_
_
_
_
LUCES

Ética da desaparición

Vellos barquilleiros relatan o declinio da civilización rural e a experiencia da guerra civil no último libro do poeta e filósofo Emilio Araúxo

Xulio Xácome Vázquez, labrego de A Miranda.
Xulio Xácome Vázquez, labrego de A Miranda.

“Aquilo, ver as estradas cheas de xente... Despois vén Argelès-sur-Mer. Alí estiven eu[…]. Outra guerra, e xa estaban os franceses, xa algún desconfiaban, dixo eiquí imos tela. E nós viñémonos para eiquí. E metéronme nun campo, en Cervera, botei vinte e catro días, pero se botamos outros vinte e catro, morremos, de fame. Xa non había nada que comer. Tratáronnos mal, moi mal”.

O recordo nesgado dos campos de concentración é de Manuel Rodríguez, barquilleiro de Chandrexa. Papou a guerra con 18 anos e contoullo a Emilio Araúxo en 1989. “Tiñamos un inimigo que nos estaba comendo. A Guerra. Por que se meteu aquilo a un país a morrer? E total. E total isto. Eu teño oitenta e cinco anos. E non fun capaz de coller un emprego toda a miña vida. O contrario. Inimigo. Un inimigo”. Isto díxollo, aínda en 2006, o tamén chandrexán Avelino González Vázquez. Son dous dos “heroes anónimos que Galicia elabora e que nunca nomeará”, cuxos testemuños, respectuosos coa fala orixinal, artellan Sombra respirada dunha reliquia (barquilleiros). O último libro do filósofo, poeta e etnólogo ourensán continúa, á súa maneira, o traballo de Martín Álvarez e María del Carmen Paz en Barquilleiro, vendedor d´olvido, cunha idea etnolóxica máis arrimada á gastronomía (Álvarez compaxina o seu traballo de profesor de hostalería en Vilamarín coa práctica do vello oficio).

O de Araúxo excede o ámbito antropolóxico, sociolóxico e etnográfico. Emoción e dó anóanse sen narradores dediante, a penas aclaracións ambulantes do autor, poesía nos intersticios que ordea os tres rexistros de Sombra…: o relato dun oficio que aínda non desaparecera cando Araúxo comezou a entrevistar xente, a agonía do rural e a narración das vidas dos oficiantes, a maioría da gorxa do Sil —Parada, nomeadamente— e a vender barquillos en zona republicana cando o Golpe do 36. Así dá tamén o libro, tanxencialmente, nun libro de conversacións que interroga con criterios singulares a uns rapaces que chegaron a Madrid con 13 ou 14 anos “coa máquina de sulfatar” —así pesaba a barquilleira— ao lombo. En Sombra…, porén, non hai reminiscencia de nostalxia, senón un intento de activar memoria e vida como formas pensantes e creadoras de lazos sociais. Ao ser peor o silencio cá morte, vencellar a idea de dó coa de inminencia. Algo desaparece, pero as palabras dos barquilleiros serven para construír un espazo onde podería xurdir algo imprevisíbel.

“Xente moi lista, que non tiveron vida, non houbo quen os sacase, nin viron nada e naceuse e morreuse esí. Eiquí é bonito, para nós máis ben nos fai triste, porque nos encontramos sen xente, estamos solitarios, que non sei como non bota mau o Estado de nós e disto. O porvir do campo, malo. Selva todo. Eiquí só estamos hoxe catro vellos da miña idade, uns poucos máis, outros poucos menos, imos morrendo e porta pechada” (Xulio Xácome Vázquez. A Miranda, agosto do 1990).

“Eiquí só estamos catro vellos da miña idade. Imos morrendo e porta pechada”

No contexto da desaparición, malia a todo, ninguén chora polo perdido. O dos barquilleiros era un oficio pobre e duro, de atravesaren comarcas a pé. Mais alegre pola aventura da noite, a verbena e a emancipación, que tende a superar a dialéctica entre amos e criados. O amo era o dono da máquina, un cilindro vermello de folla de lata cunha tapa circular onde os números, do 1 ao 9 en dúas ringleiras concéntricas con variñas verticais onde deter a púa da roda —a ruleta do barquilleiro—, decidían o número de barquillos parisiéns que levaba o xogador. Os aprendices que querían ser barquilleiros aprendían de noite, ás agachadas, cómo mesturar a auga coa fariña, o zucre e a canela. E co amo, polo día, a ciencia das bolas da barquilleira. Só escintila unha cita en Sombra respirada dunha reliquia, onde todo chega a partir do eco. Así Derrida (a claridade da morte, e cómo escribir dende ela) como Lautréamont (e a súa paixón polas matemáticas). “Unha das direccións nas que tento empuxar é a de exemplaridade e capacidade dun oficio de supervivencia onde Galicia aportou ao mundo un esforzo modélico", resume Araúxo, aquí ao abeiro de John Berger. O único ditado alleo en Sombra… é de Manuel Antonio: “Fomos ficando sos, o mar, o barco e máis nós”. Ten unha explicación: “Iamos unha vez de noite no coche de liña pola chaira das Gándaras, cun barquilleiro de 93 anos, o Felipe de Barxacova… O condutor, o Florencio de Celeirós, íanos contando a súa vivencia do 36 en Madrid. Tardou en saber que o cántico UHP, UHP!, era Uníos Hermanos Proletarios… O Florencio morreu facendo vinte viaxes, vinte traballos por aquelas estradas para sobrevivir”.

[…]Cando retornou ás súas casas co libro na man[…], o autor de Cinsa no vento, que prepara agora un dicionario do Entroido de Laza, tivo que dixerir o abandono xeriátrico ou a morte física da maioría dos entrevistados. Sen rematar as coseduras do volume que publica na súa editorial non venal, Amastra-N-Gallar, tamén houbo que decidir entroutras escollas. Publicar ou non a primeira fotografía galega coñecida sobre un oficio de pobres? Fíxoo co permiso de The Hispanic Society of America. Reproducir a primeira imaxe dun barquilleiro galego, tirada por Ruth Matilda Anderson no 1924, custou 75 dólares.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_