_
_
_
_
Entrevista:XAVIER QUEIPO | Escritor | Luces

"A miña independencia faime incómodo para a maioría"

Radicado en Bruxelas desde 1989, Xavier Queipo non sabe se viviría agora en Galicia de ter atopado traballo como biólogo ou tradutor cando volveu ao país para ser "expulso unha outra vez", segundo precisa por correo electrónico. Non se arrepinte. Vinte anos despois de Ártico, Queipo (Santiago, 1957) vén de publicar en Galaxia Cartas marcadas, os textos difundidos entre 2007 e 2008 na web do Consello da Cultura, onde escribe do que quere, moitas veces sobre sucesos da época. "Sen dúbida unha táctica compensatoria".

Renovador, canda Borrazás ou Cid Cabido, da narrativa galega a partir dos 90, na obra de Queipo sobrancean as formas breves, a literatura de viaxes e a prosa analítica sen barreiras de xénero. É consciente de que se vende mal, pero non lle importa. "Non hai que ser nin sequera marxista para se dar de conta que o reducionismo, o maquiavelismo ou a dialéctica binaria non funcionan no mundo dos soños", di sobre sobre a condición poética da ficción. Nos seus libros, as identidades colectivas empezan dentro dun.

"Quizais Dragona non foi ben recibida porque a sociedade é moi conservadora"
"Ter un traballo alimenticio garante unha independencia que non dá a venda"
"Os narradores dos 90 fixeron o seu camiño, sen declaracións grandilocuentes"
"Feijóo é un mal gobernante porque non entende a esencia do ser galego"

Pregunta. Caderno da revolución cultural, Felices e diferentes e, agora, Cartas marcadas, responden a unha mesma necesidade de amosarse persoalmente?

Resposta. Todas esas intervencións, tanto na radio como na páxina do Consello da Cultura, foron convites dos responsábeis, nun caso de Ana Romani, do Diario Cultural, e noutro de Santi Montes, de culturagalega.org. Trátase sen dúbida dunha táctica compensatoria. Xa que non podo estar na vida do país de xeito presencial, acepto convites para presentar as miñas ideas, pois, como saberá, o ego dos artistas non ten límites. Se os tivese, dedicaríanse a outra cousa.

P. Abrir a escala do real, na ficción, é entender que nada se pode reducir a unha época ou a un país?

R. Non hai que ser nin sequera marxista para se dar de conta de que o reducionismo, o maquiavelismo ou a dialéctica binaria non funcionan no mundo dos soños. E pouco máis que soños son esas proxeccións mentais que entendemos como arte.

P. Cambiaría algo na recepción da súa obra de vivir en Galicia? O seu "destino como escritor", como di, non sería igualmente "a imaxinación e a marxinalización"?

R. Iso pertence á categoría das adiviñacións. Nin teño unha bola de vidro para ver o que pode acontecer no futuro nin os parámetros necesarios para avaliar esa hipótese. O corazón dime que non mudaría moito, pois a miña independencia faime incómodo para os máis.

P. Nas recensións de Dragona saían antes "o sexo e a droga" cá homenaxe a Severo Sarduy. Sentiuse entendido?

R. Dragona non foi tratada co cariño que eu esperaba e que sen dúbida merecía o esforzo, se cadra por inesperada ou porque Galiza é unha sociedade moi conservadora. Severo Sarduy é certamente un referente, mais pasado polo filtro do tempo e da distancia, pois as coordenadas vitais e artísticas son distintas... As recensións feitas por amateurs son iso, recensións feitas por individuos aos que se lles asigna un rol para o que non están preparados nin académica nin analiticamente. Bambean, pois, entre a loubanza desmesurada e o descrédito gratuíto e irreflexivo. Unha peniña!

P. N'O tamaño importa, critica a teima pola novela grosa como un signo de atraso.

R. Quero que se me entenda ben. Non critico a novela grosa en si. Sería tan absurdo como elevala á categoría paradigmática da literatura. Simplemente chamo a atención sobre a existencia dunha teima específica que ve a calidade no volume. A teima, de tanto repetila, adquiriu categoría de dogma, o que fai que anoxe aínda máis. Para escribir unha novela son necesarias técnica e dedicación, mais tamén o son para escribir narración breves, poesía, teatro ou ensaio.

P. Hai xeración dos 90, anque só sexa pola ausencia de grupo?

R. Hai o que hai, un grupo de escritores que comezaron a publicar nos 90, cada un deles constitúe un mundo. Se cadra o que hai na meirande parte de nós é un interese pola renovación temática e formal. Logo cadaquén fixo e fai o seu camiño sen que existan entre nós nin manifestos nin declaracións grandilocuentes

P. Interesaríalle vivir da literatura ou non se debe?

R. Eu vivo na literatura e na realidade. Ter unha profesión alimenticia, cun salario e uns dereitos de pensión, garante unha independencia que depender do termómetro das vendas non dá. Pódome permitir luxos que os escritores profesionais non teñen e iso incrementa os meus graos de liberdade. Sobre o que se debe ou non, discrepo desa falsa dicotomía.

P. Entende as razóns de Suso de Toro?

R. As razóns da liberdade individual e o exercicio da mesma enténdoas sempre. Unha decisión vital non se toma dun día para outro, senón que adoita ser resultado dunha reflexión e de múltiples variábeis.

P. Ten catro títulos traducidos ao portugués sen pasar polo castelán, o que non é habitual. Ata que punto condiciona esta peaxe calquera estratexia industrial?

R. Iso funciona case sempre así. Coido que a estratexia das linguas minoritarias require desas peaxes, pois non abondan os tradutores directos nin os grupos editoriais, cada vez máis concentrados, apostan pola literatura que non é negocio seguro. Laxness, o Nobel islandés, non o sería se non fose traducida a súa obra ao inglés. Son peaxes estruturais e non exclusivas do galego. Cantos autores usbecos, iugures ou armenios son traducidos a outras linguas?

P. Cando o bipartito, pregaba que os gobernantes "se dean conta a tempo antes de que teñamos un panorama dominado polos gaiteiros caricatura, polos escritores caricatura".

R. Falaba de identificar o discurso oficial co discurso dos intelectuais afíns. Os gobernantes poden estimular a diferenza, promover a disidencia, deixar que agromen cen flores de pensamento e non por iso van ser peores gobernantes. Na miña opinión é función dos gobernantes precisamente estar ao día do que pensan, senten e queren os gobernados, e non a de vivir de costas ás pulsións e ás tensións inherentes a unha sociedade plural.

P. Falaba daquela da necesidade de abrírmonos á lusofonía "sen saír da nosa esencia de lingua diferenciada e país independente". Como o ve agora, vostede que ten acceso ao Feijóo internacional?

R. O señor Feijóo é, ao meu parecer, un mal gobernante, precisamente porque non entende a esencia do ser galego. Mais hai moitos parámetros que non podo controlar para establecer un diagnóstico axeitado. Segundo o Estatuto de Autonomía, o castelán é cooficial co galego no territorio da comunidade autónoma, o cal quere dicir que non o é fóra de Galiza. Dese xeito, cada vez que o presidente non fala en galego cando fai unha intervención pública fóra de Galiza, está actuando contra o espírito e a letra do Estatuto de Autonomía. É iso un bo gobernante?

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_