarez de Sotomayor viaxaron a Flandes e déronse conta de que o que viran alí estaba vivo en Galicia. Con esas influenzas crearon o mito da paisaxe e da raza agro-celta. Máis tarde, Castelao e Xesús Corredoyra, dunha xeración algo posterior, crearían unha arte propiamente galega a partires de 1912", explica o comisario, quen salienta tamén que a presenza do rexionalismo é constante, aínda que con altibaixos, na plástica galega ao longo do século XX co movemento Atlántica, que tivo como epicentro Vigo hai 25 anos, nunha última expresión desta corrente artística.

O crítico de arte e comisario de exposicións Xosé Manuel Lens considera que a evolución durante o século XX estivo marcada pola procura da "identidade galega". Ao seu xuízo ese vencellamento entre arte e identidade foise debilitando ata chegar a situación actual onde "teríamos que falar dunha arte feita en Galicia máis que dunha arte galega". Lens tamén estima que Atlántica ten sido o último intento por construír unha identidade galega na arte. "Nestes momentos non creo que haxa ningún artista que esté a pensar nunha etiqueta galega á hora de facelo seu traballo. O que si penso que existe son narracións galegas, porque a arte contemporánea cada vez bebe máis da situación e do contexto no que vive o artista".

Para Lens resulta evidente que a xeografía, a política ou a economía dun territorio determinado acaban tendo algún tipo de influenza na realización dos traballos artísticos. "Creo que agora do que podemos falar é da arte que se fai desde Galicia. Hai que ter en conta que neste momento hai artistas que viñeron de fóra e fan arte desde aquí", sinala o crítico, quen tamén apunta que o máis importante é que os artistas galegos poidan traballar na súa terra e non teñan que marchar, algo que, por desgraza, "ainda ocorre".

A ausencia de artistas galegos actuais que fagan da identidade unha cuestión central é algo no que coinciden Lens e Xosé Manuel Buxán, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, quen lembra que recentemente houbo unha exposición de artistas xoves no museo MARCO (Urbanitas) e "eran moi poucos os que utilizaban o galego nas súas obras". Fronte ao que acontecía a principios do século XX, Buxán sinala que os artistas galegos de hoxe teñen máis cousas en común cós doutras partes do mundo: "Influenzas sempre houbo, tanto antes como agora, mais os artistas sempre adoitan deixar algo da súa identidade nas obras. Artistas como Reimundo Patiño ou Castelao subliñaron os sinais de galeguidade na súa obra, pero na maioría dos artistas galegos actuais os rastros son moi difusos".

¿E que pensan os propios artistas de todo isto? Antón Patiño, un dos membros destacados do movemento artistico Atlántica, sinala que os grandes nomes da arte galega do século XX fixeron o seu traballo "aportando o mellor que tiñan no seu ADN cultural e incorporando achádegos de todo o mundo con total libertade, como traballaron os artistas sempre. O que non fixeron é renunciar ás orixes". Na súa opinión hai que diferenciar entre "cosmopolitismo superficial" e unha actitude universal auténtica. "Persoalmente a arte que me interesa mira ao mundo desde unhas coordenadas vitais concretas, e desde alí expresan un punto de vista singularizado".

Patiño subliña tamén que o mellor da arte galega do século XX está feito nunha boa parte fóra do territorio. Eran artistas "trasterrados" que seguiron a traballar nunha determinada chave cultural. "O mellor da arte que se fai hoxe segue a ser a que se expresa en galego. Por outro lado son as aportacións que acadan máis recoñecemento no exterior, precisamente porque amosan esa diferenza, ese acento autóctono que é unha das claves emocionais da arte", explica

Patiño.

Carme Nogueira, unha artista dunha xeración posterior, advirte que entre as súas preocupación está a de rachar cos "clixés identitarios" que pretenden "poñer nomes ás cousas para facer máis comprensible a realidade". Ademais, considera que o seu traballo ten moito de local no sentido de que os elementos dos que parte están baseados na súa existencia cotiá.

"Neste sentido existe unha arte que se fai en Galicia, que fala de cuestións locais e feita por galegos....Non sei se se trata da arte galega ou se chamándoo así estamos a dicir pouco. Baixo esta perspectiva creo que existiu e existe a arte galega, pero gustaríame acentuar esa idea de que existen varias tradicións, non unha única", comenta Nogueira.

Quizais a razón pola que este debate se reproduce cada certo tempo sexa, como apunta a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, que as institucións galegas non teñen definido o que é a arte galega e, por iso, "son os críticos e os artistas os que trata de atopar unha definición".

Como pode deducirse da multiplicidade de opinións expresadas pola xente da arte, o interese pola cuestión segue presente. A boa nova é que malia tratarse dun asunto polémico ningunha das persoas que falaron sobre o tema se alporizou nin tratou de sentar cátedra. Mesmo máis de un matizou as súas opinións durante a conversa. Quizais a expresión destas dúbidas sexa o mellor punto de partida para reiniciar a discusión sobre un tema do que se seguirá a falar no futuro. De feito, a Fundación Luis Seoane ten previsto nos próximos anos dúas novas exposición que analizarán a presencia do factor identitario na arte galega da segunda metade do século XX. A continuación do debate semella asegurada.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_