_
_
_
_
LUCES

A pegada de Eros

A literatura erótica galega acadou o seu maior desenvolvemento na poesía e diluíuse noutros xéneros

Debuxo de Francisco Leiro que serviu para ilustrar os poemas do cartafol Erótica, de Xosé Luís Méndez Ferrín.
Debuxo de Francisco Leiro que serviu para ilustrar os poemas do cartafol Erótica, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Non hai en toda Europa outro poeta que, coma Martín Códax, conte dacabalo entre os séculos XII e XIII como unhas mozas se van bañar ao mar co seu “amigo”. Nin outro autor do tempo de Cunqueiro que poña a un fillo a meterlle a lingua na boca a súa nai, como en O incerto señor don Hamlet. Son só dous exemplos escollidos polo escritor Xosé Luís Méndez Ferrín para refutar a, ao seu ver, estendida lenda urbana sobre o cativo desenvolvemento da literatura erótica en galego. Un estereotipo cuxo obxectivo é, asegura, “o intento de presentar a nosa literatura como atrasada”.

A etiqueta literatura erótica, reflexiona a escritora e profesora María do Cebreiro, puido ser “produtiva mediática e criticamente” a partir dos noventa. Iniciativas como os Contos eróticos de Xerais, o premio Narrativas Quentes de Positivas, o Illas Sisargas, o Máquina de Vapor ou o Ferve a Rede contribuíron a visibilizala. Mais calquera óptica sobre o tema bate co primeiro atranco da dificultade de delimitar o seu obxecto. “Non ten sentido ensaiar unha definición de literatura erótica que teña vixencia desde Platón a Yolanda Castaño”, advirte a autora dos poemas de (nós, as inadaptadas).

Segundo o concepto de xénero erótico que se manexe, a súa presenza xúlgase de modo distinto. A profesora Dolores Vilavedra sinala n’A narrativa galega na fin de século o desenvolvemento serodio da novela erótica. Pero matiza que, vencido o “tabú”, xeneralízase a aparición de escenas de contido erótico. Convida, ademais, a non confundir literatura erótica coa que inclúe algunha descrición do acto sexual. O crítico Francisco Martínez conflúe con ela ao subliñar a demora do asentamento do xénero na narrativa. E propón como explicación a censura franquista. Porén, “a primeira novela erótico-sentimental galega, A modelo de Paco Asorei de Xoán Xesús González, foi publicada no 1933”, lembra.

Ferrín refuta que o desenvolvemento do erotismo en galego sexa cativo

Concorda tamén con Vilavedra ao indicar que, desde os noventa, “o erotismo, sen constituírse en xénero independente, está presente noutros xéneros máis amplos”. Así, identifica “páxinas de intensa sensualidade” en Aventura en Nassau de Bieito Iglesias, Coral de lirios morenos de Xosé Antonio Perozo, Náufragos en terra de Xosé Manuel Martínez Oca, Anel de Mel de Xulio Valcárcel, Carne de can de Isidro Novo, Pensa nao de Anxo Angueira, Fado de princesa de Xosé Ramón Pena, Renacer de Xabier Paz ou Beatum Corpus de César Cunqueiro.

A perspectiva muda se ollamos á poesía. Nas décadas de setenta e oitenta xorden voces como a de Fernán-Vello ou Claudio Rodríguez Fer, quen valora a “presenza relativamente explícita do erotismo na nosa literatura contemporánea: Rosalía, Otero Pedrayo, Cunqueiro, Luz Pozo Garza ou Novoneyra...”. E sostén, a maiores, que “o erotismo segue a ter unha carga libertaria e subversiva contraria a todo poder. Eu mesmo fun censurado por cultivalo”. Nos noventa, desde o Tigres coma cabalos de Xela Arias ata Yolanda Castaño ou o Xosé Vázquez Pintor dos poemas de Rotación violeta, o ronsel do erotismo multiplícase.

Para Solleiro, “o sexo é unha máquina de producir tópicos literarios”

Outra cuestión é a evolución do tratamento desta temática. A escritora e profesora Rexina Vega aprecia na poesía “un salto enorme, sobre todo nos noventa”. Porque, pensa, “aquí foron as mulleres as que racharon coa tendencia a deitar un veo estetizante ou trazar unha elipse sobre as relacións carnais. A pescuda nas compoñentes do desexo, na materialidade do corpo, que está xa na pioneira Queizán e que acada cotas magníficas en Olga Novo ou Emma Pedreira, é unha liña que se enceta nos oitenta e que eclosiona nas dúas últimas décadas”. E subliña especialmente a obra de Susana Moo, escrita en castelán.

En canto á narrativa, opina o escritor Samuel Solleiro, ocorre que “o sexo é unha máquina de producir tópicos literarios”. “A escrita reproduce as experiencias e sensacións que milleiros antes ca min canonizaron”, di. Non hai, así, afirma, na nosa literatura obras comparables a Histoire de l'oeil de Bataille, a Henry Miller ou ao Kosmos de Gombrowicz. Entende, ademais, a erótica como un xénero indisociable da excitación sexual: funcionalidade na que a literatura foi desprazada por “soportes máis eficaces”. Na mesma senda, Vega pensa que “erotismo sen pornografía sería unha sublimación branda e mentireira”, e admite o déficit nas nosas letras da “liña dura” como a da Justine de Sade; ou da pospornografía ao xeito de Diana Junyet, coa súa lectura política.

Decente, casta e ideoloxicamente neutral

Dz ou o libro do esperma de Solleiro é unha das tres obras que salienta o tamén escritor Alberto Lema pola súa visión nada canónica do corpo. As outras dúas son Ganga de Antón Lopo e Ser ou non de Xurxo Borrazás. O creador de Sidecar lanza unha hipótese sobre as pexas que puideron limitar a narrativa: "A teima en facer unha literatura normal derivou nunha literatura decente, casta, ideolóxicamente neutral (do lado da ideoloxía dominante) e dirixida a contentar as ANPAs".

A poeta Olga Novo amósase de acordo: “En moitos casos de chamada literatura erótica asistimos non a unha subversiva liberación do desexo e do amor, senón a verdadeiros fósiles ideolóxicos que baixo a aparencia liberadora de pertenza a un xénero que exalta o pracer, ofrecen modelos de conduta e imaxes estereotipadas dun forte contido misóxino”. E isto ten que ver, para ela, cun pensamento occidental “marcado por unha terrible negación do corpo”. Tamén o escritor Francisco Castro sinala a “contaminación” que aínda producen os prexuízos da tradición xudeo-cristiá.

De igual xeito, unha das gañadoras do Narrativas Quentes, Eva Moreda, asegura: “Durante unha época non encontraba na narrativa máis que representacións do erotismo estereotipadas e contadas desde unha perspectiva que, querendo ser ás veces rompedora, era bastante patriarcal: heteronormativismo, o coito como elemento central ou único de toda relación sexual, a inexistencia do autoerotismo feminino, representacións totalmente estereotipadas do lesbianismo...”.

Pero isto non é exclusivo da literatura galega. Francisco Martínez subliñou, ao respeito, o esmorecemento do xénero en castelán, simbolizado na desaparición de La Sonrisa Vertical. O interese no erotismo foi elevado na Transición pero, despois, indica citando a Vargas Llosa, "evaporouse o efecto escándalo". Manuel Lourenzo, outro dos gañadores do Narrativas Quentes, como Alberte Momán, Chelo Suárez e Francisco Castro, sinala que "a literatura galega dos oitenta e noventa parcelouse, aparecendo os xéneros. A apertura despois difuminouse. Mais como calquera outra literatura de xénero, a erótica ten os seus seguidores". E unha das últimas propostas neste sentido son os poemas de Amantes de María Lado.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_