_
_
_
_
LUCES

Porto foi o noso Perpiñán

Galegos acudían a cidade lusa na procura de películas prohibidas

O teatro Sá da Bandeira foi o primeiro que proxectou películas no Porto.
O teatro Sá da Bandeira foi o primeiro que proxectou películas no Porto.

Ás veces a historia é contada dun xeito parcial e iso acontece cando dende este recanto semella que as películas prohibidas durante o franquismo só se podían ver en Perpiñán. E seguro que houbo galegos que se adentraron en territorio francés para facer eses visionados, mais a meirande parte dos nosos paisanos tiveron en Porto a súa cidade referente á hora de contemplar as producións censuradas, onde as vían en versión orixinal subtitulada, como sucede hoxe en día.

Como parece que vivimos incomprensiblemente de costas aos nosos veciños, o imaxinario colectivo continúa tendo como referente á localidade francesa, mais unha morea de paisanos descubriron o cine prohibido naquela altura en terra portuguesa. O Jornal de Noticias do Porto constataba na súa edición do 10 de abril de 1977 a chegada de turistas cinematográficos ao seu chan durante a Semana Santa. “A projecção nas salas portuguesas de filmes que na Espanha não foram vistos, como Novecento ou Saló, é outro dos motivos de atracção para os espanhois". Noméanse no texto dúas obras de directores italianos de gran prestixio, Bertolucci e Pasolini, xa que os interesados en ollar en Portugal o que non podían ver na súa localidade non só se movían na procura de filmes eróticos, senón que unha boa parte asistía con interese a fitas cunha forte carga política. Anxo Santomil, secretario da Federación Galega de Cineclubes, ten algo lonxano na memoria a Bertolucci como o referente para os filmes que viu no Porto, mais lembra: “Eu ía a manifestacións e a enchouparme do que estaba a acontecer no país, e aproveitaba algún momento para ir ao cine”.

As salas de cinema da cidade do Porto ofrecían na súa programación filmes que non se podían ver en Galicia, e para os galegos acceder a esas obras era tan sinxelo como desprazarse ata a localidade e pasar pola billeteira para mercar unha entrada. Aínda que o gran éxito colleitado por algunhas películas podía deparar sorpresas, como a que tivo o cineasta tudense Daniel Domínguez, quen lembra baixar para ver El último tango en París. “Mais xa non había entradas e quedamos coas ganas”, conta. ao tempo que lles comentaban que xa pasaran por alí ese día “moitos españois para adquirir a súa localidade”. Mário Dorminsky, director do Fantasporto, recoñecido certame de cine fantástico, lembra que esa cinta chegou a estar “máis dun ano en exhibición e debeu ser a que aguantou máis en cartel”. “Logo tamén logrou grandes entradas a xaponesa El imperio de los sentidos”. O luso cre que nesas películas existían secuencias “das que logo se falaba moito e algúns ao mellor non gozaban demasiado cos filmes e ata bocexaban, mais esperaban eses momentos na butaca para logo poder comentalos”. “A xente viña á procura do prohibido”, di.

Vían ata cinco filmes ao día, censurados en España por eróticos ou políticos

A temática sexual era un filón bastante seguro para os programadores por mor da súa boa acollida por parte do público. Os filmes protagonizados por Laura Antonelli, canda Salon Kitty ou Emmanuelle, seguro que tiveron espectadores galegos, ao igual que Garganta profunda, un clásico do cine pornográfico. Entre os locais que proxectaban eses filmes cómpre sinalar ao Batalha, São João, Rivoli ou o teatro Sá da Bandeira, o local onde se viu cine por primeira vez en Portugal. Estes dous últimos aínda conservan a súa actividade de cara ao público, aínda que en condicións diferentes ás de noutrora.

Logo estaba a vía máis cinéfila, aquela que daba lugar á proxección de ciclos temáticos. “Alí o que se adoitaba programar eran películas dos países do Leste para permitir a descuberta do descoñecido”, sinala Dorminsky. “Primaban as obras clásicas do cine soviético ou as realizacións dun director xa reputado como Andrzej Wajda, mais lembro unhas producións iugoslavas que tamén tiñan unha forte carga sexual”. Esos ciclos non se limitaban á cidade de Porto, xa que algúns recalaron en Viana. O avogado vigués Alfonso Álvarez Gándara, cabeza de lista do Partido Socialista Galego nas eleccións xerais de 1977 e antigo secretario xeral do Partido Galeguista, foi dos que pasou por esa localidade. “Lembro que unha vez coincidira na data coa morte dos cinco derradeiros fusilados polo franquismo e falamos dese tema antes das poxeccións”, indica. Daquela viaxaban para contemplar cintas de xeito intensivo. “Viamos catro ou cinco diarias durante un par de días. O que predominaba era o cine eminentemente político”, comenta Álvarez Gándara.

Mário Dorminsky sinala que naquela época existiu un intercambio cultural “moi forte entre Galicia e o norte de Portugal, que non só remataba en partillar experiencias no cine, senón que se traspasaba ao tema dos discos e os libros”. “Ademais os galegos lían na prensa de aquí cousas ben diferentes ao que se lles daba na súa terra”, engade. E na actualidade, calquera xornalista con espírito inquedo pode continuar constatando que existen publicacións do outro lado da raia moi interesantes, e non só na prensa diaria. E ás veces nos cines estréanse filmes que aquí non teñen distribución. Que fermoso sería non perder nunca esa conexión cultural cos nosos veciños e unir vivencias, cadaquén poñendo o sotaque diferente para sentírmonos irmanados dende a nosa lingua e arelas comúns.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_