A nova fichaxe de Discos Humeantes
O selo asturiano publicará o debut do dúo vigués Fantasmage
Quen conserve a fantástica edición en vinilo do seu primeiro e último disco, publicada por El Beasto Recordings en 2008, saberá que foi profética. Se un chisca un pouco os ollos, sobre a funda aparentemente negra asoma primeiro unha mirada, logo o contorno dun nariz e finalmente unha boca tan aberta que acaba diluída na noite do cartón. Indómitos foron exactamente iso: unha aparición demasiado breve. Paula, Nico e Manu deron unha presa de concertos, gravaron estas 12 cancións escuras en Glasgow e desapareceron para sempre como grupo. Deixaron atrás, iso si, un bonito cadáver (homónimo). Agora está aloxado en www.indomitos.bandcamp.com.
O trío vigués xa ten secuelas. Unha chámase Fantasmage, a outra Orphan Tracks. Na primeira militan Manu G. Sanz -daquela guitarrista e compositor de todos os temas e agora produtor-, Daniel Nicolás Ferreiro -de novo na voz, pero coa batería no canto do baixo- e Andrés Magán -guitarra e voz, antes en Anenome. Teñen en www.fantasmage.bandcamp.com unha das demos máis prometedoras de 2011 en Galicia e están a piques de publicar o seu primeiro disco. A outra secuela é máis atravesada ca esta. Compártena Manu G. Sanz e outro vigués, Óscar Chamorro. Ten forma de blog (www.orphantracks.blogspot.com) e consta, literalmente, de cancións orfas. Bandas sonoras para películas de xénero que só existen na cabeza dos promotores do asunto.
Os tres paus do dúo, garaxe, pop e punk, constarán no seu debut
A marca Acuarela encargarase de facer circular a A Veces Ciclón
O debut de Fantasmage sairá o vindeiro mes de abril no catálogo de Discos Humeantes, o selo asturiano de Fasenuova, indispensábeis nos resumos de 2011 polo seu A la quinta hoguera. De momento non ten título, pero incluirá 12 dos 14 temas que Ferreiro e Magán gravaron no estudio de Manu G. Sanz en Tomiño. Tamén estarán os catro que xa teñen na rede, pero gravados de novo, con máis medios e a mesma preocupación por conservar a rugosidade. Conteñen xa os tres paus do dúo: garaxe, pop e punk. Cancións sucias, retrousos luminosos e moita urxencia. Vuelta a empezar, Huesos, Metido entre sombras e Ella es un espectro son catro trallazos.
O repertorio de Indómitos estaba na cabeza de Manu G. Sanz, autor de todas as letras. Era un catálogo de psicodramas en cancións pouco iluminadas. Os títulos eran elocuentes abondo: El rencor, Juego mortal, Déjame en paz, Crisis de identidad. Fantasmage funciona exactamente ao revés: as melodías de voz e guitarra encaixan coa batería no local de ensaio e acaban perseguindo desesperadamente unha letra. Resultan máis hedonistas e físicos que Indómitos. O vindeiro sábado estarán en La Radio, en Santiago, con Juanita y Los Feos, e en febreiro teñen outras dúas convocatorias: o día 10 tocarán en La Iguana (Vigo) con Srasrsra e o 25 na sala Karma (Pontevedra) con Los Cafres e Tora Tora Tora. É a festa anual da revista Mondosonoro.
A fichaxe de Fantasmage por Discos Humeantes súmase a outras igual de prometedoras para este 2012, como a de A Veces Ciclón por Acuarela ou a de Srasrsra por Discoteca Océano. Tamén se esperan noticias de Franc3s, que repetirán no catálogo de Enanos Gigantes co seu segundo disco, e do resto das bandas que conseguiron situarse, con distinta fortuna, nos resumos anuais da prensa especializada e gurús de referencia, como Das Kapital ou Ataque Escampe. Todo iso no 30 aniversario da formación d'Os Resentidos, que o celebrarán cun concerto de reunión o vindeiro mes de maio en Ourense e un disco dobre de tributo ao cargo dunha vintena de bandas.
O portal www.bandcamp.com está a ser testemuño -e canal de distribución- da emerxencia dun feixe de proxectos interesantes, en moitos casos sen discos publicados nin discográfica onde facelo. Por aí se filtraron, por exemplo, as primeiras gravacións de Mano de Obra -dúas o ano pasado, ambas igualmente notábeis: Imperio Cobra e Cámara de cría- ou Tora Tora Tora -Alfabeto eléctrico. Tamén Fantasmage, A Veces Ciclón e un dos outros proxectos de Óscar Vilariño, Mullet, asomaron por aí. Das Kapital e Ataque Escampe seguen fieis á plataformas como A Regueifa ou Komunikando. En moitos casos permítese a descarga directa. Noutros, soamente a escoita en liña.
Circula dende hai algunhas semanas un curioso recompilatorio nesta web. Reúne as bandas que pasaron polo Liceo Mutante de Pontevedra, unha asociación cultural, ao longo do seu primeiro ano en marcha. Os 16 cortes poden funcionar como unha guía para curiosos, aínda que combinan grupos con disco e bandas inéditas, gran e palla a partes iguais e proxectos con algunhas horas de escenario con outros acabados de chegar. Por aí andan Atomizador, Unicornibot, Telephones Rouges, dUASsEMIcOLCHEIASiNVERTIDAS, Cró!, Hernando, Mal Röin, Fajardo, Hacceidad, Es Un Árbol, Fantasmage, Pablo Und Destruktion, MLK, Len Drone, Mano de Obra e Linda Guilala. De todo, pero pouco (ou nada) en galego. Está en www.liceomutante.bandcamp.com.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.