_
_
_
_
Entrevista:ALFREDO CONDE | Escritor | Luces

"Escribo en galego, pero aquí son un monstro, un bicho e un cabrón"

Novelista e conselleiro de Cultura no tripartito de Laxe, Alfredo Conde (Allariz, 1945) foi testemuña activa do pacto entre o galeguismo institucional e Fraga. Tras o cruce de declaracións orixinado por Xuízo, sentenza e condena, a longa entrevista que lle fai Xosé Manuel del Caño, o autor de Xa vai o Griffon no vento verbalizou na súa columna en El Correo Gallego a intención de pasar ao castelán, pero -di- "non podo negarme a min mesmo". Conde é un dos 11 Premios Nacionales que esixen a dimisión de Roberto Varela.

Pregunta. Por que pide a dimisión do conselleiro de Cultura?

Resposta. Somos tres millóns de habitantes, cuns poucos centos de miles de lectores en galego. Temos un límite demográfico e mediático. Pero pódense limitar os individuos, a nosa cultura non pode ser limitativa. O grego, o danés ou o finés tampouco son limitativos. Iso non o pode dicir unha persoa solvente.

"Quen di que a nosa cultura limita non é unha persoa solvente"

P. Houbo quen se sorprendeu, dada a súa asistencia ás feiras de Frankfurt e Guadalajara.

R. Iso pode ser unha limitación de quen opine así. A miña opinión mércase por unha viaxe? Non é mentira que, ao mellor, quen pagou a nosa viaxe a Guadalajara non foi Cultura, senón os editores galegos. Tamén estiven en Cuba convidado polo Ministerio de Cultura, e aquilo foi unha barrabasada.

P. Se Varela non tratou de rebaixar o perfil da cultura galega, é simplemente falta de plan para a política cultural?

R. Non o sei, a min non me consta. O que si é certo é que o momento é moi crítico para a nosa cultura e que esta só se salvará se o esforzo é común e compartido. Non se pode construír un espazo cultural propio uns contra os outros ou mantendo na inopia aos máis directamente involucrados no proxecto.

P. Hai uns meses declarou a súa intención de abandonar o galego, pero ao final non o fixo.

R. Daquela razóns tíñaas todas...

P. Foi unha carta de Damián Villalaín que descualificaba as súas afirmacións sobre Casares?

R. As máquinas de vapor son regulares ata que rebentan coa presión. Supetamente concatenáronse unha serie de feitos e díxenme: "Estou facendo o gilipollas". Con outro tipo de motor, debín facelo cando me deron o Nadal. Se daquela o mandase todo tomar polo cu, outro galo me tería cantado. Na miña interpretación dos feitos, a Casares vencérono os ciumes.

P. Dóelle aínda aquilo?

R. Unha asociación cultural de Pontevedra, que eu fundara no franquismo, dérame a Ponla de Toxo como traidor á lingua galega. Pasaron 20 anos e aquí nin dios moveu unha man. Logo entérome desa carta en EL PAÍS na que se din de min cousas atroces. O detonante. Pasáronme pola cabeza 30 nomes que tiña que coller o teléfono para apoiarme... Que fago eu aquí? E dixen "non escribo nada máis en galego". Pero as cousas son así de simples: póñome a escribir e escribo en galego. Non vou negarme a min mesmo.

P. Non é que a crítica galega se ocupase moito da súa obra.

R. Eu publiquei antes en Rusia, onde teño nove títulos, ca en España. O ego amidonáronmo en Italia... Durante anos, din máis conferencias alí ca en España. E digo España, en Galicia a desproporción é maior. Sobrevivín con esas traducións ao italiano, ao inglés ou ao chinés, con Memoria de Noa. Aquí case vendo por unidades, cando o Griffon leva vendido no mundo millón e medio de exemplares. O que fixen fóra mantívome vivo como ser humano, non xa como escritor. E facéndoo todo en galego, aquí son un monstro, un bicho e un cabrón.

P. Benxamín Casal, canda Casares, Piñeiro e vostede un dos catro independentes do PSOE no primeiro Parlamento, acusouno de "utilizar" a Piñeiro.

R. Un canalla e un miserable, é o que lle dixen, e fun prudente. "Escribes en español" é o único que foi quen de tatexar. O que fala el na casa todo o día... Iso foi porque a Casares, a Sixto Seco, a Tosar e a min nos convocou Piñeiro para dicirnos que comera con Fraga e que viña disposto a defender os nosos postulados. Eu comprometín cousas en virtude deses datos. "Ti dixeches que Piñeiro vos convocou para apoiar a Fraga, a min non mo dixo", contou Benxamín.

P. Tras a primeira lexislatura, só quedou vostede no PSOE.

R. En 1985 acordamos desaparecer e comunicámosllo ao PSOE. Chamoume Piñeiro e díxome que non deberiamos perder pé nos temas de cultura. Eu díxenlle que ía entrar en La Voz de Galicia para dirixir o suplemento cultural. Díxome que o adiase. Luís Mariño (o falecido editor de Xerais) fora moi amigo de Casares, e a amizade rematara. Luís dicíame: "O Carlos anda dicindo que está moi preocupado por ti, pero como se preocupa por min: 'Este Luis que home culto é, que boa persoa é, que editor caralludo, pero estou tan preocupado por el porque bebe tanto...". A xente quedaba con que Luís era un borracho. E comigo igual, pero que como estaba arruinado tivera que someterme ao PSOE.

P. Que máis pesa na súa consideración de "guillotinado"?

R. Todo xogou. 42 anos, Premio Nacional, competindo con poesía e ensaio, conselleiro, casara con outra muller... "A este hai que matalo", dicía de broma Casares. En certa maneira pásalle a Suso de Toro. Porque pensa que nalgúns casos ten que apoiar a Zapatero, déixase de valorar a súa literatura. Tamén se empeza a non perdoar a Rivas, cando o que tes que facer é potencialo. Eu abrín ese camiño. En Madrid, escritor nacionalista. Aquí...

P. Pensa que en Madrid o teñen por nacionalista?

R. En España son aínda un escritor galego; hai outros escritores galegos que non se sospeita que escriban en galego. Pero son fundamentalmente un escritor, independentemente da lingua. Fártame moito falar do Nadal e de Casares, do que xa só recordo as cousas boas... A miña vida é moito máis ca iso.

P. Que o segue motivando para escribir?

R. Para o artigo diario, a fin de mes. Se me tocase unha primitiva, adicaríame só á novela.

P. A que ten en camiño volve ser novela histórica, como María das batallas?

R. Non, policíaca. Escribina en castelán e sairá en Edhasa. Aparece unha doctoranda morta que investiga as doenzas que padeceron en vida os humanos da necrópole debaixo da catedral... Os que a len din que é un Mankell galego (ri).

O escritor Alfredo Conde, na súa casa de Brión esta semana.
O escritor Alfredo Conde, na súa casa de Brión esta semana.ÓSCAR CORRAL

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_