A música popular rexenérase
Máis de 5.000 rapaces federados participan no rexurdir das bandas do país
A sala central do Auditorio de Galicia está ateigada de público. Agardan o veredito do xurado dun concurso musical. Botando unha ollada ao público obsérvase unha media de idade moi nova, unha ampla presenza de mulleres e uns looks que se poderían asociar con seguidores da saga Crepúsculo, con fans da cantante inglesa Adele ou con participantes de calquera talent-show televisivo. Pero son rapaces que forman parte de bandas de música chegadas de toda Galicia para participar no Certame Galego de Bandas de Música, todo un acontecemento. Estamos diante dos músicos que, malia os seus flocos caídos e as unllas de aire gótico que locen tocando o clarinete, forman parte do gran viveiro da música popular de Galicia.
Carreira matiza que aínda hai camiño na "dignificación das bandas"
Catorce agrupacións de música populares participaron a pasada fin de semana no festival. Son só unha pequena porcentaxe do cento de bandas que se calcula poden ter algún tipo de actividade en Galicia. A maioría delas, 88 colectivos sobre todo de Pontevedra e A Coruña, forman parte da Federación Galega de Bandas de Música Popular, que organiza este evento desde hai cinco anos, e que concentra aos máis de 5.000 músicos federados que ten rexistrados esta asociación. "Cada ano os xurados abráianse do nivel que hai con rapaces que na maioría non pasan dos 20 anos", explica Lucía Carreira, vicepresidenta desta Federación. "Todo está a cambiar desde hai uns anos para aquí. Abríronse escolas e empezaron a funcionar con profesionais moi ben formados e con profesores específicos para cada instrumento", indica Carreira sobre a evolución dos últimos anos.
O caso que conta Manuel Vilar, profesor da escola de música de Valga e director desa banda pode ser semellante ao que pasou en moitas localidades: "Hai 15 anos non había nada en Valga, case nin tradición musical. Agora hai unha escola de música de 130 rapaces, onde se forman os músicos para a banda". Esta formación ten 80 membros e pertence ao que nas categorías de bandas se denomina "sección primeira", que son as bandas que rebasan os 70 compoñentes. Cerca de Vilar, móvese entre os seus músicos Miguel Barrio, director da Banda de Música d'A Bandeira. Esta parroquia do Concello de Silleda apenas chega ao milleiro de habitantes, pero un amplo porcentaxe están vinculados á banda da localidade. "O vindeiro ano cumprimos 30 anos como banda de música, pero hai só catro anos que temos unha escola na que agora hai sobre 75 alumnos, e temos banda infantil e xuvenil", comenta o director. Barrio dirixe a banda pero traballa como profesional tocando a tuba na banda municipal coruñesa. "Fóra do traballo profesional isto non hai cartos que o pague. Hai que estar dentro para saber o que é", declara emocionado este músico orixinario de Merza, lugar no que se formou na súa histórica banda local.
Entre os músicos das bandas hai estudantes, empresarios, enxeñeiros ou caixeiras de supermercado, pero a todos os une un sentimento común: a banda de música do seu pobo e o orgullo de representala. "Saen das escolas de música e dos conservatorios e logo van á universidade ou atopan traballos pero sempre intentan manterse unidos á banda", comenta Lucía Carreira. Adrián Fuentes e Julio Iglesias teñen ambos os dous 26 anos e tocan na banda d'A Bandeira desde que tiñan 10 anos. "Cando empezamos apenas eramos 40 músicos e hoxe somos máis do dobre", explica Fuentes, que toca o friscornio na banda e traballa nunha empresa de pneumáticos. "Chegas de traballar canso e preferirías durmir pero hai un compromiso de ensaiar e vas alí e ao final préstache", di o saxofonista Xulio Iglesias, que xunto cos seus compañeiros leva ensaiando durante seis meses entre tres e catro días por semana, compaxinándoo co seu traballo de comercial nunha empresa de cervexas. "Un certame é unha boa excusa para facer ensaios esixentes. Ensaiar duro medio ano supón para os rapaces case como tres anos de clase", calcula o profesor Barrio.
As bandas ensaian e van facendo ao mesmo tempo as actuacións que lles van saíndo, normalmente nas verbenas de verán, onde son colocadas de recheo entre orquestra e orquestra, ás veces con cachés irrisorios. "Normalmente o que se paga non chega aos 2.000 euros, unha cifra case miserable en comparación cunha orquestra", denuncia Lucía Carreira, quen matiza que aínda hai camiño que andar no que denomina a "dignificación das bandas". "Hai que sensibilizar á xente do que son as bandas e que teñan unha carpa para protexerse ou que non as metan nun campeiro cheo de pó, onde sofren os músicos e sofren os instrumentos", comenta en relación a instrumentos como unha tuba, que custa uns 6.000 euros e adoita ser propiedade da banda, ao contrario que un clarinete ou un saxo propiedade dos propios músicos.
As bandas contemporáneas xa non son aquelas formacións algo anacrónicas que tocaban en palcos de pedra decimonónicos e aparecían en retratos de cor sepia. Agora son formacións moi vivas, ateigadas de xente nova e que buscan darlle un novo pulo á música popular.
Buscando un repertorio propio
"Ata hai pouco, o repertorio galego nas bandas era escaso ou nulo, e por iso precisamos traballar nese ámbito, e fomentar a composición e dar a coñecer novos talentos". Así resume a vicepresidenta da Federación de Bandas, Lucía Carreira, a necesidade de potenciar os novos compositores, un dos grandes obxectivos en que traballa a asociación á que pertence. Deste xeito, no Certame Galego de Bandas é obrigatorio para os participantes tocar unha peza inédita dun compositor novo. "É bonita a aprendizaxe das obras desde nenos, o esforzo, o respecto pola tradición musical e ver que estás participando dun patrimonio, ademáis dos vínculos co teu lugar de orixe", afirma emocionado Miguel Barrio, director da Banda de A Bandeira, unha das que este ano traballou con este novo repertorio.
As bandas aprenden as novas composicións, e, deste xeito, cúmprese un dobre obxectivo: a ampliación do repertorio musical propio, e que os compositores logren estrear as súas obras, algo que non todos os autores chegan a conseguir. "Hai que darlle status á música e as composicións galegas. Agora as bandas ata saen a concursos fóra levando repertorio propio, algo que nos orgullece, porque estamos a crear pouco a pouco un patrimonio musical e están emerxendo compositores moi novos que nos sorprenden", presume a vicepresidenta da Federación, desde onde gravan todas as pezas estreadas e cólganas na súa páxina web para que as bandas accedan ao rexistro visual e sonoro, ademais de difundir entre as formacións as partituras escritas que poden descargar libremente.
Nesta edición, as pezas seleccionadas foron obras dos compositores Andrés Álvarez, David Cuevas e Antón Alcalde. Este último está considerado como un dos compositores mais aprezados polas bandas e polo xurado. Malia ter só 19 anos, acumula xa media ducia de premios de composición, dous deles nesta última edición, o que levou ao xurado a cualificalo "máis como un referente que como unha promesa a pesar da súa idade". Este precoz compositor de Rianxo é o máis claro exemplo dos froitos que está dando este traballo. "Escribir música ou compoñer non é un problema, a cuestión está en lograr estreala, e para min este concurso está a ser un grande escaparate", explica Antón Alcalde, que ten a titulación profesional en percusión, pero unha formación completamente autodidacta no que a composición se refire. Obras como as de Alcalde e os seus colegas compositores teñen grande éxito de descargas na Rede.
"Algunhas destas pezas tiveron cerca dun millón de descargas, un 80% de persoas de diversos países do mundo", afirmou Rubén Souto, presidente da Federación de bandas no seu discurso ante os músicos. Unha desas pezas foi a obra Gavilán do propio Antón Alcalde, que unha orquestra de Medellín solicitou para interpretar hai unhas semanas en Colombia. "Un usuario que fixo unha descarga enviou unha mensaxe e preguntou Where is Galicia? [onde está Galicia?]. Pois Galicia está aquí, con músicos moi novos e máis preparados que nunca", concluiu no remate do seu discurso Rubén Souto. O repertorio galego empeza a expandirse.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.