LucesColumna
i

A arte da fuga

Antonte tiven oportunidade de ver na televisión outro documental sobre Álvaro Cunqueiro. Aparecían persoas diversas a falar del e, intercalado, el mesmo nunha entrevista famosa na TVE. Unha entrevista na que voa a súa arte hipnótica de conversador e na que se nota que non ten secura. A secura é esa sede que non pode aliviar a auga. Cunqueiro sente que é unha conversa contranatura porque falta un elemento principal para a fantasía, o viño ao tan xenerosamente cantara. Digamos que o puritanismo da televisión daqueles anos sometera ao noso poeta á privación da bebida, como se pretenderan vencer por ese método a súa vontade, como se lle quixeran facer confesar algo.

Na reportaxe que vin antonte, pola virtude da montaxe, o interrogatorio converteuse en proceso xudicial, en auto de fe. Apareciamos (si, eu tamén estaba) declarando sobre o acusado Cunqueiro e, a seguir, aparecía el defendéndose do texto anterior. Sempre coa angustia de non ter nada para beber, mentres aumentaban os indicios acusatorios ou os comentarios suspicaces. Non todos acusaban, estaban tamén as figuras do seu fillo César ou de Rexina Vega, que facían defensas vehementes da figura do autor. Supetamente, apareceu na imaxe a praza da Quintana e alí Cunqueiro é asediado por un entrevistador fardado de progre da época: óculos, barba, casaco e ollar de rapaz (de neno non, de ave de rapina). Acaba de pronunciar o delicto, gravísimo naqueles anos, do que se acusaba a Cunqueiro. O escapismo. Facer unha literatura na que a realidade desaparece debaixo do manto máxico dun ilusionista. Facer unha literartura chea de pantasmas, metamorfoses, aventuras, esplendores do pasado, contos de vellas, vampirismo, xestas heroicas, velenos, narcóticos, paraugas, opios, unicornios, amores evanescentes, viaxes da raíña Mab na súa carroza de avelá polos hipotálamos do desexo, compañas, mouros, ceguiñas que len por braille, tesouros enterrados, ananas bordadoras, cabalos que falan e homes que matan nenos por orde dun rei. Aos seus críticos todo isto non lles parecía a realidade. E a súa arriscada viaxe ao fondo da mente humana, a esas paisaxes incógnitas, pareceulles a moitos, paradoxalmente, un acto de covardía.

Na entrevista da Quintana, Cunqueiro parecía ter a súa paciencia esgotada, víaselle irritado, anoxado, amargurado, aborrecido, enfastiado e tocado por un tenue sentimento de superioridade, olímpico. Nun novo esforzo por ser cortés, explicou que soñar ou desexar, para un home, é algo tan real como mercar tabaco ou durmir. É verdade que a maior parte da produción literaria de Cunqueiro é evasiva. A obra de Cunqueiro trata, como a de Bach, da arte da fuga. A arte de fuxir, de se escapar, de desaparecer, de disfrazarse, de marchar da casa, de que non nos apañen, de non ser identificado, de zafar por pouco, de que o disparo dos gardas pase fungando a escasos centímetros, de saltar o muro sen escorregar, de que non nos recoñezan, de non ter que voltar, de voltar só cando a saudade morde ferozmente, de entregarse, todas estas cousas que cómpren para a vida real do ser humano e que non se ensinan na escola.

- Kit para levantar o voo. Para iso está a literatura, para entregarnos mapas, roteiros, métodos para irmos a algures, modos de emprego de máquinas fabulosas e outros instrumentos para a vida diaria. Hai un escritor para cada cousa. Cunqueiro especializouse en planos de fuga. En métodos para evadirse de todo tipo de cadeas, físicas, mentais e morais. Un tópico dos filmes de guerra di que o primeiro deber de todo prisioneiro é fuxir. A literatura de Cunqueiro facilítalle ao fuxido vocacional o kit necesario para levantar o voo, a súa obra é unha colección de planos, de pasadizos, de horarios dos gardiáns, de palabras secretas, de bigotes postizos, de chaves duplicadas, de códigos, de perfumes para confundir os cans de presa, de pasos de fronteira, de lugares a escuso con lareiras para pasar a noite, de rotas de trens de mercadorías, de sherpas, de túneles baixo os aramios... Dos seus libros, o que máis obviamente cumpre este labor é Vida e fugas de Fanto Fantini, que inclúe entre as penitenciarías das que escapa o noso heroe unha cadea matemática da que ten que evadirse por medio de cálculos alxebraicos. Tamén indica como abandonar as cadeas do amor, onde é tan difícil durmir. E as outras, onde os ladrillos non deixar ver a Deus como os homes torturan os seus irmáns.

É sorprendente que nos tempos daquela entrevista da Quintana, nos que estaban as cadeas españolas a rebordar de presos políticos, se puidese considerar frívola unha literatura que trataba insistentemente, devotamente, da arte de evadirse. Eu tamén aparecín na pantalla. Falei do de sempre. De como Sinbad lle explica ao cego Abdalá o que é o teatro. É unha tentativa difícil, Abdalá é árabe, dunha cultura que non ten teatro e é invidente, o que representa un obstáculo para a arte escénica. Preferiría ter falado doutra cousa, de como encontrei en Cracovia ao propio Cunqueiro estudando un pequeno unicornio no barrio xudeu, ou do día que lles declamei aos taxistas do Meliá de Santo Domingo, evanxelistas, o poema Eu son Paltiel, fillo de Lais, e cando acabei os taxistas susurraron: palabra de deus. Por exemplo.

* Este artículo apareció en la edición impresa del 0023, 23 de diciembre de 2011.