Ideas para "contaminar e que nos contaminen"
Saen en galego monografías sobre os filósofos Toni Negri e Gianni Vattimo
A teoría é que a comunidade non se atopa. A práctica, falando de filosofía, obriga a irradiar no sentido contrario, recoñecer e activar o que está abaixo. Proxecto Derriba, unha ducia de persoas con formación filosófica e entidade virtual desde 2006, presenta nas I Jornadas Galegas da Ediçom Independente -en Santiago do 2 ao 5 de marzo- Outro xeito de ser e A potencia da multitude. Dous ensaios didácticos de Brais Arribas e Abraham Rubín sobre senllas encarnacións do pensamento actual: Gianni Vattimo e Toni Negri. É Estaleiro Editora quen os publica en papel, ademais de permitir a descarga de balde.
"Practicamos os principios do software libre no noso ámbito de coñecemento", din como colectivo. Trátase de distribuír unha guía de cada autor, cunha pequena introdución e cunha escolma de textos en galego. "Ideas que teñen unha relación moi directa co presente, e que a penas circulan en Galiza, na súa lingua e no seu contexto". Na páxina dos Derriba xa é posible baixar traballos sobre Ulrich Beck e Jacques Derrida, aos que se unirán en breve Slavoj Zizek e Judith Butler. A motivación non lles chegou na Facultade compostelá, pero si a atoparon na "marabillosa singularidade" de tres profesores do departamento de Filosofía da UNED: José María Ripalda, Cristina de Peretti e o chorado Paco Vidarte, especialista en Derrida.
"Como regra xeral non se pode depender do que vén 'derriba'
"O nacionalismo perdeu a súa forza utópica o día que marchou Fraga"
Entre o fracaso da ciencia, a división da ética e o pensamento que triza a realidade como se fose un fenómeno sociolóxico -amais do feito de teren que traballar-, os Derriba manteñen a revista dixital Derritaxes, espallan dazibaos (periódicos murais) na Rede a xeito de "wiki de guerrilla" -aproveitan o marco espectacular de certos eventos para anunciarse nas súas marxes- ou improvisan concertos en calquera aldea. Este mes, están na Facultade de Socioloxía da Coruña para falar dos filósofos sobre os que escriben, en colaboración coa Universidade Invisíbel. Un laboratorio social que se inscribe na mesma tradición operativa. "Tecer unha rede autoxestionada, rizomática -sen centro, por entre as fendas institucionais-, que funcione para as persoas e os colectivos", din, a propósito dos movementos sociais emancipatorios en Galicia e a distancia que os separa do acto e da xente. "Como regra xeral non se pode depender do que vén derriba". Para a economía e para a cultura, As tres ecoloxías (Guattari) parécelles "manifesto programático".
Os libros sobre Negri e Vattimo, agora, non se conciben para teitar o burato do pensamento en galego pendente de divulgación. "Interésanos contaminar por aí adiante e que nos contaminen a nós, desde logo. Falta nos fai". O retallo vale para o pensamento nacional como paisaxe eivada, tan afastada ás veces da deconstrución coma do acto: "O nacionalismo perdeu a súa forza utópica o día que marchou Fraga, dende entón debería estar nunha fase de redefinición. E por outro lado o pensamento sempre é algo fráxil, atópase a carón dunha alteridade radical; o resto é someter a filosofía á chantaxe dunha moral conservadora".
Nese mesmo sitio ecoan aínda as biografías de Vattimo e Negri, comunistas puros -pola predisposición ao común- en épocas ortodoxas. Para Abraham Rubín, que inclúe unha selección de textos do autor de Marx alén Marx que ultrapasa Multitude (2005), a pertinencia do pensador que quixo facer do marxismo unha teoría do poder segue vixente, máis alá da súa capacidade evocadora: "A Negri acúsano de ser un "asasino intelectual" [foi detido por suposta complicidade coas Brigadas Vermellas] e méteno na cadea co obxectivo de identificar un culpable que represente a un movemento inapreixable. No Estado español esta estratexia apréndese rápido".
Se Rubín combate a crueldade que supón acusar de "místico sen transcendencia" a Negri, como fai Callinicos, Brais Arribas recupera n'Outro xeito de ser, a propósito de Vattimo, a metafísica con fins sociais e políticos do autor d'As aventuras da diferenza. Contra a literalidade do pensamento débil (pola obra conxunta de 1981) e a perda das loitas semánticas -de posmodernidade a pluralismo-, o ourensán remarca o nihilismo activo do outro italiano. "É o alixeiramento do ser e da razón o que fai necesaria a aparición das voces discordantes que foron silenciadas", lembra.
A Estaleiro, en boca de Carlos Diegues -autor d'A revoluçom pendente-, interésalle "cubrir carencias" no mercado editorial, orfo de iniciativas coma esta desde a serie sobre filósofos de Baía Edicións. "Pero por moi alternativos que sexamos", acouta con ironía, "traballamos con quen forneza materiais de interese".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.