_
_
_
_
Luces

A gaita fóra da súa cuncha

Daniel Bellón, o gaiteiro máis premiado con apenas 25 anos, estrea proxecto, un quinteto abeirado á 'world music' e sen complexos á hora de fusionar ritmos

O título do novo disco capitaneado por Daniel Bellón non oculta intencións: Folk fusión. A nome do BellónMaceiras Quinteto, a gravación opera no terreo movedizo da mestura de tradicións e na contorna da etiqueta world music. Ou esa é, polo menos, a percepción do gaiteiro, e para a ocasión saxofonista, Bellón (Ferrol, 1985), quen realiza neste rexistro un proxecto de anos. "Dende que comecei a tocar con Diego [Maceiras, acordeonista], tiñamos esa idea", matina, "pero facíase inviábel, porque o panorama folk estaba copado de máis. En canto nos demos a coñecer como dúo, retomamos o plan do quinteto".

Pero o traxecto que percorreu Daniel Bellón, o practicante da gaita máis galardoado do país, da parroquia tradicionalista ao folclore transmutado por bastardización con ritmos do mundo, comezou hai xa 15 anos. E como tantos outros militantes do star system folk, nun grupo de gaitas local, por caso Airiños de Fene. "Máis que meterme eu, meteume o meu pai, e como tantos outros rapaces, ese foi o meu primeiro contacto coa gaita". Ningunha epifanía, ningún mestre escintilante, acompañou os inicios de Bellón, que tamén encetaría o camiño académico no conservatorio, sección piano e clarinete. "O profesor de Airiños chamábase Miguel Doval, pero usaba aquel método segundo o que nos puña a repetir o que el tocaba", láiase, "non tiven mestre nin padriños".

Como tantos outros rapaces, comezou no grupo local, Airiños de Fene
En 'Folk fusión' hai habanera, 'reggae', samba, pop ou mesmo blues
Dende os 11 anos, comparte proxectos con outro gaiteiro, Pedro Lamas
"No meu coche non sempre están soando gaitas", bromea Bellón
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO
Más información
Do concurso ao focos do espectáculo

A verdadeira escola do gañador de tres certames Constantino Bellón, catro Gaiteiro de Soutelo e do Throphée Macallan do festival de Lorient, na Bretaña, foi "xuntarse a tocar con outros". E coñecer a Pedro Lamas, dende 1996 "compañeiro de viaxe" e gaiteiro co que partilla o cuarteto Luvas Verdes. Aos catro anos de formar o combo, en 2005, botaron á rúa & Fandango desesperado, no que interpretan dez composicións de Lamas, unha de Bellón e outra de dominio público. "Seguimos por aí, tocando moito", relata, "e gañamos todos os concursos aos que fomos, agás un ou dous".

Máis alá do neotradicionalismo de Luvas Verdes, o mundo Bellón, "e moitas horas de ensaio e de inventar proxectos", tamén circula a través de Bellón & Maceiras. A peculiar parella formada por gaita e acordeón desembocou, no mesmo ano de 2005, en Unión das terras, canda a voz de Xabier Díaz, o pandeiro de Xosé Lois Romero e a guitarra acústica de Álex Blanco.

"Bellón & Maceiras é a orixe do quinteto", teoriza o gaiteiro prodixio, "xa que tocabamos moitos dos temas que agora facemos os cinco". Nunha terapia na que a dieta musical procedía do que lles "apetecía" en cada momento, na Unión das terras aparece o célebre Libertango do home que levou o tango ao futuro -Astor Piazolla, arxentino-, melodías propias ou célebres tonadas do pobo do xorne da Muiñeira de Pontesampaio.

O dúo acadou, igual que outras aventuras do ferrolán, o éxito no mapa competitivo do folk galego. O galardón de Radio Obradoiro de Santiago e o do escenario Runas, dedicado a novas promesas, do Festival de Ortigueira de 2006. Corenta concertos que chegaron a Andorra ou Cornualles salfiren o currículum de Bellón & Maceiras. "Co dúo, démonos a coñecer e viaxamos moito, porque ás veces a nosa proposta funciona mellor fóra que aquí", relata, antes de lembrar o seu peculiar triunfo en Varsovia: "Tocamos nun club de rock & roll e a xente quedou encantada. Bailaban con aquilo tan exótico dunha gaita e un acordeón".

E o exotismo como base de operacións metamorfouse, finalmente, no combinado de individuos que pariron Folk fusión. "Durante o primeiro ano dedicámonos ao repertorio do dúo e logo fomos ampliándoo". Para completar a formación, o acordeonista Diego Maceiras e o gaiteiro saxofonista Daniel Bellón ficharon ao contrabaixista Juan Tinaquero, habitual de Miki & the Bluesmakers, o guitarrista (eléctrico) Juan Cabe, nas fileiras de Harry Navisson, e o precoz batería Miguel Lamas, de 17 anos, "un fenómeno", segundo Bellón.

"Facemos fusión con todo", ri, "porque é un capricho. Así definimos o grupo, un capricho no que facemos o que nos apetece". O que parece unha boutade promocional materialízase nunha restra de estilos que, por acción ou por accidente, rematan por comparecer nos dez cortes do elepé: tango, habanera, pop, samba, estética de aires rumanos, reggae, arestas andaluzas. Todo acicalado pola gaita de Bellón. "Gustános rizar o rizo", confesa divertido, "e se cadra iso inflúe na lonxitude dos temas, de cinco ou seis minutos e con partes improvisadas".

Autodefinido como "viaxe xeográfica polos ritmos coa peculiaridade da gaita", en Folk fusión "o importante son os arranxos, todos do quinteto". Tres composicións propias, de Bellón e Maceiras, comparten espazo co Tango pour Claude do francés Richard Galliano ou La Valse del Niglos, peza de resoancia xitana e orixe na década dos anos 30 que invoca o espírito da guitarra de Django Reindhart. A conexión blues sorprende no medley que xunta Unha noite na eira do trigo, a melodía de José Castro, Chané sobre o poema de Curros Enríquez, con St. Louis Blues, rexistrada fonográficamente en 1914 e da autoría de William Cristopher Handy.

Folk fusión incorpora, ademais, a praxe musical patentada pola banda: o espicho. "Consiste en encher os ocos entre cancións con melodías recoñecíbeis, procedentes de calquera fonte", explica. Da teleserie dos anos 80 O coche fantástico á popular tonada de Henri Mancini para A panteira rosa ou a pequena música dos Fraggle rock. "A pretensión é xogar con quen escoita o disco", define esta táctica con algo de xeracional na escolla dos fragmentos. Tamén de eclecticismo, que confirma o propio Bellón ao relatar o que adoita reproducir o casete do seu automóbil: "Vai por épocas, pero sempre poño moito jazz, neste días o harmonicista Antonio Serrano ou Perico Sambeat; a Louis Armstrong, música clásica...". "Non sempre soan gaitas no meu coche", bromea.

"Do que se trata é de que queremos sacar a gaita fóra da cuncha", sintetiza Daniel Bellón, "levala a novos contextos. Sabemos que haberá críticas bestiais, pero iso é bo". No anecdotario que dá conta do espírito do disco, o gaiteiro rememora un ensaio sobre os oito compases blues. "Improvisabamos un blues, e eu collín o saxofón. Entón, Juan [Tinaquero, o baixista] díxome 'deixa o saxo e tócao coa gaita, que ese é o chiste".

Con todo, o paso de gaita hero da tradición ao apostolado das músicas do mundo fol mediante non é excluínte. Bellón compatibiliza proxectos e docencia na madrileña Escuela de Folklore de Plaza Castilla, aínda que no tempo inmediato se vaia centrar en Folk fusión. O 19 de abril, na Coruña, o 21 en Ferrol e o 30 en Santiago suporán o debut público dun quinteto que pon a vista nos escenarios internacionais.

O gaiteiro Daniel Bellón.
O gaiteiro Daniel Bellón.Xurxo Lobato

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_