A feminista que non quixo selo
A hispanista Shirley Mangini publica unha biografía de Maruja Mallo na que achega pistas sobre unha figura aínda enigmática. Retrata unha muller que mesturaba a intelixencia co efectismo
Como ocorre con outras figuras históricas da cultura galega, Maruja Mallo foi unha artista que sempre tivo presentes as súas raíces, pero que viviu pouco tempo na súa terra de orixe e aínda é moi descoñecida no seu propio país. A súa importancia coma artista é evidente, pero quizais o atractivo que esperta a súa peculiar personalidade contribuíu a agochar os méritos dunha muller que tivo un papel senlleiro na cultura española antes da Guerra Civil. Sen dúbida foi unha das mulleres que abriron o camiño que outras seguirían en décadas posteriores, malia que non o fixera dun xeito planeado. Podería decirse que foi unha feminista que nunca quixo selo. Sen procuralo conscientemente, a súa vida é un exemplo de como unha muller pode decidir o seu propio destino e facer cousas que a maioría das mulleres da época non podían soñar.
A hispanista estadounidense Shirley Mangini acaba de publicar a versión española dunha biografía sobre a pintora galega que xa se editara en inglés hai dous anos. A editorial Circe publica agora un volume no que se afonda na traxectoria vital da artista, aínda que a autora advirte de que un certo misterio segue a rodear a unha muller que deixou poucas cousas escritas sobre a súa vida privada e da que non é sínxelo separar a persoa do personaxe.
Mangini, profesora emérita de Literatura Española na Universidade de California, quedou fascinada coa figura de Mallo durante a investigación que realizou para escribir outro libro, Las modernas de Madrid (2001). A autora sinala que a pintora galega era a máis “moderna” dun grupo de mulleres que rachaban coa normalidade na España da II República. “Mallo tiña unha conciencia do mundo sociopolítico que a rodeaba o que resultaba insólito para una muller do seu tempo. Só podían compararse con ela xente coma María Zambrano, Margarita Nelken ou Rosa Chacel”, explica Mangini.
Un dos riscos da personalidade de Mallo é a súa capacidade para adaptarse a todo tipo de circunstancias. Seguramente niso influíu que dende moi nova levou unha vida errante. O seu pai era funcionario de Aduanas e traballou en diversos puntos de España. Maruja naceu en Viveiro, pero pouco despois a familia desprazouse a Tui. Cando so tiña cinco anos, foise a vivir cuns tíos que non tiñan fillos a Corcubión e A Coruña. Permaneceu con eles oito anos. “Como filla única neses anos podemos imaxinar que a pintora adquiriu esa forte e caprichosa personalidade que a caracterizou toda a vida”, apunta a biógrafa.
“Maruja era unha muller rompedora en todos os sentidos da palabra, tiña unha personalidade efervescente, espontánea, escandalosa por unha parte, pero doutra era unha muller moi intelixente que agachaba as súas dúbidas e angustias detrás desa personaxe. Unha gran parte do atractivo do personaxe Maruja Mallo é xustamente a combinación entre o espontáneo e o pensativo que a pintora deixa entrever en moitos dos seus cadros, sobre todo nos primeiros”, explica Mangini. A escritora subliña que, a diferenza dos elementos autobiográficos que inclúen nas súas obras outras artistas de vangarda, coma Frida Kahlo ou Remedios Varo, Mallo non reflicte nas súas pinturas anécdotas persoais. “Mallo mantivo unha distancia entre a súa vida pública e a máis íntima e deixou moitas cuestións abertas”, indica a escritora estadounidense.
Na biografía se explica que Mallo non se preocupou específicamente sobre a cuestión da muller, pero si o fixo de xeito indirecto ao procurar o seu propio papel dentro do vangardismo madrileño nos anos vinte. “Hai que lembrar que ser feminista naqueles anos era algo temible para o patriarcado. Maruja procurou un xeito alternativo de insertarse no mundo artístico e intelectual madrileño e atopou a solución da subversión, que producía desconcerto pero tamén admiración nos seus coétaneos bohemios”, sinala Mangini, quen engade que Mallo demostrou coma podía conseguir o que pretendía nun mundo moi complicado para as mulleres.
A biografía analiza especialmente o período no que Mallo se converteu nun membro máis do grupo de intelectuais e artistas da Residencia de Estudiantes e fai referencia a episodios como a relación sentimental e artística que Mallo mantivo co poeta Rafael Alberti. Esa época é a súa estadía dun ano en París, cando entrou en contacto cos surrealistas foron seguramente os momentos máis importantes da súa traxectoria artística. A súa primeira exposición en Madrid foi organizada por Ortega y Gasset nos salóns da Revista de Occidente en 1928 e sorprendeu aos intelectuais e artistas da época coa serie Cloacas e Campanarios, realizada a finais dos anos vinte e principios dos trinta.
Durante a súa estadía de case 30 anos en Arxentina, Mallo seguiu pintando, aínda que abandonou as referencias políticas e sociais a España e os seus cadros non volveron ter a orixinalidade dos primeiros tempos. Tras a volta do exilio en 1965, Mallo foi recibida pola xuventude de entón como supervivinte da “tola época vangardista” e fascinaba a moitos coa súa máscara de maquilaxe e os seus monólogos surrealistas sobre os seus amigos Dalí, Buñuel ou Lorca, entre outros. “Sen dúbida foi unha das mulleres más importantes do século XX en España”, conclúe Mangini.
“O franquismo borrouna da historia”
Mangini explica que unha das causas para que a súa figura non teña o recoñecemento que merece é que o franquismo a borrou da historia, como aconteceu con tantos outros vangardistas que acabaron no exilio. “Foi boicoteada polos seus propios contemporáneos que a viron coma demasiado escandalosa. O prexuízo vén do de sempre: a muller artista e ademais excéntrica resulta máis interesante por excéntrica que por artista. Maruja quería épater la bourgeoisie, malia que o que fixo foi escandalizar ao patriarcado e iso dificilmente se perdoaba”, indica a escritora.
No que se refire a súa relación con Galicia, a biógrafa sinala que Mallo negou a súa orixe algunha vez polo seu desexo de ser “internacional”, máis considera que a súa terra natal tivo unha importancia evidente na súa vida e tamén houbo reflexo na súa obra, por exemplo nas imaxes das romerías da súa serie Verbenas. Dende Galicia, concretamente dende Vigo, Mallo emprendeu o seu camiño ao exilio vía Lisboa. A pesares da súas simpatías políticas pola República, Mallo puido abandonar a Península sen maiores dificultades ao non ter causas pendentes. Sabía que na España franquista non tiña lugar.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.