Afonso X, avisado, guerreiro, poeta e furioso
Cando pretendemos imaxinar a Idade Media sempre nos enganamos. Nada era daquela como nos parece a nós e, contra o que nos aprenderon a pensar os nacionalismos todos, os reis non pretendían crear nacións ou estados-nación, senón imporen a súa vontade, afirmaren a súa liñaxe e o seu reino. Tampouco debemos aceptar as visións idealizadas dos reis, e así a idea que temos de Afonso X probabelmente é a contraria de como realmente foi. Máis ben deberamos imaxinar a este protector das letras e creador das Cantigas de Santa María non como un intelectual ou un poeta dedicado á ensoñación, senón como un guerreiro despiadado, un político avisado e intrigante, un mullereiro e unha lingua de subela. E no canto dun rei protector da nosa lingua, como foi imaxinado polos galeguistas, máis ben un astuto inimigo do Reino galego leonés e o seu liquidador. Aquel político, guerreiro, propagandista, home de acción movíase nun tempo en que a loita polo poder era feroz e el era un protagonista entre outros.
'Lady Macbeth' retrata mulleres que loitaron polo poder; mellor faría partindo de dona Urraca
É paradoxal que o rei que cerrou o destino de Galiza sexa recordado como valedor do galego
Lady Macbeth é un retrato literario de tantas mulleres raíñas ou princesas que loitaron polo poder na Idade Media. Tiraríase un retrato mellor partindo de Urraca ou da avoa de Afonso X, Berenguela, que tanto tiveron a ver coa historia do Reino galego, chamado en distintos momentos Reino da Galiza ou Reino de León. Con Berenguela comeza unha manobra política de fondo, un rumbo que comezará co seu fillo Fernando, coroado como Fernando III de Castela, e que rematará co seu neto Afonso X.
Esta historia comeza co vello rei Afonso IX, que tivo dous matrimonios, o primeiro con Dona Tareixa de Portugal, con quen tivo dúas fillas, Dona Sancha e Dona Dulce, e o segundo con Berenguela, de quen tivo un fillo varón, Fernando. Afonso IX tiña o designio de que se conservase a independencia do Reino do Noroeste, Galiza e León, e testou a favor de Dulce e mais Sancha, pois o rei receaba do seu fillo Fernando, a quen tutelaba a súa nai, Berenguela, quen lle leigara a coroa xa en vida dela. Fernando reclamou o trono para si e aínda que polo dereito galego podían herdar Dulce e Sancha, tras varias batallas, conseguiu os apoios para usurpar os dereitos das súas irmanastras e coroouse así tamén rei de León e Galiza. O que o Papa chamaría logo Rei Santo non foi especialmente xusto nin bo.
Este foi o comezo dun sometemento político explícito de Galiza a Castela: o século XIII, no reinado de Fernando III e Afonso X, foi a fin de Galiza como reino independente, xa sen posibilidade de reunirse con Portugal, e foi o comezo do Reino de Castela como centro dunha coroa que acabará tendo todo o seu poder coa dinastía alemá dos Habsburgo como un imperio europeo e americano. Porén, Fernando non foi tutelado só pola súa nai, pódese dicir que tamén lle deu apoio e tutela Rodrigo Ximénez de Rada, o arcebispo de Toledo, a diócese contraria a Compostela. De Rada, xudeu converso, foi un personaxe singular: intelectual, político e guerreiro, pódese dicir que foi o creador da idea da España castelá que repetiron séculos despois Ramiro de Maeztu ou Miguel de Unamuno. E moitos aínda hoxe. Vai ser con Fernando III que, ademais do dominio político, comeza a escribirse a falsificación da historia e as bases para argumentar a lexitimidade da nacente monarquía toledana ou castelá como un destino histórico. E vai ser no seu reinado cando comece o paso da lingua do Estado do latín ao castelán. A alianza cos clérigos, Ximénez de Rada e tamén Lucas de Tui, foi un piar do seu reinado fronte aos intereses e os dereitos invocados polos concellos das cidades. Con todo, Fernando conservou o apoio que antes dera o seu pai, Afonso IX, á cultura e a literatura galega que florecera na Escola Compostelá desde o tempo do bispo Cresconio. É con Fernando e co seu fillo Afonso X cando a literatura na nosa lingua ten o seu madurecemento.
Afonso X realmente continuou as liñas políticas do seu pai Fernando, foi belicoso como o fora antes seu pai. Xa en vida deste, e contra a súa opinión, Afonso entrou na guerra pola sucesión do trono de Portugal e con tal motivo apoderouse do Algarve. Fixo guerra en Navarra, Gascuña, Murcia, Cádiz, Xerez, Sevilla, Marrocos... Mais a súa ambición territorial ía alén dos lugares que podía alcanzar co seu exército e manobrou para conseguir ser emperador do Sacro Imperio. O soño era ser coroado polo Papa Rei dos reis cristiáns. Mais o Papa non o apoiou e ese foi o seu primeiro grande fracaso. Un fracaso que concluíu con outro definitivo, un preito entre os seus descendentes, enfrontados fillo e netos nun río de sangue. Afonso mandou asasinar ao seu irmán e a un xenro e morreu deixando sen herdo e maldicindo ao seu fillo, Sancho, El Bravo, en Sevilla no 1284.
Todo o seu reinado está atravesado por unha retesía co reino do que nacera a súa coroa, o Reino galego leonés, ou se se prefire co poder compostelán. A disputa entre Toledo, encabezada por un De Rada que buscaba a primacía, e Compostela, é unha disputa pola sede e a cabeceira do poder político e tamén é unha disputa lingüística e literaria entre a Escola Compostelá e a Toledana. Esa disputa levou a que dedicase a súa magna obra literaria, As Cantigas de Santa María, á Virxe, no canto de dedicarllas ao Apóstolo. Mesmo desviou cara a Virxe milagres que a tradición atribuía a Santiago. As Cantigas, pois, é unha manobra contra Compostela. O que non puido evitar foi que se escribise en galego portugués, pois era a lingua literaria de todo o Occidente peninsular. As Cantigas é unha obra extensa, variada e riquísima de inventiva e cun valor musical enorme. Sen dúbida é un dos monumentos da cultura europea de todos os tempos. Pode que o maior.
Unha parte da súa obra literaria, escrita por el ou mandada escribir do mesmo xeito que As Cantigas, é obra profana: de 44 cantigas profanas, só cinco tratan do amor, o resto son escarnios, burlas e ataques aos seus inimigos políticos. Para el a lírica, tanto as cantigas marianas como as profanas, foron un instrumento de propaganda política, tanto como a redacción de leis ou a invención dunha Estoria de España redactada segundo a súa conveniencia. Foi un monarca intelixente que comprendeu que para gañar e conservar o poder importaba tanto o poder militar como o poder ideolóxico, a propaganda.
Tivo tempo a ocuparse en que se redactase, en castelán, un corpo xurídico moi importante para fundamentar o estado, o Fuero Real e os códigos de leis Las Partidas ou Fuero de las Leyes. A lingua galega perde así a súa oportunidade de ser a lingua do novo reino; con todo, seguiu aínda a ser usada por escrito non só en Portugal senón tamén na Galiza, non sendo nas relacións coa Coroa toledana.
O paradoxal é que aquel rei que cerrou o destino histórico para Galiza é recordado hoxe como un creador e valedor da lingua galega e portuguesa, cousa que tamén é. Mesmo por ser o avó do rei poeta na nosa lingua, Don Dinís de Portugal. Nin sequera un rei afouto e dono do seu destino, é ben que así sexa. E, ben mirada, a cousa ten graza e de seguro que a el tamén lla había facer.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.