_
_
_
_
Luces

O poeta que era un segredo

En 1980, apenas un mangado de lectores avisados sabían, ou lembraban, o poeta Álvaro Cunqueiro. O xornalista, o narrador, o personaxe, devorara a aquel mozo afouto que se adentrara nas vangardas con Mar ao norde ((1932) ou Poemas do si e non (1933) e con Dona do corpo delgado (1950) se asomara ao abismo do tempo. "Todo ten a cor da miña propia voz turbada", escribe entón na Soedade primeira. Pero de cinza e carne, do mito descendido á terra, están compostos os textos que naquel ano do Estatuto vén luz baixo o epígrafe Herba aquí e acolá, disimulados entre as páxinas de Obra en galego completa. Poesía. Teatro (Galaxia).

"Nese tomo da obra completa descubriuse un poeta", considera o crítico Xesús González Gómez, "pero a súa influencia é nula; os autores do que se chamou Xeración dos Oitenta xa eran poetas feitos". Quen tamén recollera, por vez primeira, as traducións de Cunqueiro en Flor de diversos opina a contramán. O consenso historiográfico apunta ao papel chave de Herba aquí ou acolá no denominado "cambio de rumbo" da poesía galega a partir de 1976. Manuel Forcadela, ensaísta e poeta, mesmo o sitúa o mindoniense, nas décadas anteriores, como o polo literario oposto ao configurado pola poética Celso Emilio Ferreiro. "Pero Cunqueiro chegou tarde como poeta", teima González Gómez, "só Ferrín, quizais, pode estar influído por Cunqueiro, porque coñece os poemas que, durante anos, foi publicando no Faro de Vigo".

A materia de Herba aquí ou acolá non era inédita. Os suplementos e as páxinas do xornal acolleran as composicións, por veces baixo a máscara lúdica do pseudónimo. Mais non chamaran a atención. "De feito, nos poetas de importancia dos oitenta", engade, "non está Cunqueiro; ou está en Pexegueiro, en Cáccamo, en Forcadela, en Baixeras?". "O primeiro herdeiro de Cunqueiro é o Ferrín de Con pólvora e magnolias", coincide o propio Forcadela, quen investigou o escritor de Cantiga nova que se chama riveira (1933) en Diálogos coa néboa e A mecánica da maxia. "Foi un xesto moi valente, pero el era un dos poucos que podía facelo".

A convención considera Con pólvora e magnolias (1976) síntese de certo pathos melancólico e ansia política revolucionaria, superación da fase literaria chamada socialrealista e abono da lírica hexemónica durante os seguintes dez ou 15 anos. E Méndez Ferrín fíxoo en diálogo aberto e confeso coas teses poéticas do último Álvaro Cunqueiro, ese que ideaba e prometía libros pantasma: Favorábel prisión de soño, Retorno de Ulises, Amor ou estancia de Rosalía de Castro. "O segundo Cunqueiro", expón Forcadela, docente na Universidade de Vigo, "trata de incorporar moitas voces e os seus poemas narrativízanse; a súa poética pasa de ter o acontecemento na linguaxe a ter o acontecemento no destino". O primeiro xogaba cos achados vangardistas, "procuraba un idiolecto propio", aguzaba un verso (Mar ao norde): "Sin que naide o soupera // houbo un intre puro / no que nada houbo".

"É fundamental para o poesía galega, en primeiro lugar por que foi o primeiro en entender a Manuel Antonio". De catro a catro estaba fóra do canon cando Cunqueiro se colocou no seu esteiro no tempo da República. Ese é o primeiro apuntamento de Iago Castro Buerger, que vén de compilar con Xosé-Henrique Costas a poesía posterior á Guerra Civil do de Mondoñedo. E que coincide co do poeta Xabier Cordal: "Para o Cunqueiro novo, os versos de Manuel Antonio supoñen unha conmoción. Ao non poder seguir ese camiño, elixe o formalismo de vangarda influído polo surrealismo francés e español".

O segundo apuntamento de Castro Buerger, que "Cunqueiro sempre é poeta, na narrativa, no teatro, no xornalismo... é difícil falar de xéneros nun macrotexto". Pero, puntualiza, a voz atópaa a partir de Dona do corpo delgado, un libro que define a golpe de símil: "É o Rubber soul da poesía de Cunqueiro: algo grande está para botarse a andar". E o que se bota a andar é unha poesía que pon en xogo a verdade. Na Herba aquí e acolá latexa "a grande literatura, as pulsións das cousas que moven a escribir". Amor, morte, paso do tempo. "Se tivese que escoller algún trazo elemental", sinala, nun correo electrónico, Xabier Cordal, "escollería a carnalización do mito, dos deuses e da Historia, a súa conversión en experiencia contada conforme á triste medida do tempo humano".

Do tecido da poesía crepuscular de Cunqueiro desprendéronse innúmeros fíos. Pero o astro emita unha luz case cegadora. "Penso que non existe ningún poeta que sexa o seu herdeiro", afirma, categórico, Xesús González Gómez, "había que lelo e citalo, pero non estaba asumido". Negar a ansiedade da influencia, matar ao pai, detectar pegadas. Non hai cartografía válida por completo pero ningunha é mentira de todo. "Sería mellor non xulgar ningunha gran poética polos textos epigonais", matiza Cordal, "e o que a poesía galega debe agradecer a Cunqueiro é o seu profundo diálogo coa cultura galega e coa cultura universal sen partir de complexo homologador ningún".

É a independencia (literaria) da que tamén fala Iago Castro e que, ao seu ver, se converteu nunha posibilidade de lectura cando Con pólvora e magnolias lexitimou para a comunidade literaria a obra serodia de Cunqueiro. Non evita citar xenealoxías -"hai poemarios moi bos, como Á sombra dos pavillóns de Anxo Quintela, que dialogan con el"-, pero consigna máis "seguidores e algún mal esteticista imitador". Ao cabo, non é doado -de novo Cordal: "Tentar imitar a Cunqueiro e tratar de escapar da súa completamente da súa influencia deben ser dous problemas de envergadura parecida".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_