O mundo dende outras perspectivas
Tras a invernía, as editoras foron quentando motores e preparando a enxurrada preestival de lanzamentos, que adoita estar protagonizada pola novela. Así, e ao abeiro do auxe que arestora experimenta o policial, reaparece Frank Soutelo en Lume de cobiza: ao detective séntalle ben voltar á terra e Miguel Anxo Fernández tira bo proveito da especulación inmobiliaria como cerne dunha trama construída e desenvolta con eficacia. No trasfondo, a Galicia arrasada polo lume no verán de 2006 déixanos unha desacougante sensación de dejà vu, que nos vencella coa historia e que chama pola lectura. Con estes vimbios, non é de estrañar que a novela chamase a atención das xentes do cine e que vaia ser levada ás pantallas. Pola contra, o exotismo do título da novela de Domingo Tabuyo, Svea kött (carne sueca) crea en nós unhas expectativas que non se ven satisfeitas por unha trama na que tardamos en entrar, resolta de xeito precipitado e pexada por excesos de información propios dun novato.
A versión inglesa de Lois Pereiro, de Jonathan Dunne, é impecable
O 'Animal abismo' de Diana Varela Puñal é máis ca unha revelacíon
Manuel Portas sae airoso da súa segunda novela, esa que a miúdo permite á crítica xulgar un primeiro acerto literario (no seu caso, a celebrada Denso recendo a salgado) como froito da casualidade. Portas demostra n'Un dedo manchado de tinta non só competencia narrativa senón tamén ambición creativa, ao poñer en diálogo historias e cancións, e ao rematar a novela cun pinchacarneiro metaliterario que pecha admirablemente un feixe de historias aparentemente inconexas. Unha proposta para explorarmos o lado oculto do cotiá, para descubrirmos o que de singular hai nas vidas que nos rodean, e unha chiscadela ao vello mito do autor demiurgo, se cadra non tan demodé como pensabamos.
E, por fin, podemos desfrutar de Agustín Fernández Paz nas coleccións de literatura supostamente para públicos adultos ou formados. A decisión de Xerais de incluír Non hai noite tan longa, a nova novela do vilalbés, na emblemática colección Narrativa pon en cuestión de facto a artificiosidade de moitas fronteiras literarias e chama a subvertelas. Tomándolle prestado o título a Shakespeare e ao seu Macbeth, o escritor propón, a partir da inxusta atribución dun delito no clima de enfrontamento social da posguerra, unha acaidísima reflexión sobre a memoria nas sociedades contemporáneas, sobre a necesidade de coñecermos o noso pasado e sobre o poder terapéutico da xustiza. Con Mladic por fin no cárcere e con Bin Laden non se sabe moi ben onde, Non hai noite tan longa apela a nosa conciencia ética e pode ser unha estupenda lectura familiar no verán, desas que alimentan o debate.
- Singularidades literarias. O bo de modalidades textuais como o ensaio, a poesía ou o teatro é que van por libre. Sendo como son xéneros non comerciais, as novidades non se moven por lóxicas estacionais ou mercantís e poden permitirse certa ousadía. Así, Antón Capelán reaparece con Seoane en Compostela e outros ensaios, un título equívoco porque a obra reúne tamén textos adicados a outros autores como Celso Emilio Ferreiro ou Blanco Amor. Tan ben documentadas coma sempre, Capelán ofrece ferramentas e ángulos novidosos para reinterpretar a nosa literatura.
A rede cómplice que pelexa por poñer a nosa literatura a falar noutras linguas segue a dar froitos: nesta volta saudamos a versión inglesa de Lois Pereiro que aparece baixo ao título Collected poems inaugurando a colección Galicia classics, de Small Stations Press. Coma adoita acontecer cando asina Jonathan Dunne estamos ante un traballo impecable, tanto na calidade da tradución coma no coidado da presentación.
Estaleiro Editora vén de publicar Um dia da minha vida de Bobby Sands. Igual que acontecía coa novela de Fernández Paz, arrepía a actualidade do texto. Inclúese aquí o relato que Bobby Sands, militante irlandés republicano, escribiu de cómo era un día calquera no cárcere de Long Kesh, no tempo en que os presos independentistas mantiñan unha folga de hixiene. A seguir, engádese o diario en 17 mensaxes que Sands conseguiu facer saír do cárcere nas primeiras xornadas da folga de fame que o levaría á morte. Era en Long Kesh no ano 81, pero podería ser antonte en Abu Ghraib, ou hoxe en calquera cárcere chino. A sensibilidade, a convicción e o lirismo que manan das páxinas de Sands producen un contraste eficacísimo coa dureza do narrado. Mágoa que o texto apareza nunha indefinida opción ortográfica que distancia aos receptores galegos sen conseguir cativar aos portugueses.
- Embargo de Castelao. E por continuar a aprender do pasado, non está de máis descubrir como foi o embargo e incautación da biblioteca de Castelao, reconstruído polo miúdo por Francisco Xavier Redondo Abal. Froito dun concienzudo labor de investigación, este Proceso a unha biblioteca que nos achega Laiovento en formato opúsculo podería lerse case como un relato policial se non fose polo tráxico trasfondo no que se desenvolveu a historia. Teimudos, quedan os libros como testemuña inapelable da talla humana e intelectual do seu propietario.
Tamén resulta gratísima a lectura do volume correspondente á Idade Media da Historia das mulleres en Galicia en catro tomos que está a publicar Nigratrea, co apoio da Secretaría de Igualdade da Xunta. Se todos eles son interesantes, neste caso a época estudada, que nos resulta relativamente coñecida polo cine e a literatura, fai que desta obra mane un engaiolante aire de familia, pouco común nos manuais de historia. Carmen Pallares, a súa autora, manexa con prudente habelencia a documentación para que o público profano non se sinta abouxado por ela e constrúe, tomando como exemplo a información conservada sobre as biografías dalgunhas mulleres concretas da época, un convincente fresco do seu vivir cotián e da súa proxección social. Máis útil ca nunca, unha obra coma esta desbarata tópicos e revela novidades sorprendentes sobre as singularidades do mundo medieval galego. Pero tamén explica como se chegou á situación actual e déixanos a todas ben claro que somos nós as que temos que escribir a nosa propia historia e pelexar polo noso futuro: ninguén o vai facer por nós, iso está claro, e a Academia ven de suscribilo coas decisións tomadas nas últimas semanas sobre as cadeiras vacantes.
E para iso, para axudarnos a ver o mundo dende unha perspectiva diferente, están tantas e tantas escritoras e investigadoras, de idades e intereses ben dispares. Velaí Eva Moreda, quen se achega en A Veiga é como un tempo distinto a un tema pouco aproveitado aínda na nosa literatura, e cuxo potencial intúen as xeracións creadoras máis novas -no esquezamos o precedente de Xesús Fraga: a emigración galega a Europa nos sesenta. O interesante da novela de Moreda é que pon o foco na vida das rapazas galegas no Londres daquel tempo, e aínda o é máis o feito de que a fórmula enunciativa empregada nos permita descubrir como vían esa vida -entre estupefactos e admirados- os galegos do seu entorno, pois a autora escolle como punto de vista o dun paisano da protagonista que elabora todo o seu discurso dirixíndose a ela, a amiga da infancia, un personaxe no que superpoñen o pasado e o presente, Galicia e Europa, os soños e a realidade. Ou velaí as voces das poetas: a de Eva Veiga, que nos axuda a entender e aceptar a morte, a ausencia e a memoria en A frecha azul do teixo; a de María Rosendo Priegue, que nos anima en Nómade a asumir unha identidade aberta e en constante evolución. E cómpre seguirlle a pista a Diana Varela Puñal: o seu Animal abismo é xa moito máis que unha obra revelación.
Poñámoslle o ramo a estas liñas con dous libros ben singulares. Cociñando ao pé da letra é un achegamento á arte culinaria realizado por non gastrónomos profesionais senón por artistas da palabra: o olfacto inquedo de Yolanda Castaño argalla para nós un menú completísimo con máis de 20 pratos, cada un presentado da man dun escritor ou escritora galega. Da sinxeleza dun bocata ou unha tortilla de patacas á sofisticación dun peixe sapo en prebe de avelás e alvariño, ou ao alarde técnico dunha empanada de millo de croques. Como compango, a literatura, as pequenas historias que acompañan este menú, e as fotos de Andrea Costas, que nos deixan de sorprendernos por seductoras (que fermosa está Lupe Gómez!) ou simplemente polo seu vigor plástico.
E se alguén coidaba que o tsunami Lois Pereiro xa devalaba, Jacobo Fernández Serrano permítenos velo dende unha perspectiva diferente e pouco habitual en Lois Pereiro. Breve encontro. Definido polo autor como "un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta", o libro partilla a condición híbrida de clásicos como o Kafka de Robert Crumb y David Zane Marowitz, a cabalo entre a biografía, o cómic e o libro ilustrado. Unha xoia da nosa literatura, ideal para ler en familia.
Recuperar o que o atafego esqueceu
O verán pode ser tempo de novidades, mais tamén pode ser unha boa ocasión para rescatar dos andeis aqueles textos que os atafegos do curso nos fixeron ir relegando ou esquecendo. A seguir, unha proposta de obras a recuperarmos como compaña estival.
-1Q84, de Haruki Murakami. Se a extensión resultou nun primeiro momento desalentadora, o vagar vacacional pode ser o intre para deixarse engaiolar polos protagonistas desta novela que non deixa a ninguén indiferente.
-Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández. Policial de calidade para incondicionais do xénero; tamén para os que non o son tanto, grazas ao atraínte que pode resultar a historia e á convincente resolución dos personaxes.
-Exogamia 0.3, de Ramón Caride: media ducia de relatos de ficción científica sobre temas de arestora, susceptibles de interesaren a públicos de idade diversa. Narracións depuradas que só teñen unha eiva: as 89 páxinas de que consta o libro saben a pouco!
-A poesía é boa compaña en épocas de desorientación. Baldo Ramos (A ferida de comprender) e Xoán Abeleira (As nosas sombras no xardín de Serralves) non decepcionan. As súas son palabras "que abren espazos" (e cito a Ramos), versos profundos e vigorosos que alumean este tempo gris que nos toca vivir.
E para que non se esgote o pulo reivindicativo, o Indignádevos! de Stéphane Hessel, con prólogo de Manuel Rivas. Como compango, os artigos de Manuel M. Barreiro, recollidos en A novísima dereita e nós, sólidas reflexións politolóxicas para entendermos a vaga neocon que nos asolaga, e para sobrevivirmos a ela.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.