O cine galego, de Cans a Cannes
O sector busca fórmulas para consolidar o éxito sen precedentes deste ano
A quen follee en Internet, sen aviso previo, o programa da edición deste ano do Festival de Cannes, chamaralle a atención un feito estraño, á vez que familiar: na relación de películas que se poderán ver un título en inequívoco galego, Todos vós sodes capitáns. Na Quincena dos Realizadores, a sección paralela independente do certame que mellor combina popularidade e prestixio do circuíto internacional, foi seleccionada esta longametraxe de Oliver Laxe, o cineasta galego nado en París e agora residente en Tánxer. Tamén Celda 211?a película que, polo método do ollo-boca-orella chegou a estar entre as dez máis vistas da historia do cine español, naceu nun terceiro piso da Rúa Real da Coruña, cando unha parella de produtores se fixou nunha novela que non vendera nin 2.000 exemplares, e viron nela unha película. A frauta soou por casualidade ou foi o resultado dunha aprendizaxe? Cousa de talento dos creadores ou do talante das institucións?
Pawley: "Só coa selección de Óliver Laxe, este é o mellor ano da historia"
Para Reixa, trátase da proba de que o sector é "maduro e diversificado"
"As dúas, unha peza persoal de autor e unha obra de xénero destinada ao público, son mostras dun audiovisual diversificado e maduro. E tamén de que a política audiovisual hai que planeala a medio prazo, porque eses dous proxectos comezaron con axudas públicas hai dous ou tres anos", considera o autor e produtor Antón Reixa. Pero de ónde saíron estas, de autores que no seu día estrearon no Festival de Cans (O Porriño) hai máis. Estes días Pradolongo, de Ignacio Vilar, continúa en Portugal esa especie de milagre da distribución guerrilleira que lle fixo superar os 40.000 espectadores. A finais de ano estreouse A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, e Enrique Otero presentou en Cineuropa un adianto do seu filme Os Crebinsky. Relatos, de Mario Iglesias, foi seleccionada para competir no Festival de Tokío, un dos doce de clase A en todo o mundo. Carlos Amil agarda estrear en breve A casa da luz, baseada nunha obra de Xabier P. Docampo. Luís Avilés rematou a montaxe da súa ópera prima, Retornos, e Vaca Films está a negociar a súa comercialización, mentres el anada a preparar a súa segunda película.
Cunha produción menos clásica, "están Arraianos, de Eloi Enciso, feita cun grupo de teatro do Couto Mixto, e Dous fragmentos/Eva, de Ángel Santos, que vai quedar varios pisos por riba da media do cine galego", debulla o crítico Martin Pawley, que considera que soamente a estrea da película de Oliver Laxe xa dá para soster que 2010 será o mellor ano do audiovisual galego. "Agora pódese falar de cine galego, non antes", dixo Mario Iglesias, recén chegado de Tokio. Pero as obras que conflúen este ano, ou confluirán, non agromaron espontaneamente. En realidade naceron e medraron ao longo de toda unha etapa, que comeza a mediados da década. "No goberno bipartito, a Axencia Galega do Audiovisual tivo un empeño para que saísen novos directores, apostaron claramente polo talento", considera Enma Lustres, directora de Vaca Films.
As axudas públicas foron por dous camiños. Un cara o ámbito das producións máis comerciais, e o outro para o que na propia Axencia chamaban "o mundo paralelo". "Para aqueles que fan películas porque é un medio de expresión artística. O apoio á creación en estado puro foi no único sitio de España que se fixo, e no seu momento resultou moi criticado, pero sabiamos que ía dar moi bos resultados", di o que foi o director da Axencia Galega do Audiovisual (AGA), Manuel González. Logo de que en 16 anos só se fixeran catro longametraxes en versión orixinal galega, nesta tempada realizáronse 14 de ficción e 70 documentais. O que non está moi claro é que se estea sementando para recoller dentro dun tempo. O 2009, co Consorcio do Audiovisual suspendido e acéfalo ata onte mesmo, e coa AGA primeiro paralizada e agora deglutida pola Agadic, foi un tempo e un impulso perdido. Se a media de produción no trienio 2006-2009 foi de 249 títulos anuais, no 2009 foi de 134. As 17 longametraxes de ficción de 2008 quedaron en cinco en 2009.
E para que haxa calidade, normalmente ten que haber cantidade. "O audiovisual é un cultivo específico. Aínda que a árbore estea xa crecida, que un ano dea moitos ou bos froitos non implica que os vaia dar o seguinte", prevén Enma Lustres os ataques de euforia. E conseguir un bo produto non vale de nada se non se dá a coñecer. Pawley aposta, polo menos nese "mundo paralelo" por chegar aos públicos internacionais interesados nesas novas miradas: "As produtoras galegas non adoitan apostar polos valores de aquí, e tráenos de fóra, aínda que sexa para facer castañas. E logo, o seu obxectivo é estrear na Gran Vía de Madrid. Pois agora todo o máis interesante cinematograficamente sucede na periferia".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.