_
_
_
_
LUCES

A tradución, ás claras

Xosé Neira Vilas e Manuel Rivas, os autores con máis versións en linguas estranxeiras A literatura galega está presente hoxe en 37 idiomas do mundo

Traducións de obras estranxeiras ao galego, nun andel da Libraría Couceiro de Santiago.
Traducións de obras estranxeiras ao galego, nun andel da Libraría Couceiro de Santiago.ANXO IGLESIAS

A tradución atrae as gravatas. É un caramelo gorentoso para os aparatos de propaganda. A falta de antídoto e xa que se practica adoito con apoio público, convén formular algunhas preguntas. Axuda a driblar as interpretacións envelenadas e a mellor planificar o sector. Quen traduce? Que tipo de literatura? Para que lectoras? A quen ou a que serve a operación? A clase de interrogantes que asaltan catro investigadoras da Universidade de Vigo nun libro que está a piques de poñerse en circulación. Traducción de una cultura emergente (Peter Lang, 2012), subtitulado La literatura gallega contemporánea en el exterior, é a primeira monografía sobre a materia.

Ana Luna, Áurea Fernández, Iolanda Galanes e Silvia Montero traballan dende 2004 na construción da Biblioteca da Tradución en Galicia (Bitraga), unha exhaustiva base de datos centrada polo de agora nas tres décadas transcorridas dende a aprobación do Estatuto de Autonomía (1981) e a posterior Lei de Normalización Lingüística (1983). É ese traballo de campo o que permite agora abordar unha análise cuantitativa e cualitativa. Das máis de 4.000 traducións contabilizadas, tanto cara ao galego como en sentido inverso, o 95% aparecen no marco do proceso autonómico.

A exportación literaria supón, de media, o 33,6% dos fluxos de tradución que atravesan a lingua galega. A narrativa segue a ser o xénero con maior peso, moi por enriba da poesía —o único no que se traduce cara a fóra máis do que se trae para o galego, iso si—, o teatro e o cómic. A que vai dirixida ao público infantil e xuvenil (LIX) confírmase neste contexto como a verdadeira punta de lanza, estimulada pola demanda do sistema educativo, os premios e as estratexias de coedición, nunha primeira etapa, con outros selos españois e europeos. A diferenza do que acontece no conxunto do sector, onde a internacionalización dos contidos nunca foi parella á das estruturas comerciais e editoriais, selos como Kalandraka ou OQO actúan xa como plataformas multilingües.

Catro investigadoras analizaron os fluxos literarios do galego con outras linguas

A literatura galega está hoxe presente en 37 idiomas e 47 espazos lingüísticos con sorte diversa, aínda que o marco preferente segue a ser o ibérico. As que máis traducen do galego son as comunidades do castelán, o catalán, o éuscaro e o portugués, seguidas das do italiano, o inglés, o asturiano, o francés, o alemán e o ruso. En sentido contrario, no galego as máis abondosas son as obras escritas orixinalmente en castelán, inglés, francés, catalán e alemán, por enriba do italiano, o portugués, o éuscaro o ruso e o asturiano. Grazas á profesionalización dos tradutores e á apertura de novos mercados, constátase que a mediación do castelán é cada vez menos necesaria.

O 38% do que se exporta é literatura para adultos posterior ao século XVIII, e nese vagón mandan, con moita diferenza, dous títulos: Memorias dun neno labrego (1961) de Xosé Neira Vilas e O lapis do carpinteiro (1998) de Manuel Rivas, ambos presentes en máis de 20 espazos lingüísticos. Tamén superan as 20 versións, pero con distintas obras, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Suso de Toro, a unha certa distancia de Teresa Moure, con oito de Herba moura (2005).

Fronte ao intento de introducir a literatura galega no difícil espazo anglosaxón —no Reino Unido as traducións só supoñen o 2% do que se edita— a través de antoloxías dirixidas a un público non masivo, unha práctica que se podería poñer en cuestión, a xuízo das investigadoras, a monografía explora os mercados emerxentes ligados ás linguas minorizadas e a tradución ideolóxica. Iolanda Galanes faino a través da experiencia de Made in Galiza, de Séchu Sende, que vendeu 18.000 exemplares en seis edicións dende que viu a luz en 2007, e as súas versións en turco e kurdo, sobre todo esta última, unha tiraxe de baixo custo da que se venderon 6.000 volumes dende maio de 2010.

Na tradución doutros idiomas hai un tímido xiro cara a normalidade

A monografía dedica un capítulo a un dos aspectos menos gratos á propaganda: que se traduce e como e por que se traduce. A profesora Ana Luna detecta “un tímido xiro das políticas editoriais cara á normalidade, especialmente no ámbito da narrativa contemporánea”, aínda que a carón da tradución profesional seguen operando “motivacións, gustos persoais ou intereses particulares dos axentes mediadores”. A exportación, matiza, “mantense viva nos espazos académicos, pero nalgúns casos produciuse un salto cara aos escaparates das librarías, un xiro optimista”.

Pola súa banda, Áurea Fernández analiza o peso da voz feminina neste espazo de intercambios, fundamentalmente na lírica, dende Rosalía de Castro até as autoras contemporáneas. Traducións comprometidas, que parten do orixinal, que non responden exclusivamente ao interese da cultura de partida, neste caso a galega, nin dependen só de axudas institucionais.

“A política de tradución que se poña en marcha”, conclúen as investigadoras, “debe seleccionar as obras polo seu valor literario e/ou identitario, supervisar a distribución dos volumes no respectivo mercado ou velar sobre a recepción da literatura galega que aínda se exporta como produto español, aínda que neste aspecto se teñen dado pasos de xigante. Unha acertada xestión dos peritextos [capas, lapelas, etcétera] ou a promoción de traducións a partir do orixinal en galego modificaría considerabelmente a percepción da literatura, e xa que logo, da cultura galega no exterior”.

Enfriamento do apoio institucional

A exportación de literatura galega, recorda Silvia Montero nun dos capítulos, conta con apoio institucional dende 1987, cando o Goberno central subvencionou a versión italiana de Xa vai o Griffón no vento (1984), de Alfredo Conde, e a Xunta convocou as súas primeiras axudas, que se mantiveron sen apenas cambios até mediados da década pasada. A chegada do PSdeG e o BNG ao poder en 2005 supuxo unha mudanza notable. O bipartito triplicou en catro anos as partidas —fronte aos 90.000 euros do último ano de Fraga, chegou a destinar 295.000 en 2008— e activou outras ferramentas como a participación en feiras internacionais ou a elaboración de catálogos de dereitos.

A situación é outra dende as eleccións de 2009. O novo goberno suspendeu as axudas nos primeiros meses do seu mandato, retomándoas en 2010 con 300.000 euros e baixándoas de novo a 200.000 o ano seguinte. Tamén a presenza institucional en foros especializados é menor agora. Galicia non estará nin en Liber nin en Fráncfort en 2012, e o orzamento destinado á promoción en Bos Aires, Guadalaxara e Boloña será un 40% menor que o do ano pasado, indica a investigadora.

A plataforma en liña Galician Books, con textos en inglés, galego (Letras de Galicia) e portugués (Letras da Galiza), tamén foi desactivada en 2009, como aconteceu coa revista Praza das Letras e o portal Readgalicia.com, onde se ofrecía un catálogo de dereitos de tradución e fragmentos destas obras vertidos ao inglés. A cambio, a Xunta inaugurou en 2011 o proxecto Galician Classics, unha serie de títulos de Cunqueiro, Lois Pereiro, Blanco Amor e Celso Emilio Ferreiro coeditados con con Small Stations Press, unha pequena editorial que dirixe o tamén tradutor Jonathan Dunne.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_