_
_
_
_
Reportaje:Luces

Liberar a palabra

Teresa Moure trata de repensar a linguaxe alén do peso histórico do sexismo

A deconstrución da linguaxe como artefacto de poder, a súa crítica á luz do postestruturalismo, sitúase no cerne do traballo de Teresa Moure. "Se ousamos renovar a linguaxe, estaremos actuando sobre as vellas estruturas para construírmos un mundo novo", reflexionaba no seu libro A palabra das fillas de Eva (Galaxia, 2005). Naquela obra, a escritora e profesora de Lingüística na Universidade de Santiago convidaba xa á insubmisión fronte á invisibilización das mulleres polo uso academicamente establecido do xénero gramatical. E aínda máis: apuntaba a "necesidade urxente" de comezar a pensar máis aló do dualismo masculino-feminino.

O ensaio co que acaba de gañar o premio Ramón Piñeiro, Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións, recolle o testemuño daquel outro título. Repensa a linguaxe, desta volta, da man da teoría queer para propoñer estratexias transformadoras non só dos xeitos de dicir, senón da sociedade. Porque non abonda, advirte, con repetir acriticamente o xesto ritual do "todos e todas". Trátase de adestrar a nosa razón contra o sexismo lingüístico a todos os niveis. "Observaba certa complacencia, na política ou nos medios de comunicación por exemplo. Parece que con utilizar -os e -as xa está todo feito, sen que exista máis vontade transformadora de xénero", explica. "O feminismo pensou xa moito sobre isto. Se as mulleres non se senten denominadas polo masculino xenérico, por que temos que cumprir as normas que nos ditan as institucións académicas?".

Rexeita o uso do feminino como xenérico e propón empregar a arroba
Defende a teoría 'queer' de que sexo e xénero son construcións sociais
En Otero Pedrayo atopa "reivindicación do desexo feminino alén das convencións"

O debate non é novo, e ninguén ten a receita perfecta. As fórmulas feminizantes como "médica" ou "avogada" atopáronse xa nos anos 70 coa reacción de boa parte da filoloxía, que as rexeitaba con argumentos como a teoría do termo non marcado. Porén, "na lingua popular hai unha tendencia moi forte a facer a parella en feminino. Dise individua, axudanta...". Mais a súa opción non é esta. Nin utilizar o feminino como xenérico. Decántase polas expresións do tipo "seres humanos", "persoas", "profesorado", "a dirección"...., xunto ao uso da arroba. "Eu non uso o feminino como xenérico porque sería como devolverlles aos homes a mesma pedra. A arroba é un xeito de expresar esa disidencia, que ademais obriga a posicionarse, a pronunciar a palabra en masculino ou en feminino", subliña.

Dicir "as persoas" e non "o home" non só inclúe ás mulleres e aos homes sen establecer xerarquías. É que trascende o binomio masculino-femenino. E aí é onde se sitúa o miolo da conexión de toda esta reflexión coa teoría queer. Feminizar o nome das profesións, por exemplo- non deixa, ao seu ver, de ser un xeito de reproducir ese dualismo. "Realicei a miña tese doutoral sobre os modelos filosóficos e lingüísticos non-discretos, é dicir, os que non reducen a realidade á oposición binaria entre unha cousa e a contraria. Os que se ocupan do que transita pola gama de grises. Esta é unha idea moi potente".

Se xa o feminismo cuestionara a ecuación que iguala sexo biolóxico e xénero social, o pensamento queer vai máis alá. Postula que nin o sexo nin o xénero existen máis que como construcións sociais. O queer rexeita os binomios, as reglas sobre a sexualidade, as categorías pechadas e estables. E así inclúe todas as formas de identidade sexual: transexuais, hermafroditas...

Moure percorre no seu libro, a historia da literatura galega desde unha óptica queer. "Non importa como é o corpo da persoa que escribe, nin cal é a súa orientación sexual. O que importa é se a obra cuestiona a heteronormatividade, se vai máis alá dela", sostén. Así, no sentido do cuestionamento da sexualidade canónica, cita non só obras da literatura dos 80 ou dos 90. Nin só A esmorga, ou Rosalía de Castro segundo a interpretación de Francisco Rodríguez. Lembra, por exemplo, O maroutallo de Otero Pedrayo, para ela unha "reivindicación do desexo feminino alén das convencións".

Esta lectura non está, porén, exenta de problemas. Un deles é a invisibilización que un contedor tan inclusivo como o queer pode producir de cada unha das categorías que acolle no seu seo. Un exemplo é o debate sobre a etiqueta "literatura homosexual". Do mesmo xeito que a unha estratexia consistente en utilizar neutros para falar de homes e mulleres, ou unha androxinización da linguaxe na que as mulleres renuncien para equipararse aos homes a algunhas marcas que distinguían o xeito de falar feminino, pode conducir a unha nova sorte de invisibilización das mulleres.

"O que chamo estratexia étnica, que subliña a diferencia, é lóxica mais non idónea desde o punto de vista ético", reflexiona Moure. "Definirse como homosexuais pode ser, un modo de reivindicar dereitos e facerse forte na resistencia. Pero existe a posibilidade de que así non quede oco para outras disidencias. E non se trata de facer respectábel o homosexual, no sentido de levalo ao rego das normas, como fai a propaganda do consumo rosa. O obxectivo é romper a barreira do aceptable e non aceptable".

Moure admite que "o feminismo non se da asentado socialmente, e isto debe ser proba de que é moi disidente". "Os medios de comunicación conservadores conseguiron estigmatizalo, facer que se vise como violento, agresivo, cando é todo o contrario".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_