Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
GROUCHOS | Luces

A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick

Dicía verdade, mais o que eu botei de menos no comunicado laudatorio en que se informaba da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro foi unha referencia á mesa. Á célebre mesa. A esa mesiña de braseiro, circular, coñecida urbi et orbe como A mesa camilla de don Ramón. Non sabemos se todo un monte, o de Gaiás, parirá un rato ou un mamífero cultural, mais a mesa, aquela sinxela mesa de madeira de piñeiro de Piñeiro, foi o epicentro, o punto xeodésico, a lanzadeira dun renacemento na escuridade.

O valor da mesa de Piñeiro non vén derivado da orixinalidade como obxecto artístico ou de deseño. É unha mesa senti-pensante con braseiro épico. O moble da saudade de futuro de pretérito. Velaí un noso lugar no mobiliario universal da vangarda. Están a cadeira de Wassily (a peza emblemática da Bauhaus, en 1926), o sofá LC2 de Le Corbusier, a mesa escritorio de Marcel Breuer, a cadeira Qué Alta está a Lúa de Shiro Kuramata... Hai mobiliario, hoxe imprescindíbel, que naceu como artística provocación. Eis o urinario de Marcel Duchamp. E nese mesmo ronsel de provocación artística, a xenial Cama desfeita de Trency Emin. Pois aí, nese museo dos obxectos con áurea, con vida de seu, aí entra A Nosa Mesa, a mesa senti-pensante de Piñeiro.

Falar de Ramón Piñeiro sen a súa mesa é como falar do rei Artur sen a Táboa Redonda ou de Michel Eyquem sen o seu castelo de Montaigne. Merece unha mención, unha lembranza, unha instalación. Jacques Derrida subliñou a importancia dos detalles limiares nos libros. A cuberta, as gardas, as páxinas de cortesía... Todo iso é esencial no libro. Pois a mesa era o grande detalle limiar de Piñeiro. Sentar na mesa con don Ramón era tamén pola súa parte unha páxina de cortesía. Mais quen sentaba sabía que co agasallo estaba a ser sometido a unha proba de navegación. A unha viaxe iniciática.

Xuro que a primeira vez que sentei en Xelmírez 15, aló na primeira mocidade, sentín o arrinque das turbinas e o despegue da mesa. Non dixen nada. Chovía en Santiago. O caso era dar unha volta, aínda que fora pola eternidade. Deixeime ir porque don Ramón era un piloto que transmitía confianza. Tiña uns ollos de aviador, de ave noitébrega. Absolutamente hipnóticos. E o continuo acenar dos brazos, das mans diante da túa ollada! Había quen dicía que era linguaxe xestual, mais eu coido que o que facía Piñeiro era mover as pancas da mesa e premer os mandos da cabina espacial da nave Xelmírez 15 propulsada pola mesa helicoidal de braseiro.

Unha volta na mesa camilla

Lembro moi ben o lixeiro abaneo, o mareo que tiña cando baixei os chanzos de Xelmírez 15, cando xa anoitecera. Mirei dende abaixo, dende a rúa mollada. Alí estaba el, na galería, cun aceno de adeus, os ollos como focos furando na noite. Era así, non é conto. Non sei se pasei a proba ou non. Coido que el desistiu de examinarme, e que me aceptou como un ocasional copiloto preguntón. Volvín unhas cantas veces. Sempre que me apetecía dar unha volta polo espazo e o tempo. Había amigos que se estrañaban. "E ti que carallo vas falar con Piñeiro?". Eu non podía dicirlles a verdade. El nunca me adoutrinou. Eu ía onda Piñeiro para dar unha volta na mesa camilla!

Aquela mesa de suposto braseiro era, en realidade, unha supercomputadora na Compostela do "ventre do silencio". Por unha banda era o lugar do oráculo. E por outra, unha extraordinaria base de datos, con información esencial. Esa dobre característica fíxome ver a mesa de Piñeiro como unha variante galega e camuflada de HAL 9000, a computadora de Odisea no espazo, de Arthur C. Clarke, que levaría Stanley Kubrick ao cinema. De feito, Piñeiro tiña unha voz cuspidiña á de Douglas Rain, o acto que facía de HAL. Ou era ao revés?

Verbo da semellanza entre HAL e a MESA de Xelmírez 15 é moi significativo este pensar que don Ramón introduce en Filosofía da saudade, a súa obra máis senlleira: "Pódese dicir que o home galego vive individualmente inmerso na natureza; máis que sometido á presión do ambiente social, vive sometido á presión do ambiente cósmico". O ambiente cósmico! Hai que volver a coller o tintiman desta filosofía.

Anda moito en prensa a intelectualidade enfurruñada contra os "localismos" con lingua propia, sen ver a trabe no ollo propio. A miña opinión sobre o Manifesto castelanista está no refraneiro: "Galiña será, pero chéirame a can". Agora ben. Quen queira saber máis, que lea a Piñeiro. Non podemos perder o tempo con andrómenas, mentres estamos a vivir a presión do ambiente cósmico. Eu, dende agora, só falarei de cuestións lingüísticas con HAL 9000 ou coa mesa de Piñeiro.

O piñeirismo

Ramón Piñeiro mais de polas súas obras ensaísticas, en especial a devandita Filosofía da saudade, é coñecido polo piñeirismo. Non abundan os casos na intelectualidade galega de ter un prolongamento, doutrinal ou estético, que se expresara en ismo. Non hai, por exemplo, un currismo (Curros), nin un risquismo (Risco), nin un pedrayismo (Otero Pedrayo)... Hai, si, moitos estudosos e amadores destes autores, como hai rosalianas ou pondalianos. Tense falado moito da ascendencia sobre Piñeiro do doutor García-Sabell, tan brillante en todo, mágoa desa soidade final nun recanto do club Náutico coruñés. Mais non hai un garcía-sabelismo, e si hai un piñeirismo.

E que cousa o piñeirismo? Ese home en loita co "ambiente cósmico", que viaxaba no espazo-tempo, que fixo da mesa de braseiro unha supercomputadora, era tamén un paradigma de realismo. Piñeiro tiña dúas conexións, en realidade complementarias. O ollar cósmico e o principio de realidade. Nel habitaban o día, a noite e máis a aurora. Coñeceu a aurora na adolescencia e nun período moi breve, o da esperanza galeguista e republicana. Despois caeu a noite e coñeceu a clandestinidade nos anos máis crueis da ditadura. Foi, pois, un resistente, que acabou na cadea cando era sinónimo de morte. Ao saír do cárcere, talvez viviu o máis dramático dilema. Proseguir a resistencia política directa ou tentar resistir por medio do que chamou a tarefa cultural. Sempre ficará a dúbida de se foi atinada a decisión de aplicar a eutanasia ao Partido Galeguista, en doloroso enfrontamento cos exiliados.

O nome escollido para a operación cultural foi magnífico (Editorial Galaxia, outra vez o cósmico!) e o proxecto foi realizado co esforzo dun dos mellores equipos que tivo Galicia, nos que sobrevive polo menos un prometeo, Francisco Fernández del Riego.

O piñeirismo era unha ecuación simple: democracia + autonomía + europeísmo. E logo unha técnica, sobre todo unha técnica. O traballo coas elites. A sedución das elites. Hoxe toca pesar pan. Así que no balance positivo, dous intres históricos: O movemento contra o aldraxe da discriminación estatutaria e o acadar un consenso para a Lei de Normalización Lingüística, mesmo convencendo á dereita máis de a ceacú.

Don Ramón Piñeiro ter non tivo moitos medios. Viviu sempre de xeito humilde. O asombroso é que sempre tiña tempo. E sobre todo, tiña unha mesa cósmica.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 11 de julio de 2008