_
_
_
_
ESPECIAL LUCES DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O presidente galego que non foi

O Día das Letras Galegas conmemora a vida de Valentín Paz Andrade, que atravesa o século XX entre o activismo nacionalista, o xornalismo e a empresa

Castelao (esquerda) e Paz Andrade na antiga estación de Ferrocarril de Pontevedra.
Castelao (esquerda) e Paz Andrade na antiga estación de Ferrocarril de Pontevedra.GALAXIA

Hai unha certa xustiza poética en que as Letras 2012 dedicadas a Valentín Paz Andrade renoven a actualidade das súas intervencións finais, cando puxo en cuestión os defectos de construción da autonomía de Galicia en coexistencia co poder central. Unha situación que entendía insatisfactoria e chamada a colapsar se se mantiña a dobre estrutura de institucións de autogoberno propias coas herdadas do centralismo (división provincial, gobernos civís e deputacións).

Porque Paz Andrade foi durante toda a súa vida un home que observando múltiples actividades (avogado, escritor, empresario, ideólogo, divulgador, poeta ou xornalista) tivo sempre o nervio da intervención política como eixo da súa interminábel acción pública, mantida desde moi novo na Pontevedra natal (23 de abril de 1898) até o derradeiro alento en Vigo (22 de maio de 1987).

Sostiña Valentín que “o galeguismo é a única ideoloxía que moveu Galicia desde primeiros de século” e mozo aínda el estivo abrazando esa idea rexeneradora que se viña articulando desde a I Asemblea Nazonalista de Lugo en 1918. Na que se celebra un ano despois, en Compostela, xa participa directamente, mentres estudaba Dereito, e fai a proposta de que se cree unha escola de xornalistas galegos. Porque era o xornalismo o seu xeito natural de relación coa sociedade. Despois de estar mobilizado na expedición colonial española en Marrocos, regresa para fundar o mítico xornal Galicia, concibido como medio de comunicación e como organizador da proposta política galeguista, que xa comezaba a avanzar na sociedade e que frutificaría coa fundación do Partido Galeguista (PG) en 1931.

O Galicia (1922-1926) modernizou o xornalismo galego e contou cos elementos que Valentín considerou centrais nun diario avanzado: editorial, caricatura en portada (Castelao como estrela), artigo humorístico, unha información renovadora e aberta e unha boa proposta gráfica. Foi saudado por Antón Vilar-Ponte como oposto ao “diario-oficina, tan común en Galicia, sen outro obxectivo que defender os intereses materiais dunha empresa e os políticos dun cunero e que se reduce a un editorial oco, a uns artigos espontáneos, a uns soltos de compadreo cheos de gabanzas adxectivadas, a unha sección telegráfica e telefónica. Un xornal europeo no que ademais de todas as noticias mundiais cotiáns se rexistran e definen as novas ideolóxicas en boga até agora só coñecidas pola maioría das xentes a través da prensa madrileña, con moitos meses e aínda anos de atraso”. Anotemos simbolicamente no seu haber democrático que os seus dous redactores xefe, Manuel Lustres Rivas e Roberto Blanco Torres, foron asasinados polos golpistas en 1936. A experiencia durou poucos anos baixo as presións da ditadura de Primo de Rivera, que o acosou coa censura e encarcerou un mes a Paz-Andrade por discrepar desde as súas páxinas co xeneral Rodríguez Barrio sobre cal debía ser o trazado do fe</CF>rrocarril ao exterior do país. As dificultades económicas e o potente competidor que supuxo El Pueblo Gallego, fundado por Manuel Portela Valladares, déronlle o finiquito e levaron a Paz Andrade a centrarse na avogacía, empeño profesional que xa non deixaría.

Abandonada a exclusiva adicación ao xornalismo, Valentín teceu unha intensa relación co mundo do mar, sendo asesor xurídico da patronal La Marítima de Bouzas, sen deixar os vencellos co agrarismo, como conselleiro legal da Sociedade de Agricultores de Teis e cunha actividade moi diversa nos frenéticos anos previos á chegada da República, en plena crise económica mundial. Funda o Grupo Autonomista Galego en xuño de 1930 e no histórico mitin do 25 de xullo dese ano no Teatro García Barbón, intervén con Cabanillas e Castelao marcando as grandes pautas políticas do proxecto galeguista. “Queremos unha Galiza autónoma, dona de si mesma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente. Levando os principios democráticos á súa máis radical manifestación, arelamos que o pobo galego entenda directamente nos seus problemas, sen intromisión de quen é alleo a eles, os resolve sen coñecelos, sen sentilos, sen vivilos, como puidera resolver os problemas do Congo”. Candidato nas primeiras eleccións republicanas constituíntes nas que saíron deputados Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo ou Vilar-Ponte, o roubo dos votos en Carbia (Lalín) impediron que el obtivese acta nas Cortes. Integrado na dirección do Partido Galeguista, Paz Andrade participa con moita intensidade na implantación do partido que, segundo o historiador Xavier Castro, levaba un ritmo que de non mediar o golpe militar en poucos anos acadaría os niveis do Partido Nacionalista Vasco.

En novembro de 1932, no medio dun durísimo conflito laboral dos sindicatos e a patronal de Bouzas, Paz Andrade é tiroteado na rúa do Príncipe. Dos cinco disparos, un deles quedaríalle para sempre no corpo. Salva a vida pero ese acontecemento escurece a súa inmediata actividade pública, aínda que volve ser candidato galeguista en 1933 e 1936, e conta coa plena confianza de Castelao. Este, desterrado en 1934 polo Goberno de Lerroux, proponlle a Valentín ser o seu substituto como secretario Político do PG, cargo que non acepta. Até a data fatídica do 18 de xullo, o seu empeño principal foi colaborar no triunfo do plebiscito estatutario, sendo o factotum editorial de El Pueblo Gallego o xornal que levou o grande peso daquela campaña.

Confinado polos sublevados en Verín, onde volve saír indemne das balas de pistoleiros da Falange, e logo duns meses na Serra da Queixa, onde esperta a súa corda de poeta (Sementeira do Vento, Cen Chaves de Sombra...), Paz Andrade refúxiase na súa profesión e comeza aos poucos anos unha relación estreita cos exiliados galegos, que confiaban na caída de Franco no ronsel da vitoria aliada na II Guerra Mundial. A esperanza truncouse, pero a relación mantívose. Morto xa Castelao, ao que Paz Andrade adica o libro Pranto matricial, o contacto co ex alcalde republicano de Pontevedra, Bibiano Osorio Tafall, alto cargo na ONU, lévao a participar como profesor nos cursos da FAO en diferentes países latinoamericanos. Nesas viaxes prolongadas en diferentes fases maduran moitos libros. En 1959 publica Galicia como tarea que xunto a La marginación de Galicia (1970), son as primeiras análises sobre a situación do atraso galego, que un Paz Andrade sempre de natureza práctica non só teoriza, senón que participa en emprendementos empresariais en liña con esas ideas. Algúns sen éxito, como o argallado con Manuel Cordo Boullosa de instalar unha industria petroquímica en Vigo nos sesenta ou a fundación dun Banco Industrial no sur de Galicia, do que elaborou os estudos xurídicos e económicos, pero outros dun suceso que chega aos nosos días: a creación de Pescanova da man con Xosé Fernández, onde cristalizaron as súas propostas de pesca industrial e desenvolvemento a partir das nosas potencias naturais.

Os sesenta preséntanos un Valentín debruzado nunha liña galeguista discrepante de Ramón Piñeiro, máis na onda con persoas coas que tecera grande amizade, como Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, sen prexuízos anticomunistas e sempre co ollo posto nas oportunidades que se poderían abrir coa inevitábel caída da ditadura. Reaparece na Transición o político práctico, de conduta cívica sen mácula, que preside a Xunta Democrática e representa a Galicia nas negociacións da Comisión dos Nove con Adolfo Suárez. O Valentín que sae electo senador en 1977, que encabeza a marea autonomista que sae á rúa o 4 de nadal de 1977 e volve saír cando a UCD quere devaluar o Estatuto galego. O Valentín que ingresa na Academia cun discurso sobre a galeguidade na obra de Guimarães Rosa, coherente co seu pensamento a prol dos lazos lingüísticos co mundo luso-brasileiro, por cultura e posibilidades económicas. O Valentín que enfronta o recurso ao Tribunal Constitucional da Lei de Normalización por García Sabell, e que sae ás rúas de Vigo na segunda Carreira da Lingua. O Valentín que aborda o esforzo titánico de escribir a primeira biografía de Castelao e o Valentín que non baixa o ritmo crítico, a medio camiño entre a furia e o desencanto.

“Estamos ante unha groseira mistificación. Primeiro por terse dado a autonomía desde arriba a algunhas areas que nin sentiron nunca ese problema, nin estaban preparadas para asumilo, até chegar á pintoresca situación dos estatutos uniprovinciais. Todo tramado para acelerar o descrédito das autonomías, un maquiavelismo barato dos híbridos mandaríns do centro”. O Valentín ao que a nova xeración nacionalista formada nos sesenta apenas puido contactar. O Valentín Paz Andrade que hoxe soñamos como o que debeu ser presidente dunha Galicia moderna.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_