_
_
_
_
Reportaje:Luces

Cunqueiro para ben e para mal

Onte fixo un século que nacía un dos autores máis completos e complexos da literatura galega - Tratar coa súa sombra segue a ser un desafío para os escritores

En salvaxe compaña de Manuel Rivas, a obra de Xosé Miranda, un Xentiario de Reigosa redactado no ronsel dos libros de semblanzas do mindoniense, un premio Blanco Amor de 2005 -Dentro da illa, de Dolores Ruiz-, o Ramón Loureiro que n'As galeras de Normandía revisita o territorio físico e psíquico entre Ferrol e Mondoñedo, a xeración Lamote, Os escuros soños de Clío de Casares, mesmo certa épica fantástico-histórica de Darío Xohán Cabana. Esta enumeración non esgota a nómina de autores que abeberan en Miranda, nos tipos célebres e máxicos de Xente de aquí e acolá ou Os outros feirantes, nos pregues temporais e exotizantes do Sinbad. Tampouco fala daqueles escritores que tratan a Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) por negación e impugnan a súa sombra no propio traballo. Pero a literatura galega é dificilmente cartografábel sen atender ás xeografías creadas polo home que naceu hai un século e un día na Mariña interior e que escribiu, por caso, As crónicas do Sochantre. Para ben e para mal.

Vilavedra: "A súa prosa revalorizouse grazas a Xoán González-Millán"
"O 'Sinbad' é un libro para montar unha vida nel", di Darío Xohán Cabana
"Lémolo todos, porque está na escola", considera Rosa Aneiros
"O tempo aínda nos traerá os seus verdadeiros lectores", di Loureiro
Más información
Cunqueiro e sen compromiso
A arte da fuga
A derrota de Sinbad
Mapa e melancolía
O xornalismo que solta segredos
O poeta que era un segredo

"A narrativa de Cunqueiro revalorizouse, sobre todo, nos noventa, grazas ao labor teórico de Xoán González-Millán", considera a profesora Dolores Vilavedra, que recentemente publicou un mapa da cuestión, A narrativa galega na fin de século (Galaxia, 2011). E engade: "Esa revalorización tardou en producirse en parte por prexuízos ideolóxicos, en parte porque non había ferramentas teóricas para enxergar unha obra así, deuse unha incapacidade hermenéutica". O paradigma dividíase, na atoutiñante prosa de posguerra, entre o existencialismo rebelde de Blanco Amor -non conceptualizado dese xeito- e o relato de fonte popular e tendencia fantástica de Ánxel Fole. Cunqueiro non cadraba en ningures. "O seu programa está fóra do tempo, tampouco ten relación coa literatura española", explica Vilavedra, para quen o achegamento ao escritor dende a dicotomía realismo / fantástico "encorsetou a súa obra".

Na súa gran triloxía en galego, esa que vai de Merlín e familia, pasa por As crónicas do sochantre e desemboca en Se o vello Sinbad volvese ás illas, non existe o eixo temporal, a mestura indiscriminada de tradicións culturais avanza estratexias melting pot, un pouso melancólico percorre todo o seu espiñazo e nas ansias por ser outras vidas e explorar outros mundos sedimenta o edificio narrativo. "O Sinbad é un libro para montar a vida nel, é para namorarse e é unha cabronada para un escritor", sentencia Darío Xohán Cabana, aínda sinceramente abraiado, moitos anos logo do seu contacto cos repertorios do mindoniense, "pola capacidade de evocación da súa linguaxe".

Mais o propio Cabana, que asegura volver unha vez e outra aos poemas de Herba aquí ou acolá, é consciente dos riscos de Cunqueiro. "A súa narrativa ten unha influencia enorme na literatura posterior", di, "pero posúe uns xeitos que, se te achegas demasiado a el, podes acabar sendo unha caricatura". O perigo do manierismo, do que tamén alerta a crítica Dolores Vilavedra e no que sitúa o menos produtivo da herdanza cunqueiriá. Non dubida en poñer exemplos: "O Xentiario (Galaxia, 2009) de Carlos Reigosa ten unha vontade de homenaxe explícita aos libros de semblanzas, pero se cadra aí se atope o menos interesante". Pero tampouco detecta alternativas a esa liña, pegadas sutís, asimilacións fértiles: "Non as vexo".

"Algúns críticos atribúen o adxectivo cunqueirián, na miña opinión, con excesiva xenerosidade". Ramón Loureiro non exclúe a súa propia obra, que viaxou á terra de Miranda n'As galeras de Normandía, que considera Merlín e familia "o libro dunha vida", e que, asegura, "Cunqueiro non ten continuadores, porque é un universo que remata en si mesmo". É difícil, corrobora, escapar dun autor "tan extraordinariamente grande que, para velo na súa dimensión completa, hai que tomar distancia". E mentres Cid Cabido, cuxos experimentos formais están no outro extremo do campo literario, recomenda "a súa lectura permanente, unha e outra vez, para seguir aprendendo", Loureiro avisa de que "o tempo aínda nos traerá os verdadeiros lectores de Cunqueiro".

A literatura para un pobo por vir -tal era a definición de Gilles Deleuze da escrita de Kafka- e que aínda non é percibida en toda a súa dimensión. "Nós adoitamos explicar a narrativa en galego de Cunqueiro sen ter en conta a obra en castelán, e iso é unha ollada parcial", anota Vilavedra. Nin El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes (1974), nin Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca (1972), nin Las mocedades de Ulises (1960), nin Un hombre que se parecía a Orestes (1969, premio Nadal) aparecen decote nos repasos á traxectoria do escritor. Cid Cabido, nun correo electrónico, afonda no asunto. "A obra literaria e xornalística é tan importante que non sería un despropósito traducir ó galego todo canto escribiu en castelán", opina, "en calquera outro contexto cultural estaría feito hai tempo".

Pero segue a haber mil e un Cunqueiros. E non sempre de todo coñecidos. "Desgrazadamente é menos lido do que nós pensamos", expón, sen ánimo de provocar, Ramón Loureiro, "e non hai epígonos, nin para ben, nin para mal". E, con todo, atópase nos programas de estudos do ensino secundario. O que lle serve á escritora Rosa Aneiros para falar dunha cuestión xeracional: "Aínda que non queiras, Cunqueiro está na escola e todos o lemos". Ela manifesta, a maiores, a súa débeda explícita e escolle o Merlín -"é moito Merlín, malia que sei que o Sinbad é un libro fascinante"- como obra de cabeceira. E lembra o impacto de O Gatipedro e A voadora de Serantes, incluídos en Escola de menciñeiros e n'Os outros feirantes. "Descubrín, con dez ou 11 anos, unha maneira de contar, uns relatos que falaban na miña lingua e do meu mundo".

D'Os cinco de Enid Blyton á proximidade do Cunqueiro menos fabuloso. "Ten tal facilidade e mestría para crear un ambiente, para levarte a un tempo e a un lugar", esténdese Cid Cabido, "que é quen de conseguir unha escena só con unha ou dúas frases breves pronunciadas por un personaxe". Vilavedra mesmo se refire a un Cunqueiro que "adianta mecanismos posmodernos". Entre a "gran tradición europea occidental" en que o localiza Ramón Loureiro e a súa "aproximación á oralidade" n'As Semblanza que salienta Cabido, Álvaro Cunqueiro manéxase a un tempo nun cento de rexistros. "Non é un autor intelectual", prosegue o escritor d'Unha historia que non vou contar, "e de feito as súas falsas erudicións quizais poden interpretarse como unha broma contra o coñecemento académico, encorsetado e alleo ao mundo".

Xogo de máscaras e de veos, unha verdade literaria que negocia ao despiste coa realidade, nada é, en Cunqueiro, o que parece, e, ao tempo, todo é o que parece. Fala Darío Xohán Cabana: "Recolle elementos normais e transfórmaos nunha cousa milagrosa; a súa narrativa breve, que pode parecer nunha primeira ollada un asunto así máis etnográfico, é unha trampa, non ten que ver con iso". Non aforra ditirambos -"é algo anxélico, non é deste mundo, é unha literatura en si mesmo"- e admite, coa súa proverbial modestia, débedas: "Eu réndolle homenaxe nas miñas narrativas, que serían difíciles de entender sen Cunqueiro". Cid Cabido, cuxa obra se afasta formalmente do cunquerián, estabelece analoxías: "A miña relación coas súas obras é pura química de reforzo. Así como ás veces o corpo che pide pan de centeo con xamón e un vaso de viño tinto, tamén sente a necesidade de ler a Cunqueiro, porque cho pide o corpo".

Ramón Loureiro non acredita en etiquetas. "En absoluto". Segundo el, a súa pegada está diluída porque "Cunqueiro escribía dende a esperanza. Nós facémolo dende a desesperanza". O zeitgeist mudou, pero, no caso concreto de Loureiro, existe unha sutura. "Únenos, a Cunqueiro, a min e a outros escritores, un substrato común do que non se fala: somos escritores cristiáns", afirma. O que implique tal consideración non resulta doado de derregar, aínda que o esmiúce o seu teorizador: "Non se pode esquecer que Cunqueiro era un escritor con fe na revelación, consciente de que Deus lle pode falar ao home coas palabras do home, e polo tanto coa literatura".

Calquera achegamento semella insuficiente. Todas as perspectivas valen, pero ningunha o esgota. O clásico que non é lido precisamente por ser clásico, pero o escritor popular, como poucos outros o foron traballando en galego. O autor local que, segundo o poeta Xabier Cordal, "será mal comprendido se non se comprende Galicia, mesmo diría que Mondoñedo e a comarca britoniense. Citémolo a el: 'Se a Comedia de Dante fose escrita en catalán, Cataluña sería independente".

A estatua de Álvaro Cunqueiro fronte á catedral de Mondoñedo, a súa vila natal.
A estatua de Álvaro Cunqueiro fronte á catedral de Mondoñedo, a súa vila natal.PEDRO AGRELO

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_