_
_
_
_
Reportaje:Luces

Identidades disidentes

A visibilidade das opcións sexuais non heteronormativas é cativa na literatura galega

Cantos títulos da literatura galega pode citar nos que a homosexualidade apareza, dalgún ou outro xeito, reflectida? Non é este un tema do que se ocupasen moito nin a investigación académica nin a crítica. Por iso pode cualificarse de histórica a oportunidade para a reflexión que supuxo a celebración en Ourense das xornadas A marxinalidade na cultura: a homosexualidade, organizadas pola Fundación Vicente Risco.

"Son tan significativas as ausencias como as presenzas", asegura o escritor Antón Lopo, que participou no encontro ourensán. Aínda que, engade, "se ollamos ás literaturas máis próximas, a situación é semellante". A cuestión é, ao seu ver, que "se tentou encadrar na marxinalidade algo que é central: A esmorga foi definida como a mellor novela da literatura galega." A novela de Eduardo Blanco Amor é unha das poucas obras neste sentido que, parecen, de feito, ter o un lugar no canon. Asentada a interpretación sobre a tensión sexual entre o Bocas e o Milhomes, a profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández foi máis alá cunha hipótese que expuxo nas Universidades de Oxford e Massachusetts: Cibrán podería estar tamén agochando a súa homosexualidade. Pero a creación de Blanco Amor abriu máis debates. O Pen Clube de Galicia e Galaxia editaron Ars Amandi, un volume que analiza como a poesía do autor ourensán reivindica a súa condición homosexual.

"Aquí a escrita gai e lesbiana aínda está 'armarizada", afirma Beatriz Briones
Isaac Lourido cre que a situación cambiou desde a xeración dos oitenta

O filólogo Carlos Callón, coordinador das xornadas, contribuíu co seu ensaio Amigos e sodomitas: a configuración da homosexualidade na Idade Media a visibilizar máis a pegada das sexualidades non heteronormativas nas nosas letras. Mais non é necesario ir ao medievo. Francisco Rodríguez apuntou os símbolos andróxinos de Rosalía de Castro como mostras da súa sensibilidade homoerótica. Calquera intento de percorrer a historia da relación entre homosexualidade e literatura galega contemporánea atopa, porén, con serias dificultades.

Primeiro, de definición. O poeta e crítico Gonzalo Hermo -que cre que houbo un "silenciamento" da homosexualidade na literatura-, propón unha estratexia queer para abordar a cuestión. Nin o criterio autorial -que a obra sexa escrita por una persoa gai, lesbiana, bisexual, transexual...-; nin o repertorial -que fale de lesbianas, gais...- nin a recepción -que reflicta unha cosmovisión lésbica, gai...- lle parecen criterios operativos para distinguir unha hipotética literatura homosexual ou literatura LGBT (siglas de lesbianas, gais, bisesuais e transexuais). Así, prefire falar de "escrita queer", é dicir, aquela que pretende desestabilizar o discurso heteropatriarcal.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Baixo esta premisa, salienta traballos de Ana Romaní, Yolanda Castaño, Samuel Solleiro, Xiana Arias, Andrea Nunes, Fran Cortegoso ou Antón Lopo. Tamén a profesora e escritora Teresa Moure defendeu en Ourense unha perspectiva queer. Situou, nesta senda do cuestionamento da sexualidade canónica a María Xosé Queizán, Xavier Queipo, Mario Regueira, María Reimóndez ou Xosé Vázquez Pintor, entre outros. Con ese mesmo enfoque Carlos Callón realizou na Revista das Letras unha escolma na que incluía textos de Manuel Antonio, Álvaro de las Casas, Lorenzo Varela, Fermín Bouza Brey ou Antom Fortes, entre outros. Ocorre que ás veces os autores e autoras non se recoñecen nos discursos xerados pola crítica. Existe, ademais, medo ao encadramento: a ser sinalado como creador ou creadora para minorías ou como gai, lesbiana, e en, consecuencia converterse en obxecto de cotilleos.

"É que os debates contemporáneos arredor do xénero e as identidades sexuais aquí levan bastante retraso", sostén a profesora Beatriz Briones. Neste contexto, "a literatura galega lesbiana ou gai tende a estar aínda armarizada", polo que o traballo de visibilización que noutros países se desenvolveu nos oitenta está por facer. A tamén profesora e crítica Helena González engade que "a galega é unha cultura moi pudorosa". O crítico Isaac Lourido sinala, pola contra, o avance que supuxo neste sentido a xeración poética dos noventa, e xa algúns dos nomes dos oitenta.

A profesora e crítica Dolores Vilavedra recorda Precipicios de Beatriz Dacosta ou a moi recente Poñente, de Pere Tobaruela. E lanza dúas hipóteses: "Pode haber inhibición por medo a problemas. Pero se cadra o que pasa é que se acepta como algo natural, recóllese a madurez da sociedade niso, e por iso non se di nada na crítica". Outro debate é a evolución do discurso literario sobre as identidades sexuais. Que ten que ver Peito de vimbio de Alfonso Álvarez Cáccamo con Fábula de Xavier Alcalá?

O filólogo Paulo Filgueiras analizou esas mudanzas a través da comparación d' A semellanza de Queizán, Enriqueta na galería de Lois Diéguez e Ganga de Antón Lopo. No primeiro aprecia "patoloxización" do personaxe principal. No segundo ve unha denuncia da represión social da homosexualidade. E na terceira o exemplo dunha novela que "non busca a integración, nin a tolerancia social, só desafía o discurso heteropatriarcal dominante".

Soraya Domínguez presentou unha comunicación no IX Congreso Internacional da AIEG na que conclúe, a partir do estudo de Ten o seu punto a fresca rosa de Queizán, Lobosandaus de Xosé Luis Méndez Ferrín, Precipicios de Beatriz Dacosta e Unha puta percorre Europa de Alberto Lema que a representación do lesbianismo trata de facer ver tanto a súa invisibilidade social, como a lesbofobia ou a autolesbofobia. A propia Queizán, que tamén introduce unha parella de lesbianas na súa última novela, Meu pai vaite matar, cre que "aínda hai moitos prexuízos" e por iso "temor a definirse".

Subliña tamén Queizán como o canon si acepta a escritores ou escritoras que non reflicten a súa homosexualidade nas súas obras. A pregunta é, teñen que facelo? Non é responsabilidade do conxunto social tentar normalizar a situación? Non ten dereito cada un a facer co seu armario o que quere? Ela mesma, no seu último libro, non representa unha homosexualidade problematizada. "Porque estamos noutro tempo, que non é o d' A semellanza, na que criticaba a ecuación que iguala sexo biolóxico con xénero social", aclarou.

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_