"O adxectivo Real foi un xeito de defenderse dos caciques autóctonos"
Na mesma mesa do mesmo café de Santiago onde, hai 55 anos, escribiu Percival e outras historias, o seu primeiro libro de narrativa, Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) repasa os retos do seu mandato na Real Academia Galega. A custodia das vellas palabras do idioma aparece entre os obxectivos prioritarios do presidente Ferrín: un dicionario, unha gramática e un catálogo "masivo" de topónimos e antropónimos. "A Academia debe traballar en silencio", prescribe. A curto prazo, o seu admirado poeta, e amigo de anos, Bernardino Graña, ingresará na Rúa Tabernas.
Pregunta. Imaxinouse algunha vez á fronte dunha Academia?
Resposta. Non... Non.
P. Pero seguro que o adxectivo Real non lle prace...
"Alonso Montero e Franco Grande participaron na crítica ao decreto" "Quizais porque os fundadores foron masóns, traballamos a gusto no segredo"
"A análise do decreto do galego amosou a soberaría da RAG" "A institución atópase nunha especie de limbo xurídico"
R. Faime lembrar a Curros Enríquez, que era republicano, e foi o que máis defendeu nos inicios que a Academia pasase á condición de Real. El vía, así o explica en cartas persoais, que chamarse Real era unha forma de defenderse do caciquismo galego. Coincidía cos irmandiños, que clamaban polo poder real fronte aos nobres autóctonos. Así herdamos a Academia e así a conservamos.
P. E segue a ser un xeito de se defender dos caciques autóctonos?
R. Hoxe creo que non. No pasado, posibelmente o foi.
P. Vai abandonar a súa militancia política?
R. Sigo pensando o que pensaba, sigo tendo as mesmas ideas e estando onde estaba.
P. Houbo quen sinalou a incompatibilidade do seu compromiso coa esquerda independentista e o cargo de presidente.
R. Con ser membro da Frente Popular Galega?
P. Si.
R. [Sorrí] Non é incompatíbel con ningún cargo na democracia monárquica española pertencer a ningún partido. Sería anticonstitucional.
P. Por que logo de máis dun século de historia, o financiemento da Real Academia Galega continúa a ser o seu principal problema?
R. Nós recibimos moitas axudas, e hai que dicilo. Por unha parte estamos en precario, pero por outra recibimos axudas de moitas institucións, ás que lle estamos moi agradecidos. Pero non pode continuar esta situación. Ten que haber un apartado nos Orzamentos da Xunta e mesmo nos do Estado que cubra as necesidades da Academia. Si, estamos axudados polas deputacións, polos concellos da Coruña e de Lugo, por infinidade de particulares e fundacións. Pero esa non é a situación que necesitamos, necesitamos máis diñeiro e ese diñeiro ten que ser transparente, público.
P. A que se debe esa eiva histórica?
R. A que non é ningunha institución que dependa da Xunta nin, estritamente, do Estado español, aínda que se trata dunha institución pública. Está nunha especie de limbo xurídico.
P. Posicionamentos da Academia tan inequívocos como o referente á lingua, non poden dificultar a negociación dun mellor financiamento coa Xunta?
R. Non ten nada que ver. Non creo que a Xunta de Galicia nos vaia castigar, nin vingarse. Sería pensar moi mal da xente. Penso que esas cousas non ocorren.
P. Daquela, a soberanía da que adoitan gabarse os académicos non é un mito?
R. A Academia é soberana. Comprobamos que o é. O documento chamado Análise académica, que é crítico co decreto do galego da Xunta, foi unha decisión respaldada por unanimidade, respaldada mesmo por dous académicos que non concorren ao plenario, que están separados voluntariamente dos traballos académicos.
P. Intentará que eses dous académicos, Xesús Alonso Montero e Xosé Luís Franco Grande, se reincorporen á vida activa da institución?
R. Tanto eu como todos os meus colegas están desexando que se incorporen plenamente. Xa se incorporaron de forma efectiva á Análise académica e fixeron valiosas contribucións. Pero, polo menos, que aparezan tamén fisicamente.
P. Alonso Montero e Franco Grande foron dous dos impulsores da súa propia entrada na Rúa Tabenas.
R. Si, así é.
P. Cales son os retos máis urxentes do seu mandato?
R. O máis necesario é culminar un dicionario numeroso e grande, á altura do noso tempo, que nunca vai ser o definitivo. A elaboración dun dicionario é unha tarefa constante, ten que estar sempre medrando. Tamén é urxente a elaboración dunha gramática normativa. E na Academia sentan as persoas capacitadas para facelo. Debemos, ademais, tomar o peso da toponimia de Galicia. Intervir non só nos nomes de poboacións, senón tamén de ríos, de montañas, e na antroponimia persoal. Está pendente unha renovación masiva dos apelidos galegos e recuperar as formas galegas.
P. Vostede mesmo axudou co seu Consultorio dos nomes galegos (Xerais, 2008).
R. Unha pequena contribución... E tamén é a nosa responsabilidade ter maior presenza da que temos no galego da Galicia exterior. Estas tarefas requiren moito silencio, pouca presenza mediática e un bo financiamento.
P. Precisamente o actual dicionario da Academia, cuxa terceira edición data de 2000, recibiu fortes críticas.
R. É insuficiente, pero é insuficiente porque responde a outro estado da lexicografía galega. Houbo novas iniciativas, algunhas espléndidas, como o último Xerais. A Academia debe ir a un dicionario á altura da etapa actual da lexicografía.
P. Tamén resulta peculiar que unha Academia centenaria non editase unha gramática.
R. Así foi, así foi. Temos que botar unha gramática.
P. E como enfocará a política exterior?
R. Xa está enfocada. Temos académicos de honra, persoas representativas da lingua e da cultura no exterior, no antiguo Reino de León ou en Extremadura. A iso hai que darlle unha presenza a través da reivindicación dos escritores galegos desas zonas, como Morales, ou co estudo da toponimia, que non está no nomenclátor oficial de Galicia. Son moitas as tarefas. Pódese chegar a acordos co Goberno do Principado, de Castela, de Extremadura.
P. Barallan nomes para a vacante do Plenario?
R. Si, pero non se poden dicir. A Academia ten unha vocación de traballo en silencio, pero tamén de esixilo. Non sei se será porque eran masóns moitos dos seus fundadores que está a gusto no segredo [ri].
P. Que vai ser da súa carreira literaria?
R. A miña carreira literaria non corre perigo, está na súa fin, en la última vuelta del camino, como dicía Baroja. Lévoa con tranquilidade.
P. Prepara libro?
R. Si, pero tampouco se pode dicir. Teño cousas, tentativas de narrativa... Como fixen sempre.
P. Pero si que ultima un limiar á poesía galega de Farruco Sesto Novás.
R. A edición está preparada por Yolanda Castaño, que fixo un traballo espléndido. Eu teño que estamparlle un prólogo pero, con estas cousas, estoume retrasando.
P. Como lle sentou todo este balbordo?
R. Eu non teño experiencia en cargo ningún. Nunca foi sometido a tanta observación pública, nin a tanta crítica, pero teño outro tipo de experiencias que me axudan a levar as cousas con tranquilidade.
Feijóo: "Agardo que o seu pasado político non marque o seu labor"
Alberto Núñez Feijóo saudou a estrea de Xosé Luis Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega (RAG) con dúas recomendacións. Por unha banda, "que fale pouco e defenda máis a riqueza e a supervivencia do idioma galego". E doutra, que o seu pasado político non marque o seu labor institicional.
"O pasado político das persoas que están nas institucións non sei se marca a súa actividade na institución, espero que non", declarou o presidente galego, preguntado pola militancia "abertamente independentista" do novo presidente a RAG. "En Galicia todos nos coñecemos", dixo, para engadir: "Corresponderalle a el non politizar a Academia". Feijóo expresou o seu maior aprecio "polo escritor Méndez Ferrín".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.
Archivado En
- Xosé Luis Méndez Ferrin
- Declaraciones prensa
- Alberto Núñez Feijóo
- RAG
- Vicepresidencia autonómica
- VIII Legislatura Galicia
- Presidencia autonómica
- Comunidades autónomas
- Xunta Galicia
- Parlamentos autonómicos
- Gobierno autonómico
- Política autonómica
- Administración autonómica
- Galicia
- Gente
- Parlamento
- España
- Política
- Administración pública
- Sociedad